Preséntase na Casa de Galicia en Madrid a cartografía sobre o Camiño de Santiago en aplicacións informáticas
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/cartografia_camino.jpg)
Carbajo explicou as actuacións que en materia de Cartografía Temática desenvolve o IXN relacionadas co Camiño de Santiago. En concreto falou acerca das actuacións cartográficas relativas ás novas tecnoloxías, a aplicación para dispositivos móbiles “Camiño de Santiago” publicada hai uns meses polo IXN e o Centro Nacional de Información Xeográfica, que comercializa os produtos do IXN; para os sistemas operativos iOS de Apple e Android, de distribución gratuíta. Tamén do proxecto “Cartografía Colaborativa e Hipermedia” que está a desenvolver o IXN e no que o Camiño de Santiago “é unha capa de información temática que se pode poñer en relación con outras capas de información, o que fai máis rica a consulta e a análise final por parte do usuario”.
“A primeira ferramenta App está destinada a un público que vai percorrer o Camiño e por iso contén todas as funcionalidades e información necesaria para ese fin. A segunda ferramenta, aínda que tamén é accesible desde dispositivos móbiles, está máis orientada á súa consulta en escritorio e é unha ferramenta de análise previa a unha exploración do terreo”, sinalou.
“Supoñen en definitiva unha ferramenta de publicación de información temática na que é o usuario final o que, activando e desactivando capas, configura o seu mapa á carta en función dos seus intereses”, engadiu, tras presentalas e explicado o seu funcionamento para que, quen o desexe, poida facer uso delas pois, como fixo notar, ambas as ferramentas informáticas están xa publicadas e a disposición dos usuarios.
O Seminario finaliza coa conferencia “O valor excepcional do Camiño de Santiago e o seu recoñecemento internacional” que impartirá a subdirectora xeral de Cooperación Cultural coas Comunidades Autónomas do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Begoña Cerro Prada. Nos días anteriores desenvolvéronse as tituladas “10 intervencións do Programa ´1,5% Cultural´ no Camiño Francés ao seu paso por Galicia”, do subdirector xeral de Arquitectura e Edificación do Ministerio de Fomento, Francisco Javier Martín Ramiro, e “O patrimonio histórico e arquitectónico do Camiño urbano de Madrid. Unha mirada diferente ás igrexas, palacios, prazas, fontes e casa da capital”, do xornalista e escritor especializado en temas madrileños Javier Leralta.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia