Skip to main content

Ourense

 A cidade do ouro 

ourense turismogalicia

Sucedeu, fai millóns de anos, que o Río Miño cansou de estar remansado nun gran lago,e as súas augas excavaron unha saída…No decurso dos séculos, foron formando un val, onde os romanos atoparon o lugar ideal para asenta-la capital das terras do ouro… Daquela Auria inicial, xurdiu a actual cidade de Ourense.

Os historiadores non se poñen de acordo en cal foi a razón de que Ourense nacera: se do río, da Ponte, das Burgas, ou do ouro... Ou dos catro elementos. Porque o romano buscou e atopou nestas terras, construíu a vella ponte para cruza-lo gran río, e gozou da auga cálida que se obtiña nas súas fontes...

E aquí nace Auria, a cidade de ouro, capital das terras do ouro, na marxe esquerda do Miño, ó redor das Burgas.

Veña o seu nome do Warm See (Lago quente) dos xermánicos, do Or Ens (Auga quente) dos celtas; ou do romano Auria (Cidade de ouro, ou lugar luminoso e brillante), Ourense - que a tradición quere fundada polo heroe grego Amphiloco - foi importante para o romano polo seu río, a súa ponte e as súas fontes. E estes foron os núcleos ou orixes da primeira cidade. Río e Ponte sérvennos de punto de partida para visita-lo que Cunqueiro chamou "O Dourado País de Ourense".

ourense turismogalicia

O seu río... O Miño, o gran río dos galego, enriquecido polo Sil, recibe en Ourense os irregulares caudais do Loña e o Barbaña... Ó sur do Miño e ó este do Barbaña era o lugar máis adecuado para que o romano fixese pasa-las súas lexións cara ó norte. Aquí debería construírse unha gran ponte para que as tropas estacionadas en Chaves ou en Braga acadasen os seus obxectivos máis afastados.

E cara ó ano 100 da nosa era, quizais en tempos de Traxano, ergueuse a máis maxestosa silueta de ponte romana de cantas se conservan en Galicia.

ourense turismogaliciaourense turismogaliciaourense turismogalicia

 

 

 

 

 

Reconstruída en 1228 polo bispo don Lorenzo para o paso dos peregrinos a Compostela, e reparada posteriormente en numerosas ocasións, mide 370 metros de longo, 5 de ancho, e o seu arco central - hoxe de 37 metros de alto - foi o de maior luz de todo o imperio romano. Tivo castelo, cadeas, ramplas curvas de acceso... E é hoxe unha das grandes xoias de Ourense...

ourense turismogaliciaourense turismogalicia

 Dío a estrofa popular:

Tres cousas hai en Ourense
que non as hai en España:
O Santo Cristo, e Ponte,
e a Burga fervendo a auga.

Deixamos atrás a moderna zona da Estación, surxida inicialmente a raíz da chegada do ferrocarril a Ourense.

Cando en marzo de 1881 a locomotora Miño chegou a Ourense, estaba anunciada a creación dunha cidade moderna que cruzaba o río para expandirse de forma definitiva.

Cruzámo-lo río pola "Ponte Vella" , a vella ponte... imos ó encontro do Ourense histórico. E as pedras vetustas, en parte herdadas do romano, introdúcennos nese Ourense que, a pesar da súa grande relación con el, só a mediados do século pasado chegou ata o río Miño. Foi en 1863 coa construcción da estrada de Villacastín a Vigo cando a ponte romana se vinculou coa estructura urbana de Ourense.

E a cidade, que viña medrando de forma escalonada, en terrazas, achegouse ó río, ós seus ríos, e formou a actual urbe que os encamiña e domina.

E hoxe son 4 as grandes pontes que atravesan o río, esixidas polo vital latir da gran cidade do interior galego.

ourense turismogaliciaÓ final da vella ponte, á esquerda, Alameda do Cruceiro (Case desaparecida), hoxe ocupada polo Pazo de Xustiza e o cruceiro trasladado á Praciña da Magdalena.

ourense turismogaliciaÁ dereita, Campo e Capela da Nosa Señora dos Remedios, fundada en 1552 por Francisco Méndez Montoto. Era este campo, antano, lugar sumamente perigoso para os camiñantes pola existencia de malfeitores. Desde a fundación da capela, chamouse do Desafío, por selo lugar elixido polos ourensáns para baterse en duelo. Desde o século XVII, é o "Campo dos Remedios".

 

ourense turismogaliciaourense turismogaliciaEn dirección ás Burgas, percorrémo-la que foi Rúa do Progreso, antiga estrada de Villacastín a Vigo, paralela ó río Barbaña, punto de arranque do moderno Ourense.

ourense turismogalicia      Imos ás Burgas para encontra-lo singular elemento, decisivo sen dúbida para que o romano se asentase neste lugar. Tres fontes cálidas, potables e termais, que antano discorrían libres por un regato hoxe transformado - canalizadas as augas - na rúa das Burgas.

As augas medicinais, ou simplemente cálidas, transmitíronnos ó longo dos séculos a testemuña da súa presencia: E Calpurnia Abana, dama da Galcia de Roma, entrou na historia por ter ofrecido unha ara votiva ás deusas ninfas das Burgas de Ourense.

ourense turismogaliciaourense turismogaliciaourense turismogaliciaourense turismogaliciaourense turismogalicia

 

 

A Burga de Abaixo, a máis caudalosa, ten fachada de mediados do século pasado; á súa dereita, o Fervedoiro... E a máis pequena, a Burga de Arriba, na rúa das Burgas... En calquera época do ano, temperatura e caudal das augas permanecerá inalterada a 70 graos centígrados, e 300 litros por minuto. A lenda quere que a auga das Burgas naza precisamente debaixo da imaxe do Santo Cristo, na Catedral, e que a auga sexa quentada por un volcán que algún día entrará en erupción sepultando a cidade.

Vímo-los elementos que influíron no nacemento da vella Ourense... Que foi corte dun rei suevo... destruída polos árabes no século VIII; restaurada polo rei Casto Alfonso II, e volta a destruír.

Reconstruída por Alfonso III o Magno, rei de Asturias... Arrasada polos normandos, e restaurada por fin por Sancho II e súa irmá dona Elvira.

ourense turismogaliciaVisitámola cidade antiga entrando polo Xardín ou Campo do Posío... Dividido ó construí-la estrada xa varias veces mencionada, segue sendo o gran xardín ourensán no que a fonte de Oseira ou os monumentos a Lamas Carvajal e Prado Lameiro teñen un lugar de honra.

ourense turismogalicia

Camiño do centro da cidade, encontrámo-lo Instituto por excelencia. Instituto Otero Pedrayo, de finais do século pasado. Aquí impartiu clases o ilustre polígrafo ourensán.

A igrexa da Trinidade é a máis antiga das parroquias de Ourense. Fundada no século XII, foi na súa orixe abadía, tivo hospital de peregrinos e unha ampla zona de influencia.

ourense turismogaliciaourense turismogaliciaDestaca a súa ábsida poligonal, do século XVI, cara á avenida do Pai Feijoo, e a súa fachada - entre dúas torres cilíndricas - co aire de fortaleza, cara á rúa do Vilar. É notable o seu atrio con cruceiro, ó que dá a portada plateresca do antigo hospital de peregrinos (hoxe casa rectoral) e a renacentista do Hospital de San Roque ( do século XVI).

ourense turismogalicia

Na praza de igual nome, Capela dos Santos Cosme e Damián, fundada en 1521, que ten na súa fachada as figuras dos dous santos, coas pernas nun cepo, recollendo o alimento que o anxo lles traía. Nesta capela albérgase o Belén popular de Arturo Baltar.

Chegamos xa á Praza Maior.

En tres dos seus lados, soportais do XVII, XVIII y XIX. Presidíndoa, a Casa Consistorial, edificio do pasado século, se ben con importantes modificacións posteriores. Os balcóns, de ferro fundido, teñen as armas da cidade.

ourense turismogaliciaourense turismogaliciaourense turismogalicia

 

 

 

 

A Praza Maior, é o centro no que conflúen as máis xenuínas rúas de Ourense antigo. E, no pasado século, - como dixo Vicente Risco - foi o cerebro e o corazón da cidade.

Nunha das esquinas da Praza, Igrexa de Santa María "A Nai", e Museo Arqueolóxico Provincial.

ourense turismogaliciaPor unha escalinata do século XVII - renovada no XX - accédese á Igrexa de Santa María. Santa María "A Nai", foi erixida en 1084 polo bispo Ederonio, aínda que reconstruída totalmente en 1722. Pegada ó antigo Pazo Episcopal, este sufriu o derrubo da súa torre para a ampliación da igrexa.

ourense turismogalicia

Barroca, con planta de cruz latina, ten na súa fachada oito columnas de mármore, que se supoñen restos da antiga Basílica dos suevos, do século VI. Iso deu lugar á crenza de que puidera ocupa-lo mesmo lugar da vella catedral sueva. Pero só foi catedral en tanto non se executaban as obras de reconstrucción da Basílica ourensá.

Enriba da porta do brazo norte, consérvase a lápida do século XI, colocada polo bispo Ederonio con motivo da súa erección. E xunto a ela, outra correspondente á reedificación do século XVIII.

ourense turismogaliciaO antigo Palacio Episcopal, hoxe Museo Arqueolóxico Provincial, foi construído polo bispo don Diego Velasco no século XII, e modificado por don Lorenzo XIII. Crese que antes puido estar situado aquí o Pazo dos reis Suevos de Ourense. As súas ventás da fachada norte e as arcadas do patio interior son os elementos máis destacados deste histórico edificio.

ourense turismogaliciaourense turismogalicia

ourense  turismogalicia

 

Como Museo alberga unha amplísima mostra de achados relativos á historia ourensá, desde as mámoas da idade de Bronce ou a cultura castrexa ata a arte dos séculos XVIII e XIX.

Destacan os restos dos castros de Lás, Arméa, Troña,... aras, lápidas e miliarios romanos, especialmente as Lápidas das Burgas... capiteis visigóticos e románicos, cadros procedentes da desamortización... Alberga, así mesmo, o arquivo histórico provincial.

ourense turismogalicia

A inmediata Praza da Magdalena, foi mercado, atrio e cemiterio. No seu centro, cruceiro de 1718, procedente das inmediacións da ponte romana.

Neste lugar tranquilo, recóndito, afastado da moderna vida da cidade.

No século VI, ocorreu que Carriarico, monarca con corte en Ourense, ó ser curado o seu fillo de lepra por intervención de San Martín de Tours, converteuse ó cristianismo con toda a súa corte, levantou unha catedral baixo a advocación de San Martín e Santa María.

Destruída en diversas ocasións, en tanto non era construída coa dignidade requirida, erixiuse en 1084 Santa María "A Nai", como catedral temporal.

Consagrada no 1194, non foi abovedada ata comezos do século XIII. No XV, foi fortaleza, resistindo asedios en difíciles momentos da historia ourensá.

ourense turismogaliciaourense turismogaliciaÁ súa porta sur chegaba o camiño de Castela... Da súa porta norte saía o camiño ó paso de barca no río Miño para cruzar cara ó resto de Galicia.

 

ourense turismogaliciaChegamos a ela a través da Praza do Trigo, con nobres casas con soportais e patios interiores, xenuinamente ourensáns. Tivo en tempos a súa zona das Praterías, con talleres de ourives na parte alta. Aquí estivo o Patio das Laranxeiras da Catedral, o u Prazas das Damas. Desde este punto contemplamos exteriormente o primeiro templo ourensán antes de penetrar no seu interior.

ourense turismogalicia

Esta é a súa fachada sur, na que destaca a Torre do reloxo, de mediados do século XVI. A fachada foi en principio simétrica, con dúas torres militares, pero a do reloxo fixo perder este carácter invadindo a Portada.

A porta, aínda que hoxe incompleta por iso, é - na súa parte máis alta - das máis interesante da catedral.

ourense turismogalicia

Diversas construccións do século XVIII - Museo, arquivo, biblioteca, ocupan a fachada románica sur do brazo maior. Da fachada sur do cruceiro, dixo Manuel Murguía:

"E dun carácter tan acusado e enérxico que non coñecemos cousa que se lle pareza en Galicia polo fermoso do conxunto e o franco e acentuado dos detalles".

A cabeceira quedou recentemente libre de diversas edificacións pegadas. E así pode apreciarse toda a beleza da gran obra románica:

ourense turismogaliciaourense turismogalicia

a cabeceira, capela do Santo Cristo, a Capela Maior con rosetón, deambulatorio, e o gran ciborio gótico-renacentista que coroa a catedral ourensá. Ten planta octogonal, tres pisos de ventas, e foi construído a comezos do século XVI por Rodrigo de Badaxoz.

Fronte á cabeceira, Praza do Corrixidor onde está instalada a estatua de D. Ramón Otero Pedrayo.

ourense turismogalicia

Pola súa parte norte, a catedral presenta un pequeno atrio enlousado cerrado por unha balaustrada e á que se accede por unha escaleira de pedra, todo iso a finais do século XVIII.

Aprécianse A Capela das Neves (do século XVI), e a capela de San Juan (do XV), reconstruída polo Conde de Benavente, trala destrucción que ocasionou na súa loita contra o conde de Lemos.

Apréciase tamén, na fachada do brazo norte, o seu aspecto de fortaleza, con dúas torres circulares inconclusas. A súa estructura é similar á da fachada sur.

ourense turismogaliciaourense turismogaliciaourense turismogalicia

 

 

 

 

Ata fai poucos anos, a catedral careceu de acceso pola súa porta principal.

Orientada cara ó oeste, está enmarcada polas torres de San Martín (do século XVI), inconclusa, e a das Campás. Esta, de 40 metros de alto e catro corpos graduados - os dous inferiores, máis antigos- viuse reforzada a súa parte inferior a finais do século XIX para soluciona-las gretas que na estructura causara o gran terremoto de Lisboa de 1755.

Da fachada anterior ás obras do século XVI, consérvanse o gran rosetón e os dous máis pequenos, así coma parte exterior da portada románica de transición. Por esta portada, de tres arcadas, penetramos no interior da Basílica ourensá.

Aquí celebraban antano os ourensáns as súas reunións comunais, ante o Pórtico do Paraíso, inspirado no Pórtico da Gloria da catedral de Compostela, e ó redor de medio século posterior.

ourense turismogaliciaSufriu gravísimas mutilacións no século XVI: Foron substituídas as bóvedas, invadido lateralmente polas torres que eliminaron as columnas laterais, cambióuselle o tímpano, elimináronselle as bases por crer que as figuras dos deus monstros eran "infernais"... Pero as súas pilastras centrais compensan de toda modificación, adición ou carencia, e o Pórtico do Paraíso é a mellor xoia da arte medieval das terras do ouro... E se non existise o Pórtico da Gloria sería, quizais, a máis fermosa xoia das terras do fin do mundo.

ourense turismogalicia

Ó seu lado esta Nosa Señora do Paraíso, a Virxe co Neno, nun altar do lado sur, do século XVI.

A Catedral mide 84 metros desde a súa porta principal ata o fondo da Capela central da ábsida... E 43 metros dunha a outra porta do cruceiro.

Comezámo-la súa visita pola nave do Evanxeo.

Esta é a capela de San Lucas, fundada en 1603, cerrada con reixa... Séguea o sepulcro de don Alonso González del Padrón.

ourense turismogalicia

Capela das Neves, de finais do século XVI (na que se encontra o sepulcro da Infantina, quizais unha infanta de Castela), capela de San Juan, que se cre situada no lugar do baptisterio suevo, e que ten debaixo do seu entarimado un profundo foxo.

Existente xa en 1227, foi derrubada pola artillería do Conde de Benavente en 1467. Reconstruída polo mesmo arrepentido conde, na actualidade é un lugar anexo ó Museo catedralicio.

ourense turismogaliciaNo brazo norte do cruceiro, destaca o sepulcro gótico do bispo don Vasco Pérez Mariño, falecido en 1342, que trouxo a Ourense a imaxe do Cristo Crucificado que aquí se venera.

ourense turismogalicia

A Capela do Santo Cristo, oxival, é da segunda metade do século XVI, restaurada un século despois. O famoso Cristo gótico ourensán dise que foi traído no século XIV polo bispo Vasco Pérez Mariño, desde Fisterra, onde aparecera flotando no mar.

Pelo e barba naturais, parecen brotar dunha pel humana e a lenda quere que crezan dada a naturalidade conseguida polo descoñecido artista que o construíu. Antano era costume colocar gaiolas con paxaros nesta capela para que cantasen durante a novena do Santo Cristo.

ourense turismogalicia

Consérvase nesta capela parte da sillería do antigo Coro da Catedral.

O resto, está distribuído polas diversas dependencias do templo. A comezos do século XVII, construíronse cinco capelas radiais que substituíron ó primitivo cierre románico de tres ábsidas, San Pablo, Santa Isabel, Concepción, Resurrección e Asunción, dan ó deambulatorio que rodea a Capela Maior.

ourense turismogalicia

Nunha capela inmediata á da Asunción, atópase o Cristo dos Desamparados, de tamaño natural, románico, de fins do século XII, tallado en madeira, que se supón era o venerado antes do século XIV, cando o bispo Valerio Mariño trouxo o Cristo oxival de Fisterra.

E para finaliza-lo percorrido polo deambulatorio, a sacristía, dependencias de mediados do século XVI, onde antes estivo a capela románica de San Andrés. No brazo sur do cruceiro, atópase a imaxe ecuestre de San Martín, século XVII, en tamaño natural.

Na nave da epístola, varios sepulcros, entre os que destaca o do bispo don Lorenzo, faleceu a mediados do século XII, e de tan destacada presencia no Ourense medieval.

Fixamos agora a nosa atención na Capela Maior, con retablo oxival de comenzo do século XVI e diversos grupos escultóricos de Cornelis de Holanda, así como frontal de prata de comenzos do século XVIII. Púlpitos e rexas, renacemento de Juan Bautista Celma, o autor do botafumeiro da catedral de Santiago, a central, do século XVI, e as dos lados de Amaro Pérez, do século XVII.

ourense turismogaliciaourense turismogalicia

É de destacar, no muro de Evanxeo, o sepulcro do Bispo Quevedo e Quintana.

E o Sepulcro do Bispo Descoñecido, no muro da Epístola, que está considerada a mellor obra funeraria da Idade Media.

Punto final ó percorrido pola catedral ourensá, coa visita Ó Museo Catedralicio.

Desde a nave da epístola, por unha porta románica accédese ó que en principio se pensou que fose claustro da Catedral. Coñécese esta edificación co nome de "Claustra Nova".

De estilo gótico, con bóveda de crucería, alberga valiosísimos obxectos de arte relixioso entre os que destacan: O Incunable de Monterrey, primeiro libro impreso en Galicia en 1494.

ourense turismogalicia

A Cruz Procesional de Enrique de Arfe...

Esmaltes Románicos de Limoges , do século XIII...

O Chamado Tesouro de San Rosendo ...

A Lápida cristiá máis antiga de Galicia, de baños de Bande...

Pola porta principal saímos á Rúa das Tendas...

ourense turismogalicia

Moi cerca, Pazo dos Oca-Valladares, construído no século XVI, aínda que con diversas modificacións posteriores.

De estilo gótico-renacentista, é -desde 1870- sede da sociedade Liceo Recreo Ourensán.

Santa Eufemia, é o antigo templo da Compañía de Xesús, inaugurado a mediado do século XVII. Expulsados os xesuítas a mediados do XVIII, instalouse na igrexa parroquial de Santa Eufemia do centro (ata entón, na catedral) e, no Colexio, o Seminario.

ourense turismogalicia

A Igrexa, barroca, ten fachada en curva entrante do XVIII, pero - a pesar de diversas obras no edificio - aínda sen rematar.

Nas súas inmediacións, xardín con Estatua do Pai Feijoo, colocada no pasado século con motivo do centenario do nacemento do gran pensador ourensán.

Estamos en plena cidade vella de Ourense, declarada Conxunto Histórico-Artístico... O granito é o señor das edificacións. E en calquera lugar da ruela máis humilde, a máis agachada tasca fainos sucumbir á tentación - como fixo o rei Sabio - de beber " Un bo viño de Ourense".

ourense turismogalicia

Dúas rúas lévannos á Praza do Ferro: Lepanto (antes chamada de Obra pola súa relación coa construcción da Catedral), na que se atopa o Museo Provincial, e A Paz , coa casa natal de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo.

A Praza do Ferro, antes chamada Cruz dos Ferreiros por celebrarse aquí o mercado de útiles de ferro, ten amplos soportais e no seu centro a fonte renacentista do século XVI, procedente do Mosteiro de Oseira.

ourense turismogalicia

Santo Domingo, na rúa do mesmo nome, foi convento dos Pais Dominicos, fundado no século XVII. As obras duraron ata ben entrado o século XIX.

Trala desamortización, o solar do convento foi ocupado polo edificio que alberga á Delegación de Facenda, e na igrexa instalouse a parroquia de Santa Eufemia A Real do Norte.

É de planta de cruz latina con dúas pequenas capelas ós costados, e outras dúas a ambos lados da entrada.

ourense turismogaliciaourense turismogalicia

Desviámonos brevemente para contempla-lo edificio da Deputación Provincial, de mediados do século XIX. Foi inicialmente construído para fábrica de tecidos, e albergou nos seus baixos á Delegación de Facenda. San Lázaro, no corazón da moderna Ourense, foi en tempos zona afastada do centro da cidade e mercado ata comezos do presente século.

En su centro, la tercera de las fuentes del Monasterio de Oseira. Al Oeste, escultura funeraria de Asorey.

ourense turismogaliciaourense turismogalicia

No seu centro, a terceira das fontes do Mosteiro de Oseira. Ó oeste, escultura funeraria de Asorey. A súa maior riqueza é a Igrexa de San Francisco, trasladada pedra a pedra, en 1930, desde o seu anterior emprazamento. De comezos do século XIV, de estilo oxival, foi declarado monumento histórtico-artístico.

O Claustro de San Francisco, oxival, mantívose "in situ", dentro do patio do Cuartel de Infantería, instalado no antigo Convento, situado no chamado Campo de San Francisco.

O claustro foi construído pola familia Yañez de Novoa, a comezos do século XIV. Ten 63 arcos apuntados, que descansan sobre columnas xemelgas; 120 capiteis, todos diferentes, de estilo románico, que encaixan coas arcadas góticas, formando un conxunto único.

Desde o antigo Campo de San Francisco, dominando a cidade, deixámo-lo Ourense antigo e somerxémonos na vida cotiá do Ourense de hoxe.

Buscamos só contaxiarnos da vida comercial, social e cultural dunha cidade de 100.000 habitantes, a maior da Galicia interior. E a súa forza atráenos, conquístanos, véncenos...

Non só polo puro contraste entre a paz das pedras que nos legou a historia e o bulicio da vida de finais do século XX. Non só por ter sido capaz de alumar tantas mentes preclaras e merece-lo título da Atenas de Galicia... Senón pola demostración rotunda que a capital das terras de ouro ségueo sendo na actualidade.... Pero ese ouro actual ten moito de explotación agrícola, madeireira ou industrial... turística, louseira ou avícola... O seu ouro, hoxe, constitúeno o traballo das xentes, a auga dos seus ríos encorados xeradores de forza, o xerminar das súas colleitas, o espírito comercial dos ourensáns, a forza cultural que irradia... E ata o dourado líquido fermentado do que nos falou o Sabio rei e co que brindamos nesta despedida:

ourense turismogalicia

 ¡¡ Polo dourado país de Ourense !! ¡¡ Pola áurea capital das terras do ouro !!