Skip to main content

O Primavera do Cine celebra a súa sétima edición premiando a Chelo Loureiro e proxectando 'Cabra, marcado para morrer' de Eduardo Coutinho

A primeira en tomar a palabra foi Carla Amado, directora do Instituto Camões que remarcou o inmenso esforzo que realiza cada ano o festival por traer a Vigo películas lusófonas.

O concelleiro destacou a súa enorme satisfación de poder contar cun festival que xa celebra a súa sétima edición, o que demostra o sitio co que conta dentro do sétimo arte ó seren un festival único e con señas de identidade moi marcadas. Falou do compromiso do director do certame e a súa tenacidade por achegar á cidade un cine que mostra distintas realidades sociais.

A gala continuou con Carlos Veleiro como condutor da inauguración e estivo especialmente centrada en dous contidos de especial relevancia: a entrega da mención honorífica a unha profesional do audiovisual galego como é Chelo Loureiro, e a proxección dun clásico do documentalismo brasileiro: Cabra, marcado para morrer, de Eduardo Coutinho. Un filme que leva á gran pantalla a historia das Ligas Campesiñas do norte de Brasil, contrarias á reforma agraria e reclamaban unha mellora nas súas condicións de vida. A cinta céntrase na figura de João Pedro Teixeira, líder campesiño asasinado en 1962, e a vida dos seus familiares.

A homenaxe concedida en cada edición pola organización do Primavera do Cine recaeu este ano en Chelo Loureiro, unha produtora comprometida, reivindicativa e que tanto aportou á animación, un cine no que tanto Galicia como Portugal son punteiros e que, sen dúbida, hai que seguir apoiando.

Recibiu o galardón de mans da Diretora de Arte, Marta Villar, e mostrouse ó mesmo tempo sorprendida e encantada. Destacou que o cine é un arte colectivo, que ten a inmensa sorte de poder traballar en algo que é a súa paixón e que entende cada premio individual como un recoñecemento colectivo.

Doutra banda, aproveitando que Brasil é o país convidado desta nova edición do Primavera do Cine en Vigo, a organización do festival busca achegar a figura de Eduardo Coutinho ó público xa que é un dos documentalistas máis importantes do Brasil e gran representante do Novo Cinema Brasileiro, unha das vangardas máis recoñecidas e recoñecibles da sétima arte latinoamericana.

A PROGRAMACIÓN DO XOVES 10 DE MAIO

Xa no ecuador do Primavera do Cine en Vigo, o xoves 10 de maio proxectaranse no Auditorio do Concello dúas longametraxes lusófonas de claro carácter reivindicativo: O dedo na ferida, de Silvio Tendler que se exhibirá ás 20.00 e Aquarius ‘Doña Clara’, de Kleber Mendoça Filho que terá lugar ás 22.00 no mesmo auditorio.

O dedo na ferida é unha película que fala do fin do estado do benestar e Aquarius ‘Doña Clara’, de Kleber Mendoça Filho, é unha obra protagonizada pola gran Sonia Braga que narra a resistencia dunha muller de abandonar o seu fogar no que é, un dos mellores papeis da súa carreira.

Dentro do apartado de curtas galegas, ás 18.30 no Auditorio do Concello será o turno para Aysha, de Fon Cortizo, quen retrata na súa curtametraxe a unha poetisa xordana ou The App, de Julián Merino, unha unha obra que aborda as implicacións que poden chegar a ter as novas tecnoloxías.

Aysha foi unha das grandes triunfadoras de Curtocircuito 2017 e alzouse con dous galardóns: o premio AGAG ó mellor guion e o premio Galiza á mellor curta galega.

The App arrasou no festival nacional de curtametraxes Talavera de la Reina 2017, facéndose con diferentes galardóns entre os que se atopan o premio á mellor curta nacional e ó mellor guion.

Así mesmo, o xoves tamén se poderán ver grandes títulos de animación no Instituto Camões ás 18.00 como The Neverending Wall un alegato contra a violencia que xeneran os muros. Contra todos os muros, de Silvia Carpizo, É preciso que eu diminua, un videoclip realizado polo recoñecido Pedro Serrazina ou Surpresa, de Paulo Patrício, que aborda o cancro infantil a través dunha sincera conversación entre nai e filla.

Os seguintes pases do Camões, esta vez de curtas lusófonas, poderanse ver ás 19.30 e as 21.00 respectivamente e contarán coa proxección de obras como O forasteiro, de Diogo Cronemberg; Flores, de Vado Vergara e Henrique Bruch na primeira sesión e O vestido de Myriam, de Lucas H. Rossi ou Mãe querida, de Jõao Silva no segundo pase de curtas lusas.

PREZOS

Cada bloque de curtas terá un custo de 2'50€ e as longametraxes serán a 3,50€. Todas as entradas poderanse adquirir na sede correspondente desde media hora antes de comezar a proxección.

A programación completa da VII edición do Primavera do Cine pódese consultar na propia web do festival: http://primaveradocine.com/programacion/





Primavera do Cine