Skip to main content

Amancio Prada ofrece en Muxía un concerto benéfico coa Polifónica Virxe da Barca

O domingo 23 de outubro, ás 18:00 horas, a voz e a música de Amancio Prada soarán no santuario da Nosa Señora da Barca, en Muxía, no marco dun concerto benéfico destinado á posta en valor deste ben patrimonial, no que tamén actuará a Coral Polifónica Virxe da Barca.

Este espectáculo, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, concíbese como unha homenaxe musical da veciñanza ao santuario de Muxía, cun repertorio que inclúe temas como “Romaxe de Nosa Señora da Barca”, incluído na discografía de Amancio Prada, ademais de pezas como “A pedra da Barca”, poema de López Abente que será interpretado pola coral.

Amancio Prada, co patrimonio lírico galego

Amancio Prada (Dehesas, León, 1949) destaca pola súa contribución á difusión da lingua e da cultura galegas ao longo dunha traxectoria musical de máis de 40 anos, na que musicou poemas de autores senlleiros da literatura galega como Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, ademais da poesía popular e da lírica trobadoresca galego-portuguesa. A súa discografía inclúe títulos imprescindibles na historia da música galega contemporánea.

Tras o incendio sufrido o 25 de decembro de 2013, probablemente pola caída dun raio, e acusado polo temporal que posteriormente derrubou o muro do adro cara ao mar, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación promoveu a redacción do Proxecto básico de execución da rehabilitación do santuario da Nosa Señora da Barca.

As entradas para o concerto xa se poden adquirir en varios establecementos comerciais do municipio muxián polo prezo de 5 euros. Ademais, tamén se habilitou unha fila cero para aquelas persoas que non poidan asistir e que queiran facer unha achega económica.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia