Skip to main content

Galicia presenta a oferta turística nos mercados máis importantes do norte de Italia

As cidades italianas de Milán, Boloña e Padua acollen unhas xornadas de promoción do destino Galicia nas que Turismo de Galicia presentará a oferta turística da Comunidade galega centrada no Camiño de Santiago e os produtos relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía.

Nestas xornadas, organizadas por Turespaña, o departamento de Turismo da Xunta manterá, así mesmo, xuntanzas de traballo cos principais operadores turísticos do norte de Italia, un dos mercados exteriores máis importantes para Galicia.

Deste xeito, Turismo de Galicia reunirase mañá cos principais axentes de viaxes da contorna de Milán, nunha presentación que terá lugar nun céntrico hotel da cidade milanesa.

Así mesmo, o departamento de Turismo da Xunta presentará a oferta turística galega en Boloña e, por último, o día 11 de maio, os principais operadores da cidade de Padua coñecerán o destino Galicia dentro destas xornadas de promoción directa.

Destino multiproduto

Na súa estratexia de promoción neste mercado europeo, Turismo de Galicia aposta pola segmentación, de xeito que a promoción se basea en produtos específicos relacionados coa cultura, a gastronomía e a natureza, ademais das compras e os congresos. Como elemento diferenciador, o departamento de Turismo da Xunta incluirá na súa promoción o Camiño de Santiago.

O ano pasado, nos hoteis de Galicia aloxáronse 141242 viaxeiros procedentes de Italia, un 10% máis que no ano 2015.

Neste sentido, os hoteis da Comunidade galega acolleron durante o primeiro trimestre do ano 2017 un total de 7687 viaxeiros, un 10,6% máis que nos mesmo período do ano anterior.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia