Skip to main content

Inaugúrase a Casa da Lamprea, novo reclamo turístico no vínculo de Pontecesures co río Ulla

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, inaugurou a Casa da Lamprea, un lugar onde coñecer e degustar este tradicional peixe galego.

Durante o acto, a responsable de Turismo da Xunta destacou que, a pesar da importancia que adquire neste concello a súa relación co río Ulla e coa lamprea, patente na celebración anual da Festa da Lamprea, non dispoñía dun espazo axeitado que reflectise estes vínculos. Neste senso, explicou que “este novo espazo enfocado á rúa é un punto de encontro, de música, de baile, pero por encima de todo é un lugar onde gozar da lamprea”.

Nava Castro sinalou que a sinxela combinación dunha estrutura metálica e a distribución estratéxica da vexetación crean este lugar acolledor que, segundo afirmou, “invita tanto ao veciño como ao visitante a coñecelo e desfrutalo”.

Neste senso, a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, incidiu en que a iniciativa permitirá dinamizar a praza de abastos da localidade, cuxa modernización apoiou o ano pasado a Consellería de Economía, Emprego e Industria cunha axuda de preto de 55.000 euros para a realización de obras no interior do mercado.

A Casa da Lamprea é resultado dun convenio de colaboración a través do cal Turismo de Galicia realizou unha achega de preto de 70.000 euros ao concello de Pontecesures para a creación desta Casa da Lamprea, da cal Nava Castro afirmou, “hoxe podemos celebrar que é unha realidade”.
Ruta da Lamprea

Nava Castro salientou que esta actuación constitúe unha aposta máis por poñer en valor este peixe e todos os recursos vinculados a el. Así, afirmou, que esta casa pon en valor a Ruta da Lamprea, que combina os numerosos recursos vinculados á lamprea de cada unha das zonas dos tres ríos nos que habita en Galicia, o río Miño, Tambre e Ulla, coa visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna como miradoiros, paseos, pontes ou capelas entre outros. Así mesmo, ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.

“Con todo, a Ruta da Lamprea potencia a oferta turística dos dezaoito municipios que o integra, así como na súa área de influencia, a través dos seus itinerarios que aglutinan diferentes recursos que conxuntamente constitúen un gran atractivo”, sinalou a directora de Turismo de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia