Noticias
-
A Cidade da Cultura celebra o vindeiro sábado 24 de agosto unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, convidando as familias a gozar dunha tarde lúdica ao aire libre, con entrada de balde, que transforma o complexo do Gaiás nun sorprendente mundo de fantasía. Visitar o incrible circo de bechos xigantes do dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis. Estas son só algunhas das propostas da que é xa unha das citas clásicas da programación da Cidade da Cultura.
-
A primeira parte do verán estivo marcada en Galicia por unha gran variabilidade desde o punto de vista meteorolóxico, unha situación que non impediu que xullo acabase sendo un mes cálido e lixeiramente seco. Estas son as conclusións do resumo climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, no que se comparan os rexistros de temperatura e chuvia do mes pasado cos valores medios das estacións representativas durante o período climático 1981-2010. A principal explicación é que as zonas de aire frío no Atlántico continuaron baixando máis ao sur do habitual durante o mes de xullo. Esta situación impediu que Galicia e o norte da península quedasen baixo a influencia das altas presións, así como os longos períodos de estabilidade propios desta época.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Cidade da Cultura, encara a súa penúltima semana con ritmos contundentes de tres bandas enteiramente femininas, con estilos moi distintos, que veñen pisando forte. O xoves subirán ao Escenario Alhambra as galegas Agoraphobia, coa súa efectiva mestura de garage, indie e punk rock. O venres será o turno das composicións rebeldes e tropicais das Kumbia Queers, mentres que o sábado volvemos cambiar de rexistro coas catalás Las Migas e o seu flamenco fresco e desenfadado. No caso de que, por motivos meteorolóxicos, as actuacións non poidan celebrarse ao aire libre na Praza Central, os concertos trasladaranse a un espazo interior no complexo da Cidade da Cultura.
-
A cidade da Coruña transformarase nun grande escenario cos mellores sons do panorama galego, estatal e internacional. Este martes, 6 de agosto, arranca o 33 Festival Noroeste Estrella Galicia, unha cita urbana única no noroeste peninsular, que achega durante seis xornadas unha programación musical ecléctica e de calidade para todos os públicos. Até o vindeiro domingo, 11 de agosto, máis de 75 artistas e bandas imprescindibles, como Patti Smith, The Sounds, Nathy Peluso, Belako, Paco Ibáñez, Júlio Resende, Soleá Morente ou Anni B Sweet ofrecerán máis de 150 horas de música de calidade ao vivo en espazos singulares do municipio coruñés.
-
Budiño é o encargado de abrir en Burela o segundo período da programación anual da Rede Galega de Teatros Auditorios. O concerto que ofrece dentro da xira de presentación de Fulgor, o seu novo traballo, será a primeira das 205 citas culturais que terán lugar entre os meses de agosto e decembro no marco deste circuíto, que durante 2019 terá promovido 554 funcións en 39 localidades das catro provincias. Con máis de 20 anos de traxectoria, trátase dunha das máis amplas e estables canles de encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega. En 2019 inclúe 152 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas.
-
A Ruta dos Camiños de Santiago, a principal novidade da edición deste ano dos Trens Turísticos de Galicia, realizou a súa primeira saída co 100% de ocupación, constatando así o éxito da sétima tempada do programa deste produto turístico. Na antesala do Xacobeo 21, incorporouse esta nova ruta que permite descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés, Norte, Primitivo e Inglés. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) o itinerario achégase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de Samos (Camiño Francés) percorrendo así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia.
-
Galicia iniciou o verán afianzando o seu crecemento turístico despois de cinco anos de comportamento positivo e acadando, no mes de xuño, preto de 460.000 viaxeiros. Así se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística nos que, ademais, se reflicte que Galicia pechou o mes de xuño cun incremento do 8% no número de turistas. A Enquisa de Ocupación Hoteleira revela que os datos positivos veñen dados, en boa medida, pola chegada de viaxeiros internacionais, que lideran o crecemento. Tanto é así que a Comunidade galega acadou os mellores datos de turistas estranxeiros da súa historia para este período, experimentando un incremento do 19%.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, coincide esta semana coa celebración do Día de Galicia, polo que comezará o venres –e non o xoves– para deixar gozar dos festexos desta importante efeméride. Ese día, os madrileños Floridablanca musicarán o solpor con temas dance funk moi setenteiros co obxecto de converter a praza exterior do complexo nunha pista de discoteca propia desa época. A banda –que obtivo numerosos éxitos no circuíto indie baixo o nome de Sin Rumbo–evolucionou, ao longo destes anos, o seu son cara a ritmos máis evidentes das pistas de baile dos anos 70 da pasada década, con melodías de pop negro que a crítica especializada sitúa próximas a formacións que van desde Metronomy, The Weekend ou The 1975.
-
Solpores do Museo, o novo ciclo de concertos que traerá a Vigo unha ducia de artistas nacionais e locais de renome ao Museo do Mar de Galicia, arranca tras esgotar en día e medio as 1.800 entradas dos seis concertos. O ciclo consta de seis citas musicais que se celebrarán de balde durante este verán, sendo Baiuca e Presumido os encargados de poñerlle sintonía ao solpor na primeira das seis citas programadas ata finais de agosto. Completan o cartel artistas de renome a nivel nacional e galego como Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente ou Xosé Manuel Budiño, que estarán acompañados de músicos vigueses como Amaro Ferreiro, Moon Cresta ou Bliusvai.
-
A igrexa de Santa Liberata, a de Santo Estevo de Chouzán, o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, a catedral de Tui, a capela do antigo colexio-instituto da Fundación Fernando Blanco, o pazo do Faramello, a igrexa de San Miguel de Lebosende e o mosteiro de Santa María de Penamaior, son os espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o grupo Cantaderas, que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral e que abrirá a programación o 1 de setembro. Xunto con Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz, Rosalía Gómez Lasheras, L’Unisoni e Capella des Ministrers son os artistas e agrupacións que forman parte do programa musical.