Skip to main content

Deputación de Ourense, Consellería de Cultura e Valedor do Pobo rexeitan reunirse para desbloquear a candidatura da Ribeira Sacra

Deputación de Ourense, Valedor do Pobo e Consellería de Cultura cambian de parecer e rexeitan a última hora a proposta do Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, de manter unha reunión conxunta, coa participación de técnicos destas administracións, para desbloquear a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, que leva 1 ano paralizada no departamento autonómica da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O encontro foi proposto pola Deputación de Lugo e acordado por todas as partes implicadas para o xoves, 14 de xullo, no Pazo de San Marcos. Logo de varias conversas para pechar os detalles da reunión, Deputación de Ourense, Valedor do Pobo e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural rexeitaron, finalmente, esta reunión.

Campos Conde avoga á responsabilidade das administracións implicadas e remarca a necesidade de celebrarse esta reunión, pois a candidatura da Ribeira Sacra está bloqueada dende o verán de 2015 por diferenzas técnicas entre o Valedor do Pobo e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Cómpre lembrar que no pasado verán a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non aceptou o estudo que coordinou o Valedor do Pobo e financiou, con 100.000 euros, Deputacións de Lugo e Ourense. O estudo foi realizado por un equipo multidisciplinar de científicos e recolle a documentación necesaria para elaborar a candidatura.

En xuño de 2015, o estudo foi presentado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pois é este departamento da Xunta o responsable de presentar a candidatura da Ribeira Sacra ao Ministerio de Cultura quen, á súa vez, ten que dirixila á UNESCO.

Dito departamento autonómico da Consellería de Cultura respondeu ao Valedor do Pobo, indicando que eran necesarias modificacións na documentación para adaptala ás directrices da UNESCO. Tampouco estivo de acordo cos informes elaborados para declarar este espazo Ben de Interese Cultural (BIC), que é un dos pasos previos e imprescindibles para a súa posterior declaración como Patrimonio da Humanidade.

Ante esta situación, o equipo de expertos do Valedor do Pobo solicitou a colaboración dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Patrimonio. Pasou un ano dende entón e nada se sabe, pois a Xunta de Galicia non se puxo en contacto coas administracións implicadas.

Por este motivo, Campos Conde propuxo unha reunión conxunta con técnicos de todas as administracións na que acadar solucións para desbloquear e continuar coa candidatura da Ribeira Sacra.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo