Santiago de Compostela
Compostela, Capital de Occidente
Desde hai máis de 1.000 anos, xentes de todo o mundo antigo comezaron a camiñar cara unha distante Fisterra. A súa meta estaba situada nun país de chuvia e verdor, de néboa e granito, no que arredor do sepulcro do Apóstolo Santiago nacera a capital de occidente, a terceira das cidades santas da Cristiandade: Compostela.
A comezos do século IX, o ermitán Pelaio observou no bosque próximo á actual igrexa de San Fiz de Solovio resplandores e músicas misteriosas. Acudiu ó bispo Teodomiro, que atopou no lugar o sepulcro do Apóstolo Santiago co seu cadáver que fora traído a Galicia polos seus discípulos.
Alfonso II o Casto ordenou a construcción dunha primeira igrexa ó redor do sepulcro e a Santiago chegaron desde entón xentes de toda condición e orixe a prostrarse diante do Apóstolo, traendo como presentes linguas e culturas de afastadas terras, o fluír das ideas, as invencións e a historia.
Santiago, hoxe capital de Galicia, morada do Patrón de España é tamén capital de Europa e nela conflúen, como en Roma, tódolos camiños.
Por un destes camiños, o maior, o vello Camiño Francés, o Camiño de Santiago por excelencia, chegamos a Compostela. E se o peregrino tiña como obxectivo inmediato a catedral do Señor Santiago, nós acudiremos a ela despois de visita-los maís importantes elementos monumentais que naceron ó redor desta Catedral, pola súa influencia e como froito dunha fe que fixo xurdir artificiais montañas de pedra nunha terra situada ó final do mundo coñecido.
Comezamos a percorre-la capital de Jacobusland, a terra do Señor Santiago, polos arredores do vello núcleo amurallado do que a súa fortaleza é hoxe só un recordo.
Chamarán poderosamente a nosa atención:
A Colexiata do Sar, un dos máis fermosos monumentos do románico galego con contrafortes laterais engadidos no século XVIII para evitar que a altura das naves e a deficiente cimentación causasen o derrubamento do templo. Pila bautismal, sepulcros, claustro, museo... son destacados elementos para achegármonos ó glorioso pasado da Colexiata do Sar.
Bonaval, fundado por santo Domingo en 1120. A fachada barroca e a orixinal escaleira concéntrica son do arquitecto Domingo de Andrade. No interior está o Museo do Pobo Galego e na igrexa o Panteón de Galegos Ilustres.
San Francisco, fundado polo poverello de Asís a comezos do século XIII.
E A Ferradura, fermosísimo paseo para outea-lo Santiago monumental que nos agarda.
A Porta Faxeira era a principal entrada á cidade. A Porta do Camiño, a Francíxena, entrada de peregrinos... entramos na vella Compostela pola única das súas sete portas que resistiu o paso do tempo: Mazarelos Conta o Códice Calixtino que por esta porta entraba o fermoso Baco, o viño do Ribeiro e do Ulla, á cidade.
A Universidade de Santiago data de comezos do século XVI... o carácter de cidade universitaria proporciónano os vetustos edificios que en tempos a albergaron e aínda hoxe están ocupados por dependencias universitarias e os milleiros de mozos que, hoxe coma onte, dan a Santiago un carácter diferente polo contraste entre a súa xuventude e a severidade pétrea do entorno.
O viaxeiro pode ter xa cabal idea da cidade que o agarda. Desde o pequeno ó gran comercio a súa rede hoteleira... desde o seu papel administrativo e político como capital dunha comunidade de dous millóns de persoas ata unha sin igual oferta gastronómica... desde, en fin, o cambiente cosmopolita da cidade nova ata o carácter inmutable da cidade milenaria.
A Rúa Nova chamábase así xa no século XII... Rúa Nova e Vilar son as súas rúas máis características de Santiago... ámbalas dúas xúntanse na Praza do Toural polo Pazo dos Marqueses de Bendaña, que na parte superior ten unha estatua de Atlas, sostendo o mundo.
Velaquí a gran Praza de Santiago: a Praza do Obradoiro. Toda a vida de Santiago, de Galicia, xira ó redor desta praza. Máis aínda: Europa vencéllase a Galicia polo Camiño de Santiago que remata aquí, nesta pedra central da gran praza santiaguesa.
Ó norte da praza, Hospital Real fundado polos Reis Católicos para hospedería de peregrinos.
Hoxe é hostal de gran luxo para o turismo internacional. Gótico, renacemento e barroco aparecen no magno edificio que hoxe se coñece como Hostal dos Reis Católicos. Catro patios con sendas fontes sorprenden ó viaxeiro.
Ó oeste, o Pazo que mandou construír o arcebispo Raxoi para Seminario de Confesores. Na actualidade é sé do Concello de Santiago e da presidencia do goberno autónomo de Galicia.
Ó Sur, San Xerónimo, hoxe rectorado da Universidade.
E ó este, a gran Catedral, coa súa fachada do Obradoiro. Pero antes de deternos nela, vexamo-lo entorno inmediato do primeiro monumento da capital de occidente.
A Praza das Praterías recibe o seu nomes dos prateiros que teñen aquí a súa ubicación. Casa do Deán, Casa do Cabido, Fonte dos Cabalos cerran a praza que preside a única fachada románica que a Catedral conserva, aínda que con profundas modificacións ó longo dos séculos.
Seguimo-la nosa ruta pola Quintana, dividida en Quintana dos Vivos e Quintana dos Mortos e limitada pola Casa dos Canónigos de Compostela, a famosa Casa da Parra, o Mosteiro de San Paio de Antealtares. A Catedral abre á Quintana a súa Porta Santa ou do Perdón, de comezos do século XVII, que só pode franquear nos anos xubilares ou Anos Santos Composteláns.
En recordo dos acibecheiros composteláns, rúa e praza seguen chamándose Acibechería.
A fachada da catedral cara esta praza, neoclásica, de mediados do XVIII era a primeira visión que os peregrinos tiñan do templo do Apóstol.
Fronte á Catedral, San Martín Pinario, a segunda igrexa de Compostela.
Este arco é parte do Pazo de Xelmírez, mandado construír polo arcebispo compostelán no 1120, despois de que fora destruído o seu anterior pazo polos campesiños levantados en armas.
Xoia do románico, a Catedral de Santiago comezouse no XI polo bispo Diego Peláez. Un eixo central de 97 metros e un transversal de 65 proporcionan planta de cruz latina a unha das máis importantes basílicas da cristiandade.
Cara a Occidente, a catedral amosa a fachada do Obradoiro, concluída en 1750. O seu conxunto barroco está considerado un dos máis importantes do mundo. Baixo a gran catedral, a Catedral Vella. O Mestre Mateo fixo nela importantes obras de infraestructura para que puidese soporta-lo peso do Pórtico da Gloria.
Ó final do século XII, Mateo labrou para gloria de Deus e do seu autor, o máis fermoso dos pórticos. Representa o Xuízo final e recibe o nome de Pórtico da Gloria.
No centro, a figura de Cristo Maxestad... ó seu arredor, os catro evanxelistas... na arquivolta, os 24 anciáns do apocalipse... E, na columna central, a xenealoxía de Xesús e a imaxe do Apóstolo Santiago, así como a pegada de cinco dedos, deixada por millóns de mans peregrinas ó longo de oitocentos anos.
No interior da catedral, todo é sorprendente...
o Panteón Real... A Capela das reliquias... Arquivo... Museo... A capela maior, conxunto de ouro, prata, mármore e madeiras fermosas ten un enorme baldaquino con escaleira ó que é tradicionar acudir para abrazar ó Apóstolo. Baixo a capela, a cripta - parte inferior dun mausoleo romano do século I - cos restos do Apóstolo Santiago.
Baixo a cúpula, o artiluxio mecánico do que colga o botafumeiro, xigantesco incensario que se usaba xa a comezos do século XII para o culto ó Apóstolo, pero tamén para perfumar e purifica-la Catedral cando era invadida por centos de viaxeiros peregrinos.
Para esta páxina volou o botafumeiro polas naves da Catedral dos galegos, da gran Catedral de Occidente. E como calquera día, como hai mil anos, a emoción embarga ó peregrino e ó curioso, ó devoto e ó incrédulo, pola beleza do entorno, pola monumentalidade de Compostela, porla fe feita pedra da súa catedral.
Estivemos en Santiago. Percorrémo-la cidade-monumento. Visitámo-la Capital de Occidente.
Ímonos. E facémolo coa seguridade que Cunqueiro nos deixou:
O peregrino sabe co Santo sígueo coa doce mirada compañeira.