Skip to main content

A Vieira de Outono gaña o 1º Premio do IX Concurso de pinchos Sabores de Ourense 2016

Tivo lugar no restaurante A Taberna a xuntanza do xurado profesional do Concurso de pinchos Sabores de Ourense, edición de Outono 2016, que organizan a Concellería de Turismo e a Unión de Hostaleiros de Ourense. O fallo deste xurado quedou como segue:

1º premio: San Miguel, por A vieira de Outono.
2º premio: Tapa Negra, por Iberotoño.
3º premio: A Feira, por Capuchino de cogomelos.

O certame, na súa novena edición, desenvolveuse desde o día 28 de outubro ata o 13 de novembro coa participación de 49 establecementos da cidade (13 deles participaban por primeira vez).

Como cada outono, o requisito imprescindible para participar era que os pinchos estiveran elaborados con cogomelos e/ou castañas, materias primas frescas e de tempada, buscando potenciar así os produtos locais.

O importe máximo dos pinchos foi 2,50 €: prezos populares ao alcance de todos os petos para que todo o mundo tivera a posibilidade de saborear estes petiscos.

Os premios oficiais do concurso son os 3 outorgados polo xurado profesional, os 3 concedidos polo público e o Premio Pincho Celíaco, outorgado pola delegación ourensá Asociación Galega de Celíacos, ao que optan todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración.
Departamento de Comunicación do Concello de Ourense