Skip to main content

Galicia promove o turismo de natureza na XX edición da Feira INTUR de Valladolid

Turismo de Galicia ten unha nova cita cunha das feiras de promoción e comercialización do ámbito turístico da natureza máis importante do calendario en España. Trátase da feira INTUR, que se celebra en Valladolid desde hoxe e ata o vindeiro domingo, día 27 de novembro e que este ano celebra a súa XX edición.

Turismo de Galicia instalou na capital castelá dentro deste certame turístico un recinto de 100 metros cadrados para a promoción e apoio á comercialización dos produtos turísticos galegos relacionados coa natureza, o deporte, a cultura e a gastronomía.

Neste sentido, o espazo de promoción de Galicia nesta feira conta con tres módulos desde os que se promoverá de xeito específico a oferta xeral da Comunidade, o Camiño de Santiago e as experiencias turísticas galegas.

Ademais, o pavillón galego servirá de punto de encontro para os profesionais do turismo galego que participen nesta feira ao obxecto de manter reunións de traballo con operadores turísticos e axentes de viaxes.

INTUR Negocios

Paralelamente desenvolverase o programa INTUR Negocios, unhas xornadas de comercialización reservadas aos profesionais do turismo e nas que participan comercializadores turísticos, tanto nacionais como internacionais. Nestas xornadas participarán empresarios membros do Clúster de Turismo de Galicia.

INTUR continúa a ser un dos referentes nacionais para a promoción turística interior. Entre o seu público conta con moitos clientes turísticos de Galicia e persoas interesadas pola oferta da Comunidade galega.

O público de INTUR síntese especialmente atraído polo Camiño de Santiago, os espazos naturais de Galicia, a costa e o turismo rural.
Demanda turística

Castela e León é o segundo mercado emisor nacional a Galicia, por detrás de Madrid. Con preto de 200.000 viaxeiros aloxados e case 450.000 pernoitas representou o 7,9% do total nacional -incluíndo Galicia- nos primeiros dez meses deste ano 2016.

En termos dinámicos, o mercado turístico de Castela e León presentou un comportamento positivo no que vai de ano superando nun 7,2% os niveis de demanda hoteleira do mesmo período do pasado ano.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia