Santiago vive no 2017 a mellor temporada baixa de turismo dende o Ano Santo 2010

Os datos do INE amosan tamén que o crecemento constante en número de pernoctacións na cidade nos últimos anos estase producindo grazas ao importante incremento do turismo internacional. Así, mentres que, no Ano 2010, o 71,6% das pernoctacións foi de turismo doméstico e só o 28,4% de turismo internacional, neste 2017, o turismo internacional roldará xa o 50% do total.
As cifras indican igualmente que Santiago está vivindo unha desestacionalización paulatina nos últimos anos, con mellores cifras ao longo do ano, pero especialmente nas temporadas baixas e media. Na temporada baixa deste ano, entre novembro do 2016 e febreiro do 2017, a cidade tivo máis de 320.000 pernoctacións, a segunda mellor cifra da serie histórica, só tras o Ano Santo 2010. Pola súa parte, a temporada media deste ano 2017, de marzo a xuño, foi xa a mellor da historia, por riba incluso do Ano Santo 2010.
A continuación, a empresa Valora, gañadora do concurso municipal para a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2022, fixo unha presentación das principais liñas de traballo que seguirá nas vindeiras semanas. Será un plan de carácter participativo, cos seguintes obxectivos principais:
- Coñecer á realidade actual da situación turística da cidade mediante un Plan de Concertación, elaborado a partires de enquisas, entrevistas personalizadas e mesas de traballo co sector, e o análise de fontes de información.
- Avaliar a sustentabilidade e a eficiencia na xestión dos fluxos turísticos, analizando ás necesidades de gravames e taxas, así como as medidas contra a oferta de aloxamento non regulada.
- Definir as liñas de traballo estratéxicas e as accións a desenvolver para o turismo nos próximos anos.
Finalmente, o profesor Caramés presentou o seu informe sobre a Taxa Turística, no que se conclúe que a implantación desta Taxa en Santiago sería unha medida apropiada, sempre que se fixera dunha maneira proporcionada, tendo en conta as diferentes temporadas e tipos de aloxamento, e utilizando ademais tipos moderados. O proceso de introdución da Taxa debería de ir precedido dun diálogo co sector para amosarlles as razóns que motivarían a medida, explicándolles que o produto da Taxa serviría para financiar capítulos vinculados co turismo, de tal xeito que o propio sector se vería directamente beneficiado.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela