Pontevedra
Pontevedra, boa Vila.
Na casa consistorial pontevedresa figura a inscrición:
“Fundote Teucro valiente
de aquesta ría a la orilla
para que en España fueras
de villas, la maravilla”.
Cunqueiro falou dun inglés viaxeiro, de comezos do século XIX, chamado Milford, que - referíndose a Pontevedra - mencionou unha "Amena cidade situada nunha lomba".
"Cidade museo", chamouna Castroviejo, afirmando non saber cando entraba no Museo e cando saía da Cidade. Pero nós preferimos inicia-lo noso percorrido recordando as palabras daquel duque francés que, na nosa Guerra da Independencia, derrotado, incendiou un barrio pontevedrés exclamando: "¡A túa beleza desármame!".
Dirixímonos á cidade da beleza que desarma, a Boa Vila do cantar, que se na Idade Media foi a capital do comercio do Noroeste hispano, hoxe é un dos máis entrañables conxuntos urbanos deste País.
En tempos, a vía marítima sería o mellor acceso para chegar a Pontevedra e aquí acaban infinidade de rutas mariñas.
Pero hoxe existe unha maior variedade... desde a moderna autoestrada ou as estradas que a vencellan ó resto de Galicia, ó ferrocarril chegado a Pontevedra a finais do século XIX, que orixinou un substancial cambio na xeografía urbana desta cidade e tres novas pontes sobre o río.
O Río Lérez. As súas augas percorreron máis de medio cento de km. Desde as terras de Forcarei ata chegar a este lugar. Aquí únense Alba e Tomeza... e fórmase a Ría de Pontevedra, a máis acolledora de Galicia.
Protexida polos montes Acibal, Castrove e Da Fracha, foi Pontevedra desde os seus albores un cruce de camiños.
Os seus primeiros habitantes fórono de Palafitas, instaladas á beira do Lérez. Logo, dun poboado protexido polo próximo castro que era á vez o seu santuario. E, por fin, dun porto que foi corazón da cidade durante moitos séculos, dedicado ó estaño primeiro, logo á pesca e, por fin, ó comercio. E aquí chegaron os árabes ou os normandos, ingleses e franceses, berberiscos e turcos, en busca de riqueza, o sangue e o lume.
Para a nosa entrada en Pontevedra, elixÍmo-la vía que procede de Santiago e das tres entradas posibles, a da vetusta ponte do Burgo, deixando á esquerda a moderna zona de recreo e servicios e á dereita, algo máis lonxe, a urbanización de A Caeira que, se administrativamente pertence ó municipio de Poio, ten directísima vinculación coa cidade de Pontevedra.
A razón de elixir esta vía ven dada pola historia... No século XII menciónase a Pontevedra como Ponte Veteris, ou Burgo de Ponte Veteris, a Ponte Vella. Xunto á ponte naceu o primeiro núcleo habitado, inicialmente destinado á atención ós viaxeiros.
A ponte tiña catro arcos entre dúas torres. O seu recordo é o motivo central do escudo da cidade.
No itinerario romano Per Loca Maritima, de Antonio Pío, Pontevedra foi a III Mansión... Chamóuselle Ad Duos Pontes... Existe a dúbida de se a primeira destas pontes era a Ponte Sampaio ou a Ponte do Couto sobre o río Tomeza. Pero o que si é seguro é que a outra era a actual Ponte do Burgo, a Ponte Vella, Ponte Veteris, a primeira entrada natural de Pontevedra. A actual ponte, medieval, alterada por sucesivas modificacións, é sen dúbida sucesora da que en 1165 foi escenario da firma do tratado de Paz entre os reis Alfonso de Portugal e Fernando de León. E quizais a mesma que a finais do século XIV era "muy buen lugar para los que quisiesen hacer armas por amor de sus amigas, ca todas las dueñas e doncellas de Pontevedra eran a mirar por el adarve de la villa”.
Augas arriba, está o Mosteiro de San Salvador de Lérez, fundado no século IX. Con el empezou a historia de Pontevedra. Nada queda da primeira fábrica románica.
A actual igrexa é neoclásica, como o é o seu retablo maior. Aquí está a capela de San Benito, o famoso cantar:
Si vas a san Benitiño
non vaias ó de paredes,
que hai outro máis milagreiro,
San Benitiño de Lérez.
Aquí estudiaron e ensinaron o Pai Feijoó e o Pai Sarmiento, os dous grandes do século XVIII en Galicia. Unha lápida recórdaos na fachada da antiga casa benedictina.
Na desembocadura do Lérez asentábase o barrio da Moureira, co seu peirao das Corbaceiras, onde se cre que foi construída a Santa María ( A Galega), para a expedición do descubrimento de América. Hoxe son só un recordo as súas casas de planta baixa, con fachada en forma de mitra, orixinada pola inclinación dos seus tellados.
As ordenanzas da vila, de mediados do século XVI, impedían a residencia na Moureira a quen non foran traballadores do mar.
Dixo o Licenciado Molina na súa descrición do Reino de Galicia que Pontevedra cargaba
Navíos que pasan de ciento
de tantos pescados y mantenimiento
que hincha a otros Reinos y a la AndalucÍa.
O máximo esplendor de Pontevedra coincidiu coa súa maior relación co mar, nos séculos XIV, XV e XVI, aínda que a súa importancia comercial mantívose ata mediados so XVIII. Pero as guerras, pestes, emigracións, cambios no comercio e -sobre todo- os aluvións que cegaron o seu porto convertendo en fluvial o que antes era plenamente marítimo, fixeron decae-la súa importancia comercial e de transporte.
Ó final da ponte, comezaba antano a cidade amurallada. Tivo Pontevedra Muralla, comezada a construír no século XIII e que perdurou ata mediados do XIX. Medía 2.170 metros e aínda podemos seguir paso a paso o seu trazado, que no seu último tramo discorría polas actuais rúas de
- Arcebispo Malvar (onde quedan algúns dos seus restos xunto á igrexa de Santa María),
- Michelena,
- Cobian Roginac,
- Amoedo e
- Avenida de Bos Aires.
Desgraciadamente, en la actualidad, la muralla es sólo un recuerdo.
Situámonos de novo ó final da Ponte do Burgo para comeza-lo percorrido pola cidade. A pesar de atoparnos ás portas da cidade antiga, estamos inmersos na trasfega da vida moderna. Hoxe coma onte, a vida entra en Pontevedra pola Ponte do Burgo.
O noso primeiro destino é Santa María a Maior, fundada polo poderosísimo Gremio de Mareantes do Corpo Santo, precisamente no lugar que antano ocupou a igrexa románica de Santa María a Antiga, e dominando o barrio mariñeiro e a baía de Pontevedra. Foi erixida na primeira metade do século XVI.
Desde a súa fachada, obra de Cornelis de Holanda e Juan Noble, dixo Cunqueiro que "Patináraa o vento do mar ou a mirada dos que chegaron, en naves, desde fastados portos, coa morriña da vila natal ".
Combinando oxival e plateresco, é o primeiro monumento de Pontevedra e un dos máis fermosos do gótico isabelino de Galicia. Foi elevada ó rango de basílica con capelas laterais que lle dan forma de cruz.
Subímo-la ampla escalinata -reformada a mediados do século XIX. A fachada principal, coma un gran retablo de tres corpos (os laterais saíntes e entrante o central), entre contrafortes, presenta entre outros varios motivos Un Tránsito da Virxe, sobre o arco da portada. E, sobre o rosetón, a Coroación de María. No alto, un calvario. E sobre os contrafortes, San Miguel e Teucro, mítico fundador da cidade.
Na porta lateral da dereita, medallóns do Emperador Carlos I e a súa dona. Ó lado, o Cristo da Boa Viaxe, do que se despedían os mariñeiros pontevedreses antes de embarcarse. A súa ábsida poligonal é a parte máis antiga.
No interior, tres naves separadas por feixes de columnas. Merecen especial mención os seus retablos barrocos e as capelas da Concepción (co sepulcro do rexedor Diego de Arango), de San Miguel (co sepulcro dos Mariños de Lobeira) e a do Corpo Santo, que leva o nome do gremio de Mareantes que fundou esta Igrexa.
Esta é a antiga horta do Convento de Santo Domingo, hoxe Alameda e centro administrativo da capital. Aquí atópanse a Casa Consistorial, Deputación Provincial, Antiga Escola Normal de Maxisterio, Instituto, Facultade de Belas Artes... todos eles edificios de finais do século XIX.
Na cabeceira da Alameda, rodeado dun estanque, monumento ós Heroes de Pontesampaio, que conmemora a xesta dos galegos na Guerra da Independencia.
A finais do século XII chegaron a Pontevedra os dominicos que, a finais do XIII, comezaron a construcción do seu convento, primeiro en A Moureira e logo neste lugar.
No século XVIII, comezouse a reconstrucción do antigo edificio, en estilo neoclásico, reconstrucción que non puido ser rematada pola exclaustración, polo que puideron conservarse a cabeceira do templo e as súas cinco ábsidas poligonais, de estilo gótico. Consérvase, así mesmo, a fachada da sala capitular, do século XV. O resto do edificio foi derrubado a finais do século XIX para a construcción do Instituto de Ensino Medio anexo.
No interior consérvanse sepulcros arrimados nos muros, con estatuas xacentes de destacados personaxes da historia de Pontevedra... na primeira capela, Tristán de Montenegro; na última da dereita, Paio Gómez de Soutomaior; e na capela central, Suero Gómez de Soutomaior, pontevedreses ilustres do século XV, que aquí quixeron ser enterrados e hoxe comparten espacio con parte da sección arqueolóxica do Museo de Pontevedra, instalada en 1927, sendo inaugurada en 1938. Amósanse neste Museo excelentes restos romanos, visigóticos e medievais.
Nunha dependencia anexa atópanse os arcos medievais de San Bartolomé o Vello, igrexa derrubada a mediados do século XIX para a construcción da praza que hoxe leva o nome de Curros Enríquez.
En tempos, Pontevedra foi un dos centros militares máis importantes de Galicia. Por iso, naceu o romance:
Anque vou a Pontevedra
non vou por ver os Soldados;
vou por ver a Pelengrina
a dos Pendentes Dourados.
No século XVIII fundouse a Confraría da Nosa Señora do Refuxio e Divina Peregrina, culto promovido polos franciscanos e oriúndo de Sahagún.
O 18 de xullo de 1778 colocouse a primeira pedra da Igrexa da Virxe Peregrina, en honor da que - procedente de Éfeso - quixo facer peregrinaxe a pé á tumba de Santiago, e en pontevedra parou a descansar.
A orixe da tradición está vincunlado ó Camiño do Sur ou Camiño Portugués a Santiago de Compostela, que tamén podería chamarse Camiño da Virxe Peregrina. O camiño chegaba aquí pola antiga Porta de Trabancas ou Porta da Vila.
A igrexa, de estilos barroco e neoclásico, do estilo denominado "Dos mestres de obra", ten planta circular en forma de concha de vieira e orixinal fachada curva.
A Virxe, Santiago e San José, figuran na portada.
Alberga a imaxe da patroa da provincia de Pontevedra, con sombreiro no que figuran as conchas de peregrino e na man bordón de romeiro e cabaza de auga. No seu brazo esquerdo, o Neno.
A súa pila de auga bendita está formada por unha gran concha mariña que foi doada polo Almirante Méndez Núñez.
É a igrexa máis característica da cidade de Pontevedra.
Esta é a Praza da Ferrería, a do famoso cantar:
Pontevedra é boa vila
dá de beber a quen pasa
a fonte da ferrería
san bartolomé na plaza.
A fonte atópase na actualidade nas inmediacións de San Francisco. Aquí estaban as ferrerías, baixo os soportais que logo albergaron o mercado e hoxe forman un singular conxunto monumental.
Igrexa-Convento de San Francisco, do primeiro oxival, aínda con aire románico... Aínda que xa existía a comezos do século XIII, créndose fundada polo propio Francisco de Asís, a construcción é de comezos do XIV, agás a portada e algúns restos do século XIII. Ten planta de cruz latina. Ocupa terreos que foron dos Soutomaior, ó lado do emprazamento da antiga muralla e aproveitando algunhas das súas torres. O arcebispo Malvar ampliouna a finais do século XVIII, substituíndo o claustro e uníndolle o edificio que hoxe ocupa a Delegación de Facenda. Na entrada desta delegación atópase a Porta de Santo Domingo da antiga muralla.
Son moi notables os enterramentos do interior, especialmente o de Paio Gómez Charino, dos Soutomaior, que apoia o seu pé nun león e sostén con firmeza a súa espada. Recórdase a súa fazaña: "aquí xace o moi nobre cabaleiro paio gómez charino o primeiro señor de Rianxo que gañou a Sevilla sendo de moros e os privilexios desta vila".
O chamado Almirante do Mar, mandou as naves pontevedresas que romperon a ponte de barcas e as cadeas que para defensa de Sevilla cruzaban o Guadalquivir, conquistando a cidade.
Fernando III o Santo outorgou privilexios a Pontevedra para testemuña-lo seu agradecemento a Paio Gómez Charino, bo guerreiro e gran poeta. Santa María e San Francisco están situados nos montículos que antano ocuparon os dous castros de Pontevedra.
Extra muros da vella Pontevedra, Igrexa do Convento de Santa Clara, de relixiosas clarisas, de finais do século XIV, de estilo oxival. Considérase fundado este convento a finais do século XIII. Entón, esta zona estaba moi preto da Porta e Torre ameada de Rocha Forte da Muralla.
Destaca a súa ábsida poligonal, máis alto que a súa única nave e a porta de ingreso do lateral norte, gótica, flanqueada por columnas, cunha representación do Xuízo Final. O resto da igrexa está oculto polo edificio do convento. No seu interior destacan os altares barrocos e frontais de coiro.
Xa cara o centro da cidade, San Bartolomé o Novo, construído para igrexa e colexio dos Xesuítas a finais do século XVII. O seu barroco é unha mestura do barroco galego e as formas máis internacionais deste estilo.
A horta do convento chegaba ata o río Lérez.
No interior consérvanse notables retablos barrocos.
No edificio que albergou o convento, pegado á igrexa (edificio Sarmiento) atópanse na actualidade dependencias do Museo provincial de Pontevedra.
Na Praza da Leña, dúas barrocas casas señoriais albergan o núcleo principal do Museo de Pontevedra: a Casa de Castro Monteagudo e o Palacio de García Flórez, ámbalas dúas de mediados do século XVIII, unidas por un orixinal arco moderno.
Constitúe un dos máis importantes museos provinciais de España e é o froito do traballo de destacados pontevedreses desde a fundación do seu padroado en 1927. Castro Sampedro, Sánchez Cantón e Filgueira Valverde son nomes unidos xa - por selo ó Museo - á historia de Pontevedra.
No edificio Castro Monteagudo albérganse as salas de:
- Arqueoloxía e Prehistoria, cos tesouros de Caldas, A Golada e Foxados, compostos por torques, peites litúrxicos, vasos, machadas...
- Colección de Cruces Parroquiais Galegas e Portuguesas...
- Pintura... podendo observarse practicamente a evolución da pintura en España.
No Palacio de García Flórez cabe destaca-la existencia de:
- A máis valiosa colección de acibechería compostelá existente en Galicia.
- Pezas de ouro do denominado "Tesouro de Caldas".
- Colección de 650 obxectos de prata, a máis variada de uso civil exhibida en España.
- Ampla mostra de ourivería popular.
- Excepcional colección de cerámica de Sargadelos.
- Documentación da Confraría do Corpo Santo.
- Sala Castelao...
- e unha réplica da cámara da Fragata Numancia, primeiro acoirazado español que deu a volta ó mundo do almirante Méndez Núñez.
A chamada Casa Fernández López en honor ó seu gran benfeitor, edificio actual, ó lado do Pazo Castro Monteagudo, alberga a biblioteca e o arquivo do Museo (este edificio está sendo ampliado de forma destacada, abarcando toda a mazá entre as rúas adxacentes).
É de destaca-la gran actividade cultural que desde a súa creación ven desempeñando o Museo de Pontevedra, evidenciándose como unha entidade vida e con decidida influencia non só en Pontevedra, senón en toda a Galicia sur.
Deixamos por fin que nos embargue o espírito da cidade e perdémonos polas súas rúas e prazas... Ningunha cidade galega reuniu tanta fidalguía, tanta nobreza...
Esta é a que puidera considerarse a vía principal, o eixo da cidade antiga e que de Santa Clara chega a Santa María cos nomes da Rúa Padre Sarmiento e Isabel II.
En calquera das súas rúas é posible atopar casas solariñas de nobres pontevedreses como O Pazo de Mugartegui, na praza do mesmo nome; o pazo barroco con decoración renacentista dos Barbeito, sede do museo etnolóxico de Liste, tamén chamado Casa das Caras; a casa da familia Méndez Núñez, edificada no solar do Pazo-Castelo dos Churruchaos; ou o Pazo do Barón de Casa Goda, hoxe convertido en Parador Nacional de Turismo. Sen esquece-lo Teatro Principal, xoia rescatada para o quefacer cultural pontevedrés.
Pero se houbese que destacar algo na monumentalidade de Pontevedra, conformada pola pedra labrada polos canteiros desta terra, son as prazas... Unidades básicas de convivencia urbana, as prazas pontevedresas son únicas.
Ferrería, a praza central... A Leña, onde antano se vendía o combustible para as cociñas... Cinco Rúas... e Teucro.
Antiga Praza do Pan, a Praza de Teucro chámase así en honor ó mítico fundador da cidade.
Fillo de Telamón e Hesíone, irmán de Ajax, Teucro sería un exiliado de Troia que a tradición quere que aquí fundase a vella Helenes. Testemuñárono Estrabón e Plinio. E os pontevedreses sacaban a Teucro en procesión polo Corpus. E déronlle o seu nome a esta praza para que quede constancia do seu papel na mitoloxía de Pontevedra.
E se ata agora a historia feita pedra foi o centro da nosa atención, fixémonos agora na vida, no diario acontecer pontevedrés... na súa industria... no seu comercio... nas súas xentes... no pulso cotián dunha cidade -boa vila- plena de vitalidade.
E se xunto ó Lérez comezamos, ó Lérez volvemos para percorre-lo Paseo que nos leva á Illa das Esculturas, con doce obras de arte dos máis famosos escultores contemporáneos, contigua ó Pazo da Cultura e no entorno do Campus Universitario.
Desarmados polo señorío e a beleza de Pontevedra, volvemos a Castroviejo que afirmaba que "Pontevedra no es una gran ciudad, ni falta que le hace, sino que es una Villa Espiritual ", escoitamos a Cunqueiro poñer punto final a esta visita:
"Pontevedra está feita para o home e o sosego, o ocio dos días. É unha cidade ideal para un artista nostálxico".