Skip to main content

O tren termal e do Camiño do Norte a Santiago chega a Lugo os días 1 e 22 de outubro

O programa de trens turísticos “Galicia a todo tren” fai a súa primeira parada en Lugo o sábado día 1de outubro, da man do Tren Termal e do Camiño do Norte.

O itinerario inclúe a viaxe en tren entre A Coruña e Lugo, unha sesión termal no hotel-balneario de Guitiriz e un percorrido a pé por un tramo do Camiño do Norte (declarado Patrimonio da Humanidade no 2015), facendo unha visita á capela de Santo Alberte.

A xornada rematará en Lugo, onde o usuario poderá trasladarse ao pasado romano da cidade, visitando a Muralla (declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000) e o centro histórico da cidade, incluíndo as visitas ao Centro de Interpretación da Muralla e á Casa dos Mosaicos, antiga Domus romana.

O tren sairá dende a estación de ferrocarril da Coruña ás 8:15 horas e regresará á mesma estación ás 20:49 horas. Os billetes pódense adquirir nas oficinas e na páxina web de Renfe por un prezo de 40 euros para os adultos, e 20 euros para os menores de 14 anos. Inclúe os traslados en autobús entre as estacións e os diversos lugares que se visitan.
Este mesmo itinerario volverá repetirse o vindeiro 22 de outubro.

O Tren Termal e do Camiño do Norte é unha das novas rutas que Turismo de Galicia puxo en marcha nesta cuarta edición do programa, sumándose así a outros 8 itinerarios temáticos que percorreron Galicia nos últimos meses: A ruta dos Faros, entre Ferrol y Ribadeo; a dos Pazos e xardíns Históricos, entre Santiago e Vigo; e as cinco Rutas do Viño que percorren as zonas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras. Ademais do Tren da Ruta da Lamprea e o viño do Condado, novidade tamén nesta edición.

O programa "Galicia a todo tren” é froito da colaboración interinstitucional entre a Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense a través do Inorde.

Nesta nova edición ademais de incluír novas rutas, incrementouse a oferta global en 84 novas prazas grazas aos bos resultados da edición anterior, cunha ocupación do 87%.

A oferta deste programa completouse un ano máis co “Tren do Peregrino”, o “Tren dos Balnearios” e o “Galicia Rail Pass”, a través dos que os viaxeiros puideron vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia