Monumenta convida a camiñar para descubrir e vivir o patrimonio cultural galego
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/monumenta_2016_pres.jpg)
Explorar desde o camiñar
“Xa é o cuarto ano –recordou Anxo Lorenzo– que desenvolvemos esta programación, cunha idea de facilitar rutas culturais por Galicia dun modo pausado, compartido e acompañado de voces especialistas que nos abren os ollos aos aspectos máis diversos”. Segundo precisou, “a medida que o ciclo vai medrando, foi gañando neste aspecto de explorar desde o camiñar, que é probablemente a maneira máis elemental de vivir o propio territorio e tamén a que ofrece o ritmo axeitado para gozar de todas esas descubertas integradas na paisaxe, sexa rural, sexa urbana.
Igrexas, muíños, castros e vías romanas, que se relacionan co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística, son algunhas das propostas do ciclo para esa descuberta do patrimonio cultural galego, “co fin de espertar a curiosidade por esta riqueza que temos e que debemos coñecer para poder apreciala e contribuír a conservala”, asegurou a directora xeral, que destacou a riqueza de Galicia en canto a “elementos patrimoniais de altísimos interese histórico, artístico, paisaxístico, cultural e, naturalmente, social e identitario”.
Propostas variadas para coñecer o patrimonio
As propostas da nova edición de Monumenta son moi variadas e abranguen patrimonio marítimo, patrimonio de fronteira –tanto da raia con Asturias como con Portugal–, patrimonio industrial, patrimonio viario etc. A primeira das xornadas, o 30 de xullo, propón unha descuberta desde o contorno privilexiado da ría de Ferrol. A través dun paseo que ten como meta o castelo de San Felipe, a andaina afondará no patrimonio marítimo dos portos, os sinais marítimos, a hidrotoponimia e as fortalezas militares.
O patrimonio industrial dos vales do Ulla-Limia centrará a segunda sesión do ciclo, o 6 de agosto, que porá en valor a tradición fabril desde a Idade Moderna ata a época contemporánea coa visita a algúns complexos industriais situados no concello de Caldas de Reis. Ao día seguinte, o 7 de agosto, Monumenta chegará á Fonsagrada, onde, ademais da da importancia do antigo concello da Pobra do Burón (extinto no ano 1835) e da arquitectura da zona, como a igrexa barroca de Santa María, a súa famosa torre de Altamira ou do castelo de Burón, tamén abordará as fundacións hospitalarias para peregrinos.
A cuarta edición do ciclo Monumenta tamén se deterá, o 15 de agosto, no patrimonio industrial e na xeoloxía da Ribeira Sacra, cunha andaina que percorrerá o canón escarvado polo río Mao no granito e que incluirá a canle construída en 1916 para fornecer auga ás turbinas da central hidroeléctrica de Escalada.
Salinas, paisaxes, fortalezas e mosteiros
A seguinte parada será o 20 de agosto, nos concellos ourensáns de Rairiz de Veiga e Bande, cunha andaina para compartir contos e historias da raia no Parque Natural do Xurés e para descubrir os elementos máis interesantes do itinerario romano da Vía Nova. A seguir, o 21 de agosto, Monumenta percorrerá os camiños do sal para se deter nas salinas do Ulló, no concello pontevedrés de Vilaboa, construídas no século XVII e que, xunto coa marisma, constitúen unha contorna de incalculable valor ecolóxico e de gran beleza paisaxística. A andaina tamén incluirá un dos poucos exemplos de muíño de mareas.
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/monumenta_2016_cartel.jpg)
Convidados expertos en diferentes áreas como a arquitectura, a arqueoloxía, a xeografía, a xeoloxía ou a arte, participarán na cuarta edición do ciclo Monumenta co fin de axudar a entender outras particularidades e valores dos diversos aspectos do patrimonio material e inmaterial de Galicia.
Actividades con inscrición previa
Algunhas das actividades do ciclo Monumenta requiren inscrición previa nun prazo determinado e o pago da entrada nalgúns edificios privados será por conta dos participantes. A información completa do ciclo pode consultarse na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia, en www.cultura.gal e en https://galiciamonumenta.wordpress.com/
A valoración social do patrimonio
A Consellería vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. “A finais deste mes –anunciou Anxo Lorenzo– presentaremos a nova edición do ciclo Espazos Sonoros, de músicas en espazos destacados do patrimonio, e seguimos apoiando tamén diferentes ciclos musicais que dinamizan os espazos históricos de distintas vilas, como son os ciclos de órgano de Celanova ou o de música relixiosa de Barcia de Mera”.
“Pero é certo que a singularidade do formato de Monumenta nos permite ter toda unha serie de informacións e experiencias compartidas que desde a Consellería de Cultura e Educación valoramos como moi positivas socialmente, tanto desde a perspectiva de favorecer o coñecemento, o aprecio e, por tanto, a implicación social na conservación deses bens, como desde a perspectiva de favorecer unha oferta cultural e de ocio saudable”, concluíu o secretario xeral.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia