Skip to main content

Colaboración entre artesanía e gastronomía en “O meu mundo nun pano” do restaurante Culler de Pau

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou no Grove o restaurante Culler de Pau para coñecer o proxecto do cociñeiro Javier Olleros “O meu mundo nun pano” xunto coa artesá téxtil Inés Rir (Allariz, Ourense) e a deseñadora Rosalía Castro (Rianxo, A Coruña), no que colabora Artesanía de Galicia.

A iniciativa nace para incorporar o liño á cociña e tamén aos elementos que a rodean como son os uniformes e mandís, coa realización de diferentes pezas téxtiles nas que se fusionan artesanía e moda.

Inspirados na tradición galega de transportar a comida ao campo cando se realizaban as faenas, agora o propio tecido adquire unha nova dimensión e pasa a ser un recipiente que contén a comida. Estas pezas van conter pan, queixo, e outros produtos que o cociñeiro Javier Olleros realizará para que poidan ser transportados da cociña aos comensais.

Empregando materiais naturais como o liño ou a rafia, tanto o deseño como a súa produción foron meticulosamente elaborados e personalizados sempre respectando a estética e filosofía do restaurante.

Esta nova experiencia enmárcase na iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria “Artesanía no prato”, que busca sinerxías entre a cociña de vangarda e o sector artesán galego. Dentro deste proxecto iniciado no ano 2013 véñense realizando diferentes colaboracións entre artesáns e cociñeiros, na liña do Plan de Artesanía de Galicia de impulso á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia