Skip to main content

Arrancan as xornadas do cocido de Entroido na Ribeira Sacra: Estase Cocendo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou as Xornadas de cocido de Entroido Estase Cocendo, organizadas pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e o Turismo de Lugo, como mostra da “fortaleza culinaria e turística da Ribeira Sacra”. Conde, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou no arranque da oitava edición do evento, “chamado a ser unha tradición senlleira desta terra” e que se ten convertido, sinalou, nun “santo e sinal da mellor gastronomía lucense, e nun referente turístico de primeira magnitude, que atrae a visitantes non só galegos, senón doutras rexións”.

Ese dobre referente, dixo Conde, ten un denominador común: a calidade dos produtos que marcan as xornadas. Neste senso, apuntou á Ribeira Sacra como “a capital da calidade” froito “dunha forma propia de facer as cosas” ligada aos mellores valores lucenses. Unha permanente busca do mellor da que, dixo o conselleiro, é boa mostra o padriño desta edición, o director de cine monfortino Dani de la Torre, recentemente nominado ao Goya ao mellor director novel por O descoñecido.

Esa mesma calidade, apuntou, é a que ten feito do cocido da Ribeira Sacra non só unha referencia do Entroido galego, senón “unha parada obrigada na gastronomía de todo o noroeste peninsular, símbolo non só dun sector, o da alimentación, que xoga un importantísimo papel na nosa economía, senón da capacidade doutro sector, o da hostelaría, de aproveitar todas as nosas vantaxes para crear empregos, e atraer riqueza”.

Conde resaltou o papel clave da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e o Turismo de de Lugo na dinamización dunha festa na que participan un centenar de establecementos. O conselleiro resaltou o impacto económico das xornadas, e defendeu o apoio da Xunta para estar “ao lado de Monforte e de toda esta terra cando se trata de crear emprego, atraer riqueza, ou levar o nome desta terra por toda España”. Neste senso, destacou exemplos como a Volta a España, “que vén a Monforte este ano co apoio da Xunta”, nunha etapa que levará o nome e as paisaxes da Ribeira Sacra aos televisores de todo o país; ou o traballo conxunto para que a Ribeira Sacra sexa patrimonio da Humanidade, “facendo oficial a universalidade desta terra”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia