Skip to main content

Noticias

  • Presentouse o cartel do Festival Neox Music Day que será un referente ‑nesta segunda edición‑ da música urbana xa que contará coa participación dos artistas deste estilo de música de maior renome de ámbito nacional e internacional. Estamos a falar dun cartel composto por: Bizarrap, Hijos de la Ruina, Rels B, Bad Gyal, Ptazeta, Quevedo, D.L.Blando. A súa montaxe, en Expocoruña, engadirá un atractivo especial, tanto a nivel de condición acústicas como para poder sentir aos artistas na proximidade, factores ambos que darán un toque especial e peculiar ao festival.
  • A Xunta de Galicia, a través do Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa que o martes 19 se desactivará en toda a comunidade a alerta por vaga de calor, iniciada o pasado día 8 de xullo. Neste senso, na xornada de hoxe soamente as zonas do Centro, Montaña e Sur de Lugo; e as de Montaña, Valdeorras e Sur de Ourense; permanecen no nivel 1 de alerta por vaga de calor. O resto zonas,xa contarándesde hoxe con temperaturas normais para esta tempada do ano.
  • A sexta edición do 17º Ribeira Sacra Festival ampliará neste 2022 a súa duración ao incorporar unha cuarta xornada ao seu programa. O cartel deste ano repartirá así entre o xoves 28 e o domingo 31 os concertos de 15 bandas que conforman unha selección de propostas de calidade, tanto do panorama nacional coma do internacional. Bandas e solistas como os británicos The Hanging Stars, os escoceses Teenage Fan Club, os israelís do grupo Lola Marsh, o vasco Amorante, a madrileña Alicia Wonder ou cataláns Manel actuarán nos diferentes escenarios.
  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios pon en marcha hoxe a súa programación para o segundo semestre, durante o cal se celebrarán 201 actuacións escénicas e concertos nos 37 concellos adheridos a este circuíto de distribución de espectáculos que promove e coordina a Xunta. Deste xeito, superaranse no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas no 2022 ao abeiro desta rede cofinanciada coas entidades locais asociadas, para o que se dispón dun orzamento global que supera os 1,8 millóns de euros.
  • Galicia rexistrou un mes de xuño normal en canto ás temperaturas e húmido no que respecta ás precipitacións, xa que segundo os datos obtidos nas principais estacións meteorolóxicas da Comunidade choveu de media un 78% máis do habitual neste mes. Estas son as principais conclusións do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que resalta que o pasado xuño foi un período moi marcado polas chuvias e con temperaturas que se moveron dentro dos valores agardados, aínda que con algún episodio de aire cálido, como o ocasionado pola masa procedente do norte de África que chegou a Galicia a mediados de mes.
  • Galicia espera unha ocupación entre o 75% e o 90%, acadando as mellores cifras na primeira quincena de agosto, segundo o informe presentado polo Clúster de Turismo de Galicia que levou a cabo unha consulta aos seus asociados, principalmente do sector hoteleiro, co obxectivo de coñecer as previsións do sector turístico galego para os meses de xullo e agosto. A recollida da información tivo lugar de forma telefónica os días 29 e 30 de xuño. As perspectivas son optimistas para o conxunto de Galicia, tendo en conta a recuperación do Camiño de Santiago e e dos turistas estranxeiros. Na provincia de Pontevedra agárdase acadar cifras similares ás de 2019, con ocupacións entre o 80 e o 90% no mes de agosto.
  • O Presidente Alfonso Rueda, trasladoulle ao Rei Felipe as prioridades da Xunta ante este novo comezo de lexislatura, que son, dixo, as de todos os galegos e galegas, e aseguroulle que Galicia seguirá a contar cun goberno estable, responsable e constitucionalista. Tamén que estará centrado en axudar a familias e empresas ante a incertidume económica e o encarecemento de prezos, en fortalecer os servizos públicos e en aproveitar ao máximo os fondos europeos para modernizar o noso tecido produtivo. "Temos magníficos proxectos que van cambiar o mercado de traballo e suporán un impacto moi importante neses territorios".
  • Foi presentado o ciclo de concertos Xacobeo Interior, ciclo que terá comezo o venres 1 de xullo cunha programación que levará a música en directo ata vilas de Lugo e Ourense. Contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Guadi Galego, Leilía, Os D’Abaixo e Uxía & Javier Ruibal. Mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humor. O Ciclo Xacobeo no Interior é unha aposta pola música en galego e de calidade, pensada para achegar a mellor música galega á veciñanza e camiñantes das comarcas da Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, apoiando promoción das nosas músicas e dos propios entornos rurais atravesados polo Camiño.
  • A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. Baixo o lema 'Actuando nas marxes', a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.
  • Tivo lugar a presentación da nova tempada dos Trens Turísticos de Galicia, que nos meses de setembro e outubro teñen programadas 37 saídas, con novos roteiros (a Ruta dos Queixos de Galicia e a Ruta de As Mariñas), melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa sete edicións. Xa se venderon un 26% de toda a oferta de prazas de trens turísticos desta edición, o que significaría que contando só a oferta de prazas do mes de xuño sería case do 75 %. Os Trens Turísticos de Galicia conseguiron unha ocupación de case o 100% na edición anterior entre os meses de xuño e agosto, o que mostra a súa consolidación como un dos produtos turísticos máis demandados polos galegos e visitantes.