Skip to main content

Case 5.000 maiores galegos participarán no programa Turismo Social este ano

Un total de 4.971 maiores galegos poderán participar este ano no programa turismo social, a través do que a Consellería de Familia ofrece uns días de vacacións, entre 8 e 12, en diversos destinos nacionais e internacionais a prezos asequibles. As actividades desenvolveranse entre os meses de abril e novembro.

A iniciativa, que pretende mellorar a saúde dos participantes e dar resposta as súas necesidades de ocio, convivencia e comunicación, abrangue seis modalidades: turismo de intercambio, termal, de praia, para emigrantes, de saúde e “galegos no mundo”.

Os que opten polo turismo termal, para o que hai 1.881 prazas, recibirán un tratamento axeitado para prever ou paliar certas doenzas moi frecuentes entre os maiores, como a reuma ou os trastornos respiratorios. Haberá un total de 29 quendas para elixir e as instalacións onde se desenvolverá este programa serán os balnearios de Baños de Molgas, con 240 prazas; Baños de Brea, 180; Caldelas de Tui, 55; O Carballiño, 720; Carballo, 150; Cuntis, 236, e Lugo, 300.

Ao “turismo de praia”, no que figuran como destinos a vila de Panxón e as illas Canarias, poderán ir 440 persoas.

O “turismo de intercambio” ten por obxecto potenciar os lazos con persoas maiores doutras comunidades autónomas ou países. Nesta convocatoria tomarán parte 2.120 persoas que elixirán entre as comunidades de Valencia, Castela e León, a rexión norte de Portugal, Illas Baleares e Madrid.

En colaboración coa Consellería de Emigración realízase a modalidade destinada aos emigrantes, que posibilitará que 290 galegos no exterior poidan visitar ás súas familias en terras galegas. Pola súa banda, “galegos no mundo” terá este ano como destino Arxentina.

O “turismo de saúde”, cun cupo para 120 persoas, dedica nesta edición as vacacións aos maiores diabéticos, nun programa no que colabora a Asociación de Diabéticos de Ferrolterra.

Todos os programas, agás o de saúde (maiores diabéticos), están dirixidos a persoas que superen os 65 ou aos pensionistas de máis de 60, residentes en Galicia (agás nas quendas destinadas a emigrantes), que teñan autonomía persoal e que non padezan trastornos mentais. Os interesados deben efectuar a inscrición antes do 30 de marzo en calquera rexistro da Consellería de Familia ou nos servizos de Atención Primaria dos concellos.

Os beneficiarios seleccionaranse aplicando o baremo establecido, no que se prioriza ás persoas que menos veces asistiron ao programa, ás de menores ingresos e ás de maior necesidade de tratamento termal. Contémplanse 32 prazas gratuítas para aquelas persoas en situación de precariedade económica e establécense 100 prazas para os participantes que acrediten cumprir as vodas de ouro neste ano.

Os servizos incluídos no programa son os desprazamentos en autocar e/ou avión, segundo o caso, as estancias en habitacións dobres en réxime de pensión completa en hoteis ou residencias que teñan unha calificación mínima de tres estrelas, animación socio-cultural, asistencia médica e póliza de seguros.

A Consellería de Familia financia arredor do 40% do custo total deste programa de turismo social, que dispón dun orzamento cercano ao millón e medio de euros. Segundo o destino, os participantes realizarán unha achega de entre 156 e 328 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia