Lugo
Cidade Bimilenaria
Hai máis de 2.000 anos que César Augusto transformou en cidade un poboado que adoraba ó deus Lugh... satisfeito da súa obra deulle o seu propio nome de deus vivo dos romanos á cidade que nacía... e desde entón, así foi coñecida a capital das terras romanas da fin do mundo:
Lucus Augusti, LUGO.
O primeiro núcleo lucense xurdiu -quizais no medio dun bosque- nesta meseta que domina o entorno e domina o Val do Miño. Desde os catro puntos cardinais, Lugo aparece alá no alto... vindo de Ribadeo, polo norte - nordeste... da Coruña, polo noroeste... de Santiago, polo sudoeste... de Madrid, polo sudeste... Foi Giménez Caballero quen afirmou: os que coñecemos Lugo cos ollos da alma, sabemos que é un dos vértices máis estremecedores e interrogables de España.
Imos ver Lugo con eses ollos da alma que a cidade require...
Mención especial merece o Parque dedicado a Rosalía de Castro, que ten na súa entrada a estatua fundida en Sargadelos, que antes presidiu a praza Maior.
A pérgola deste parque constitúe un especialísimo miradoiro sobre o Río Miño ó seu paso pola cidade.
No novo Lugo xurdiu esta cidade, moderna e vigorosa, pola ansia de saber dos lucenses. Invadida polos suevos e godos no século V... arrasada polos árabes no VIII e polos normandos no IX, Lugo conserva, sen embargo, importantísimas pegadas do romano, condicionadas polos avatares da historia, que recordan o seu pasado glorioso.
E para o comezo, aínda que lonxe da cidade dento do seu concello, Santa Eulalia de Bóveda.
Ó lado da igrexa parroquial, e a un nivel inferior, atópase o monumento do que aínda hoxe se descoñecen con exactitude significado e orixe... permaneceu soterrado máis de mil anos. Foi posiblemente un baptisterio visigótico, pero antes... ¿Templo?... ¿Ninfea?... ¿Piscina dunha vila romana?... ¿Sepulcro de Prisciliano?... Santa Eulalia de Bóveda amósase ó curioso e aínda ó entendido con todo o misterio dun enigma irresoluble.
De volta a Lugo, Ponte Romana, moi modificada no transcurso dos séculos. Dá nome ó lugar onde se atopa - Barrio da Ponte - e en tempos foi entrada principal á cidade e era preciso pagar peaxe para cruzala.
Nas súas inmediacións está o Balneario de Lugo coas Termas Romanas. O Licenciado Molina, a mediados do século XVI, considéraos os máis Antigos Baños e Edificio dos que hai en España.
Hoxe, coma onte, (hai 2.000 anos) a auga é fonte de vida á beira do Río Miño, en Lugo.
Accedemos a Lugo pola Calzada Romana, quizais profundamente modificada no medievo e que hoxe é pouco máis ca un recordo.
Chegamos ante a Muralla Romana, a única conservada case en todo o seu circuíto orixinal. Con 2.140 metros de lonxitude, e entre 10 e 15 de altura, rodea totalmente a cidade antiga e proporciónalle ese carácter de seguridade, de poderío, que fixo dicir a Lamas Carvajal:
Ten unha Antiga, Forte, Muralla,
que esta agardando que unha batalla
os seus nemigos lle veñen dar...
Percorrémo-la Muralla, simultaneando as impresións dos seus dous posibles itinerarios. Pola ronda exterior, admirando a súa maxestuosa presencia... e polo adarve - antigo paseo de ronda - para contemplar como en rasante voo de paxaro un Lugo descoñecido.
A Muralla conserva 72 cubos dos 85 iniciais... 10 portas (cinco antigas e outras cinco dos séculos XIX e XX), cinco escaleiras e unha rampla para subir ó adarve.
Partirmos da Porta de Santiago, antiga Porta do Postigo, fronte á Catedral. En tempos tivo postigo, ferrollos, ponte levadiza e fortín ata ben avanzado o século XIX...
pola súa parte interior, a moderna rampla de finais do século XIX, que substituíu a outra máis antiga, escudo do Bispo Izquierdo, e imaxe de Santiago cabaleiro en Clavijo. Esta porta era a única que se abría na cidade en época de graves enfermidades.
Sobre a muralla, bancos construídos a finais do século XVIII para que os lucenses puidesen tomar comodamente o sol. No adarve pódense observar restos das escaleiras que conducían na antigüidade á parte superior da fortaleza.
A Porta Aguirre construíuse en 1894 para dar paso a Seminarios e cemiterio... sendas habitacións para Resgardo e consumos recordan o papel destas portas na fiscalización e control de mercancías e persoas.
A Porta do Bispo Izquierdo ou Porta do Cárcere abriuse na Muralla en 1888 para ter máis cómoda comunicación co novo cárcere do Partido.
Aquí comeza o Reducto Cristina, construído en 1837 polo Corpo Nacional de Enxeñeiros para completa-la fortificación da cidade, despois da Guerra da Independencia, xa que a Muralla antiga quedara interrompida no século XV pola construcción de varios edificios.
Nesta zona de La Mosquera respectáronse dous arcos dos existentes nos antigos torreóns, que permiten aprecia-la beleza e imaxina-lo airoso desta construcción de torres de dous pisos e catro arcos en cada un deles.
A Porta de San Pedro ou Porta Toledana, mencionada xa no século XII con estes nomes quizais por estar dedicada a este santo e porque por ela entraban os mercadores toledanos á cidade. Tivo no pasado foso, ponte e postigo, e en tanto as outras portas se pechaban as nove da noite, esta permanecía franca ata as dez. A Coroa Real da portada serve de singular Pozo dos desexos.
A finais do século XIX abriuse a Porta da Estación para comunica-lo centro da cidade coa estación do ferrocarril.
Porta Falsa, chamada en tempos Porta do Boquete, unha das máis antigas da muralla.
Foi pechada a mediados do século XVII, pero volveuse abrir - aínda que só durante unhas horas ó día - para que os veciños de Paraday puidesen acceder á cidade. Por esta porta saían de Lugo as cadeiras correo.
A Porta de San Fernando abriuse a mediados do século XIX, sendo inaugurada pola raíña Isabel II. Foi ampliada en 1967 por esixencias do tráfico rodado.
A Porta Nova é, a pesar do seu nome, das máis antigas, aínda que reconstruída a comezos do presente século... xa se coñecía como Porta Nova no século XII.
A Porta do Bispo Odoario foi aberta en 1921 para comunica-la cidade co inmediato Hospital de Santa María.
Velaquí a porta máis antiga da Muralla: Porta Mineana, Porta Minei, Porta Miñá... hoxe tamén chamada Porta do Carme, por estar situada fronte a capela do mesmo nome. Por aquí entrou, buscando amor, o trobador medieval Fernando Esquío.
Este tramo coñeceuse como Paseo dos Cóengos, zona abrigada e soleada, moi propicia para o paseo, na que para iso se ampliou a muralla derribando tres dos seus cubos.
O Monumento viuse liberado en 1973, mediante a chamada Operación Muralla Limpa, das edificacións pegadas que a ocultaron parcialmente durante case tres séculos, desde que a comezos do século XVIII o Concello lucense aforou certas zonas inmediatas á muralla para recadar fondos.
Similar operación de limpeza espérase poder efectuar no futuro para construí-la ronda interior, que libere definitivamente de edificacións pegadas á Muralla romana de Lugo.
Singulares testemuños do Lugo romano constitúenos os achados arqueolóxicos... hai un século Manuel Murguía afirmou:
Quen dixese que a actual Lugo é unha cidade que se ergue sobre as súas propias ruínas, non se enganaría oito. Cando a piqueta fire o chan buscando cimento ás novas dificacións, a cada momento descóbrense restos da poboación romana, que non parece senón que quere sobrevivir a tódalas destruccións.
Basten como mostra o Mosaico de Batitales, o recentemente descuberto nunha obra do centro da cidade.
Perfecto vínculo entre o pasado e o presente, Museo Provincial de Lugo. Ocupa claustro, refectorio e cociña do antigo Convento de San Francisco e o edificio construído no solar onde estivo o antigo Goberno Militar de Lugo.
O Museo ten importantísimos fondos das épocas romana e prerromana e destacadas coleccións de pintura, escultura, numismática, heráldica, ourivería, mobiliario, cerámica, arte sacro, reloxos... O San Francisco, de Asorey; A Escola de Doloriñas, de Julia Minguillón;
a Cerámica de Sargadelos; os Torques Prerromanos de Burela e Viladonga; o Carneiro Alado de estilo oriental; o Crismón de Quiroga... son outras tantas Xoias do magnífico Museo Provincial de Lugo.
Lugo é a Cidade do Sacramento. A súa Catedral posúe o singular privilexio da exposición continua do Santísimo, que se cre ten a súa orixe na época dos Concilios lucenses, acrecentada nas loitas contra as herexías e na firmísima devoción popular.
No Altar Maior da Catedral venérase o que o escudo da cidade proclama: velaquí o misterio de fe que firmemente profesamos. E cada Infraoitava do Corpus, as cidades do Antigo reino de Galicia tórnanse desde hai máis de 300 anos para facer solemne ofrenda ó Santísimo.
A Catedral lucense érguese, quizais, onde os romanos tiveran o seu templo principal... onde se erixiu a primeira basílica cristiá, destruída polos árabes e reconstruída por Odoario... novamente destruída. A actual - terceira das catedrais - foi comezada a construír en 1129 polo Mestre Raimundo.
Sufriu diversas modificacións e a actual cabeceira é do século XIV... o claustro, do XVIII e a Fachada Principal do XVIII con torres da segunda metade do século XIX.
Nesta fachada, imaxes de pedra de San Froilán - patrono da cidade - e San Cápito - primeiro bispo lucense. No alto, estatua da Fe co viril. E ós lados, os catro evanxelistas.
Mención especial merece a Porta Norte, do século XVI. Arcos oxivais na entrada e marco gótico para a porta románica con singular imaxe de Cristo en Maxestade, co libro dos sete selos... Ós seus pés o pinjante que representa a última cea e a inscrición que di: O discípulo do señor entrega ós seus membros a tranquilo repouso e ó recostarse el á cea contempla celestiais delicias.
Por fin, antes de entrar ó interior, Cabeceira e ábsida con orixinais arcobotantes e Torre vella ou do reloxo.
A Catedral, con planta de cruz latina, ten tres naves e cruceiro. Na cabeceira, cinco capelas das que a central - barroca do século XVIII - está dedicada á Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa da Cidade. A imaxe, de alabastro policromado, é do século XII. Os arcos do triforio, sobres as dúas naves menores, asómanse ó cruceiro. Os brazos deste van desde a entrada norte á sancristía do século XVIII.
Pecha a sancristía parte do antigo retablo maior, do século XVI, obra de Cornelis de Holanda. O resto do retablo atópase na propia entrada norte.
A Capela Maior data do século XVIII.
A Capela do Pilar, antes chamada dos Reis, é dos séculos XIV - XV. Nela atópanse sepulcros de nobres lucenses da época.
Inmediata está a Capela de San Froilán, patrono da Cidade, do século XVIII. Nela venérase unha imaxe do Santo e existe un sepulcro que a tradición quere que sexa de Santa Froila, nai de San Froilán.
Na nave central, Trascoro e Capela do Bo Xesús... e Capela do Ecce Homo Escuro. Desde aquí accedemos á parte alta do Coro, onde se atopa o órgano catedralicio.
Unha das maiores Xoias da Catedral Lucense é o Coro, obra de Francisco de Moure, do século XVII. A de Lugo, é a única catedral galega que conserva o seu Coro na nave central.
Tallado en madeira de noceira, ten 66 cadeiras. Figuras de corpo enteiro na fila superior e bustos na inferior, destaca a cadeira episcopal e constitúe un dos máis importantes conxuntos escultóricos da arte hispana.
Inmediato á catedral está o Palacio Episcopal, construído polo Bispo Gil Taboada, a mediados do século XVIII, utilizando os restos do Palacio dos Condes de Lemos.
En tempos houbo un paso elevado - O Arco de Palacio - entre bispado e catedral, sobre a Praza de Santa María, para permitir unha segura comunicación entre ámbalas dúas edificacións. No entorno Catedralicio, Praza de Santa María, Rúa Bo Xesús e Praza Pío XII, proporcionan adecuada perspectiva ó primeiro monumento relixioso dos lucenses.
San Francisco estivo en Lugo en 1214. Pouco despois comezouse a construí-lo Convento de San Francisco, do que hoxe só se conserva o claustro e a Igrexa, actual Parroquia de San Pedro. O claustro, oxival con reminiscencias románicas, de mediados do século XV, alberga parte do Museo lucense.
A Igrexa, tamén oxival, é de finais do XIV ou comezos do XV. Na súa fachada, Torre cadrada de cachotería de lousa. Ten tres ábsidas góticas cara á Praza de Santo Domingo. Pegada á igrexa atópase a Capela da Soidade ou a Venerable Orde Terceira, de finais do século XVII.
O Convento de Santo Domingo foi fundado no século XIII, comezándose a construcción da igrexa a principios do XIV. Aquí, fronte a ela, predicou San Vicente Ferrer.
O monumento sufriu sucesivas reformas. Na actualidade, é convento e igrexa das Agustinas Recolectas.
O convento das Dominicas de Santa María - A Nova foi fundado no século XIV. Nada se conserva do antigo edificio. O actual, neoclásico, de finais do XVII, reformado, alberga na súa antiga parte conventual á Delegación de Facenda e na igrexa parroquial de Santiago - A Nova.
A Igrexa de San Froilán corresponde á antiga do Hospital de San Bartolomé e de San Juan de Dios. É barroca, de finais do século XVII. Ten na súa fachada o brasón do Bispo Izquierdo. O Hospital incendiouse no pasado século e foi derrubado. No seu lugar construíuse o Colexio da Milagrosa e a súa capela é hoxe a sede da parroquia que leva o nome do patrono da capital lucense.
Fóra xa do recinto amurallado, cerca da Porta de San Pedro, está a Capela de San Roque, barroca, do século XVIII, obra de Ferro Caaveiro. A súa entrada é porticada e no alto ten a imaxe do Santo.
Desde 1773, o Concello lucense cumpre o voto de acudir a esta capela, anualmente, na festa de San Roque.
O máis nobre dos edificios civís é o Pazo ou Palacio Municipal, sito na cabeceira da Praza Maior. Obra de Ferro Caaveiro, construída en 1738, é de estilo barroco de placas, xenuinamente galego.
A Torre do reloxo foi construída en 1871 para dotar á cidade dunha Hora Civil, por contraposición á Hora Eclesiástica da Catedral. O reloxo, inicialmente construído para a Catedral de Málaga, estaba considerado como o máis perfecto dos reloxos de torre.
Palacio de San Marcos, na rúa do mesmo nome. Foi construído en 1886 para o Hospital que substituiría o antigo de San Bartolomé, no solar onde antes estivo a capela de San Marcos. Albergou o Museo Provincial, centros de ensino, biblioteca pública... é a sede da Deputación Provincial de Lugo.
O Cuartel de San Fernando, na rúa do mesmo nome, é de mediados do pasado século. Dá fronte á igrexa de San Froilán. Nel vai instalarse o futuro Auditorio Municipal.
Singular pola súa nobreza é o edificio do Círculo das Artes, sociedade cultural lucense fundada a mediados do século XIX.
Luis Pimentel, o gran poeta, definiu a Praza Maior de Lugo como a Sala de Visita do meu pobo. Percorrémo-las salas de visita da capital lucense, comezando pola Praza do Campo, a máis antiga.
Aquí xuntábanse as dúas grandes vías do Lugo romano: o Cardus (actual rúa de San Pedro - Praza Maior) e o Decumanus (a actual Ruanova).
Crese que aquí estivo o foro romano. No seu centro, fonte con estatua de San Vicente Ferrer. E o escudo do xa varias veces mencionado Bispo Izquierdo. Entre as varias importantes obras que desenvolveu na cidade atopábase a traída de augas que ata esa fonte chegaba e que deu lugar a que o Cura de Fruíme cantase:
Ya que para los brindis
materia estás ofreciendo,
a tu salud, Izquierdo, beba Lugo,
y mientras beba Lugo, viva Izquierdo.
O Bispo Izquierdo ten a súa praza xunto á porta do seu nome, no lugar tamén chamado Campo Castelo.
A Praza de San Roque, xunto á capela do mesmo nome... No seu centro, busto do que foi gran músico lucense Juan Montes Capón.
A Praza do Ferrol enmárcase entre a Muralla, San Froilán e o Cuartel de San Fernando.
Santa María, entre a catedral e o Bispado, e como intentando un maior vencello coa Praza Maior.
É a gran Praza da Fe, xunto coa de Pío XII, que enlaza catedral e Muralla.
A Praza da Soidade, xunto ó Museo e San Francisco, condúcenos á segunda gran praza lucense.
Santo Domingo. En tempos mercado e praza popular, ostenta hoxe o magno distintivo que acredita a fundación da cidade por César Augusto hai máis de 2.000 anos.
Á primeira praza lucense lévanos a Rúa da Raíña, inaugurada en 1854 por Isabel II.
Chegamos á Praza Maior de Lugo, a da vida señorial, que foi chamada Real, Constitución, da República, de Isabel II, de España.
Presidida pola Casa Consistorial e flanqueada polo Convento dos Franciscanos (antigo Seminario Conciliar), tivo antes que xardín pavimento empedrado e magnífica fonte... os leóns da vella fonte seguen custodiando os accesos da sala de visita da cidade de Lugo.
E o seu palco da música segue vestíndose de festa por obra e gracia da Banda Municipal de Lugo.
Un escritor francés, Mabille de Poncheville, visitou Lugo o día de San Froilán de 1928 e diso deixou constancia en cita que fixo fortuna:
"Un poeta enfermo tería en Lugo unha vida feliz".