Skip to main content

A Xunta difunde o turismo galego de negocios entre os principais operadores de San Petersburgo e Moscú

As cidades rusas de San Petersburgo e Moscú acollen os días 30 e 31 reunións profesionais incluídas no programa Dolce Vita, no que participarán os principais operadores e destinos relacionados co turismo de negocios e no que Turismo de Galicia promoverá a oferta galega relacionada con este segmento entre os principais operadores especializados de Rusia.

Neste certame, o departamento de Turismo da Xunta conta cunha axenda de contactos que inclúe organizadores de xuntanzas profesionais, axencias, institucións e empresas de transporte de Rusia orientadas á organización de viaxes profesionais, congresos e outro tipo de reunións.

Así, Turismo de Galicia presentará as capacidades da Comunidade galega para a acoller este tipo de viaxes, tendo en conta as infraestruturas canto a pazos de congresos, aloxamento e comunicacións.

Ademais, nestas xuntanzas promoverase a oferta turística galega xeral, e a gastronomía, a cultura e o Camiño de Santiago en particular, como elementos diferenciadores para os operadores rusos.

Plan de promoción

Neste eido, ao longo deste ano, Turismo de Galicia estará presente nunha decena de acontecementos relacionados coa promoción do turismo de negocios que se desenvolverán en distintos lugares de Europa, de xeito que esta modalidade turística estará en todos os mercados especializados, tanto nacionais como internacionais.

O turismo de negocios en Galicia experimentou un notable desenvolvemento durante os últimos anos, debido, en parte, ao incremento e mellora da infraestruturas precisas para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo.

Así, o incremento das prazas hoteleiras, a creación de pazos de congresos, a apertura de instalacións especiais para celebrar eventos e a aparición de empresas especializadas, son os factores máis salientables dentro do desenvolvemento desta modalidade turística en Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia