Galicia promove na ITB de Berlín o potencial do Camiño de Santiago e os recursos naturais e enogastronómicos
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada por unha delegación de máis de trinta empresarios pertencentes ao sector turístico galego encabezan a comitiva participante na feira internacional ITB de Berlín, unha das tres máis importantes do mundo, onde se está a promover a oferta e as experiencias turísticas que brinda Galicia aos viaxeiros alemáns, o segundo mercado internacional máis importante en Galicia.A presenza de Nava Castro hoxe na feira inclúe unha axenda de traballo con encontros con representantes do sector profesional, tanto dos que xa traballan o destino Galicia como con aqueles que teñen previsto incluír a nosa Comunidade entre a súa oferta, así como con autoridades turísticas doutros países como Xordania para establecer vínculos especialmente no eido do turismo relixioso e o Camiño de Santiago, coa peregrinación como marco.
A Comunidade galega está presente cun espazo singular con tres mostradores e unha zona de traballo para profesionais a fin de establecer relacións comerciais con operadores, axentes e empresas turísticas de Alemaña, un público especialmente interesado pola natureza galega, o litoral, a enogastronomía, as tradicións e o Camiño de Santiago.
O alemán é o segundo mercado internacional en Galicia e os datos revelan que o ano pasado obtivo uns dos seus mellores anos turísticos na Comunidade. Marcou máximos históricos, con máis de 260.000 noites nos establecementos regrados, o que supuxo un 5,6% máis que o ano anterior. Chegaron, ademais, máis de 160.000 viaxeiros alemáns que quixeron quedar máis días en Galicia, cunha subida da estadía media do 8,8%. No ámbito específico do Camiño de Santiago, consolidouse como o segundo internacional, só por detrás de Italia. Chegaron máis de 23.200 peregrinos, un 7,72% máis que o ano anterior.
Destino diversificado e atractivo todo o ano
Nesta 52ª edición da ITB de Berlín, Galicia presenta a oferta turística das catro provincias, combinando propostas de costa e interior, patrimonio natural e tamén cultural a través dos 10 produtos cabeceira de marca, entre os que destacan as iniciativas de turismo mariñeiro ou a Ruta da Camelia, que percorre 12 pazos e xardíns e que son de especial interese para o mercado alemán.
Como novidades, tamén están presentes algunhas das últimas experiencias turísticas como Escenarios ao volante, que permite percorrer Galicia a través de 25 rutas insólitas por estrada e 50 miradoiros imprescindibles; Galicia Surfing, con propostas de viaxe de ata 15 días para coñecer os recursos asociados ao mar e o surf ou o Club da Auga, que aglutina experiencias de turismo náutico e mariñeiro, termalismo e a travesía náutica xacobea.
Crecente internacionalización
Coa presenza de Galicia na ITB de Berlín, a Comunidade galega preséntase como destino completo e atractivo durante todo o ano cumprindo, ademais, cos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020. O documento incide na importancia da internacionalización para garantir un destino diversificado, sustentable e desestacionalizado. Por iso destina unha das súas once liñas estratéxicas en exclusiva a este capítulo, onde se incide no papel que a presenza en feiras sectoriais ten para, ademais de traballar con mercados emerxentes, consolidar os xa asentados na nosa Comunidade.
A ITB de Berlín conta este ano coa participación de máis de 10.000 empresas de 186 países que presentarán os seus produtos máis novos e as últimas tendencias do sector global. Este ano espérase unha afluencia de ata 100.000 profesionais e outros 10.000 visitantes máis durante a fin de semana, cando a feira se abre ao público xeral.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia

