O convento de Herbón, en Padrón, declarado Ben de Interese Cultural
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/convento_de_herbon.jpg)
O ámbito de protección do BIC estenderase ao outro lado do río Ulla, incluíndo o bosque autóctona tradicional que rodea o convento. Ademais, a maiores do conxunto de elementos que compoñen o complexo conventual de San Antonio de Herbón, a franxa incluirá tamén a Igrexa de Santa María de Herbón, que xa en si mesma está declarada como Ben de Interese Cultural. O obxectivo é elaborar un contorno homoxéneo que garanta a preservación deste espazo e a súa contemplación, tanto desde o propio ben como desde os puntos de vista próximos. Na imaxe anexa detállase o perímetro do mesmo.
Respecto ás demandas dos veciños e ao uso do solo, na demarcación do ámbito de protección, tívose especial coidado en establecer límites obxectivamente recoñecibles, sempre que iso fose posible, trazándose a liña perimetral do contorno sobre camiños e lindes de parcelas. En calquera caso, permitirase a implantación de invernadoiros con destino exclusivo ao uso agrario que se instalen con materiais lixeiros e facilmente desmontables en todo o ámbito afectado pola declaración de ben de interese cultural. A súa tipoloxía, condicións de deseño e dimensións, deberá ser congruente coas características do contorno e alterar o mínimo posible o carácter paisaxístico da zona; e non poderán impedir a contemplación do conxunto protexido.
Elementos de gran valor patrimonial
Coa declaración de Convento de San Antonio de Herbón como BIC, a Consellería de Cultura e Educación recoñece o importante valor patrimonial deste convento, que conta con elementos de gran valor cultural, merecedores da máxima protección. Neste sentido salientan tanto o adro - coa estatua de San Francisco- como o claustro, cruceiro, patio e o coñecido como ‘pavillón do cardeal’, en honra do arcebispo Martín Herrera. A sancristía barroca do convento, construída no ano 1730, está tamén considerada como unha obra meritoria da arquitectura conventual galega, un valor compartido coa imaxinería - na súa meirande parte traballos de Xosé Gambino e Xosé Ferreiro-, o conxunto de retablos, o cadeirado dos freires o órgano do templo, e outras pezas como un cadro da virxe de Guadalupe realizado en México en torno ao ano 1734.
Ademais da importancia histórica do inmoble froito da súa propia natureza, morfoloxía e devir histórico e da relevancia artística dos bens mobles e accesorios que forman parte integrante del, cómpre mencionar que na horta conventual conviven espazos destinados á produción hortofrotícola con outros elementos ornamentais que inciden no valor ambiental do lugar. Así, xunto á celebre palmeira de Palestina- traída, segundo di a tradición, dende Xerusalén no século XV por un freire, ou, segundo algúns, polo trobador Xoán Rodríguez de Padrón -, e o estanque e a fonte de San Francisco, alternan xardíns, prados, viñedos ou froiteiras, e toda una variada mostra de produtos procedentes dos máis variados lugares. Non en balde, o convento serviu, na súa época de dedicación como colexio de misioneiros, como entrada de plantacións importadas de ultramar, tales como patacas e pementos, que unha vez adaptados a este territorio, se incorporaron á tradición popular.
Fotogtafía: http://www.turgalicia.es
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia