Galicia ensaiará a reapertura do ocio nocturno cando se dean as circunstancias, cun 50% de ocupación dos locais, controis de acceso e rexistro de clientes
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/20210514-xunta.jpg)
A ocupación dos locais non poderá superar o 50% da súa capacidade no interior e o 75% en terrazas e espazos ao aire libre. Deberá garantirse a separación mínima de 1,5 metros entre mesas, así como as distancias interpersoais. Os establecementos que participen na proba deberán pechar as portas á unha da mañá.
Os responsables dos locais deberán declarar e exhibir a ocupación máxima, así como levar un control e un rexistro dos clientes que terán que gardar durante tres meses para poder ser localizados en caso de gromos. Tamén deberán garantir a correcta ventilación empregando aparellos medidores de CO2.
A pilotaxe permitirá obter datos en varios establecementos e o seu estudo facilitará mellorar as medidas para a reactivación do ocio nocturno cando se dean as circunstancias, xa que a finalidade última do plan é protexer a traballadores e clientes reducindo as posibilidades de contaxios.
O acordo afecta a discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos, e encádrase dentro dos habituais encontros entre a Administración galega e o sector para reducir o impacto da crise sanitaria nos seus negocios. Nese contexto, a Xunta vén de habilitar unha partida de 4 millóns de euros que destinará integramente ao ocio nocturno en compensación polos meses nos que tivo que permanecer pechado polas restricións.
R.