Skip to main content

Turismo de Galicia promociona a oferta galega na feira internacional ITB de Berlín

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto cunha delegación de máis de trinta empresarios pertencentes ao clúster galego do sector, participou na 50ª edición da Internationale Tourismus Börse, ITB, de Berlín.

Este certame turístico consolidouse como unha das citas profesionais máis importantes da industria turística a nivel mundial, abrindo soamente ao público durante a fin de semana.

O obxectivo desta misión turística galega encabezada por Nava Castro é promover a oferta e os servizos turísticos da nosa comunidade no mercado alemán, o segundo mercado emisor máis importante para Galicia.

A participación de Galicia neste certame constitúe unha mostra máis da firme aposta de Turismo de Galicia pola colaboración público-privada no desenvolvemento turístico da nosa comunidade e na promoción de Galicia como destino a nivel tanto nacional como internacional.

Así, Turismo de Galicia amplía a súa presenza habitual nesta edición dispoñendo dun espazo diferenciado de 50m2 dentro do stand de España, co obxecto de difundir a oferta turística xeral e dispoñendo dunha área para os encontros comerciais de profesionais na que estará representada o Clúster Turismo de Galicia, que acode á feira acompañado dun nutrido grupo de representantes do sector turístico galego.

A presenza da nosa comunidade na ITB de Berlín non será unicamente expositiva, xa que a responsable de Turismo da Xunta e os representantes do sector levarán a cabo unha importante axenda de traballo mantendo durante os días do certame diferentes reunións e encontros con diversos turoperadores e axentes de viaxes co obxectivo de establecer novos contactos comerciais.

Así mesmo, entre outros actos, a directora de Turismo de Galicia participará esta tarde na recepción ao sector turístico español na Embaixada de España en Berlín.

No seu 50 aniversario esta feira internacional de turismo conta con 10.000 expositores de 187 países diferentes e unha previsión de máis de 100.000 visitantes, un escaparate único para a promoción de Galicia como destino e que permitirá á nosa comunidade establecer puntos de encontro con países e turistas de novos destinos.

A participación neste certame permitirá influír no mercado turístico alemán, un mercado moi dinámico debido a que a viaxe vacacional é unha das prioridades de consumo para o alemán medio, constituíndo, así, un dos mercados emisores internacionais principais para Galicia.

O pasado ano 2015, o mercado alemán con máis de 157.000 viaxeiros e preto de 240.000 pernoitas, rexistrou un crecemento dun 23% en relación a súa cifra de viaxeiros aloxados e dun 22% no que se refire ao volume das súas pernoitas do anterior ano 2014.

Así, este mercado supuxo o 11,6% do total do turismo internacional, situándose en segundo lugar no ranking de principais países internacionais na nosa comunidade, so por detrás de Portugal.

No que se refire ao Camiño de Santiago, no pasado ano 2015, percorreron a Ruta Xacobea un total de 18.873 peregrinos procedentes de Alemaña, o que supuxo o 7,19% do total de peregrinos que chegaron a Compostela.

Alemaña ocupou así o lugar número 3 no ranking de países de chegada de peregrinos á Oficina de Acollida de Santiago de Compostela, tras España e Italia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia