Skip to main content

Arrancan as Festas do Apóstol 2017 cun percorrido á Compostela popular a cargo da cantante Uxía Senlle

A cantante foi presentada pola xornalista Pilar García Rego, con quen Uxía traballou no programa da TVG Alalá. Posteriormente, Uxía comezou o seu discurso agradecendo a invitación e sentíndose "moi honrada polo convite para dar o pregón na capital de Galicia, nesta cidade que adoro".

Uxía fixo un percorrido pola súa propia historia en Compostela para continuar debullando o Santiago máis popular, plural e cotiá con referencias culturais e musicais. Uxía Senlle non só leu o seu pregón, senón que recitou algúns versos de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro ou Federico García Lorca. Tamén deixou espazo a artistas máis actuais como Voces Ceibes, Terbutalina ou Emilio Cao e fixo unha mención especial ao seu gran amigo e compostelán Fran Pérez "Narf".

Ademais, a cantante reivindicou vivir a propia cidade de Compostela, tanto de día como de noite. "Despegade do Netflix, dos chats e das redes sociais e ide aos concertos, ás salas de teatro, a bailar, a cantar e a vivir a noite de Compostela". Uxía rematou cantando con toda a praza "Polo Sar abaixo..."

Música na Quintana

O pregón de Uxía Senlle foi o pistoletazo de saída a unhas festas do Apóstolo 2017 que comezaron con música, tanto na praza de Feixóo como na Quintana. Ás 20:30 horas puidemos gozar do concerto de jazz-rock de Xan Campos ESD e, a partir das 23:00 horas, fixémolo coa primeira sesión de Terra da Fraternidade, cos concertos de Raigaña + Mercedes Peón (Galicia) en sintonía coa banda polaca Warsaw Village Band.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela