Skip to main content

Noticias

  • A Xunta de Galicia decidiu hoxe retrasar unhas semanas a entrada en funcionamento das discotecas e dos restantes establecementos de ocio nocturno, de xeito que a apertura deste tipo de locais estará autorizada a partir do vindeiro mes de xullo. Tras unha reunión interdepartamental na que a Consellería de Sanidade expuxo un informe relativo a este tema, o presidente da Xunta fixo uso da súa capacidade como autoridade competente delegada e asinou o Decreto polo que Galicia apraza a apertura de discotecas e establecementos de ocio nocturno.
  • Alberto Núñez Feijóo pediu ao Goberno central que elimine a taxa de reposición nas OPE de Sanidade e de Servizos Sociais para este 2020, e se non fose suficiente nas OPE de 2021. “Sería facer xustiza coas persoas e cos colectivos que máis traballaron durante a pandemia, contratados cunha temporalidade que nós non queremos”. Pediu tamén a baixada do IVE para o sector turístico, cunha redución do 10 ao 4% para servizos como a hostalaría, os balnearios ou a restauración, “este ano e o seguinte, é dicir, ata o 31 de decembro de 2021”. Durante a 13ª videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo reiterou tamén que nin Galicia, nin España se poden permitir perder ningún posto de traballo nas industrias que son viables economicamente, referíndose a Alcoa e ás decenas de empresas instaladas no litoral, como as conserveiras, os frigoríficos ou Ence.
  • O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo unha videoconferencia cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés na que deu conta do traballo en marcha para facilitar a reactivación da peregrinación xacobea nas próximas semanas, unha vez que se dean as condicións de mobilidade e de seguridade sanitaria que así o permitan. Neste sentido, o representante da Xunta avanzou que o Goberno autonómico ultima o programa Camiño Seguro, co fin de establecer a máxima coordinación entre os distintos organismos xestores e propiciar a reactivación progresiva da peregrinación xacobea superada a situación actual. Todos coincidiron na importancia de ofrecer a máxima seguridade aos peregrinos e aos profesionais e veciños que traballan nos distintos servizos ofertados.
  • O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe por videoconferencia coa secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques, para avaliar o efecto da desescalada nos fluxos turísticos entre ambas zonas e traballar conxuntamente na reactivación do Camiño de Santiago, un eido no que xa veñen cooperando con resultados satisfactorios ao longo dos últimos anos. Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo, acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, trasladoulle á mandataria lusa o obxectivo de reforzar os vínculos entre ambos territorios retomar as liñas de colaboración abertas para poñer en valor a riqueza patrimonial, cultural e natural que comparten Galicia e Portugal.
  • O Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou incrementar o aforo dos locais de hostalaría e restauración ata o 50% a partir deste luns. O acordo chega despois de que nas instrucións publicadas no BOE para os territorios na fase 2 da desescalada, o Goberno central autorizase ás distintas Comunidades a modificar o aforo máximo no interior destes establecementos, ben reducíndoo ao 30% ou ben incrementándoo ata o 50%. Así, se acordou na reunión presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que contou con representación da Delegación de Goberno e da Fegamp, onde se indicou que na toma desta decisión o Goberno galego tivo en conta opinión de representantes do sector turístico.
  • Como se van comportar as persoas residentes no estado Español á hora de elixir destino na nova normalidade xurdida pola Covid-19 é a pregunta á que responde un estudo liderado polo profesor do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC, Jakson Renner Rodrigues Soares, xunto co Grupo de Investigación Turismo, Economía e Sustentabilidade (GTES) da Universidade Estadual do Ceará en Brasil. Con esta investigación, búscase guiar a empresas e destinos turísticos na súa toma de decisións ante a actual situación de crise sanitaria global. As conclusións do informe extráense das máis de 850 enquisas realizadas en todo o territorio español, a partir dunha pregunta inicial: planificou vostede algunha viaxe para os próximos meses?
  • No día de onte tivo lugar unha nova xuntanza bilateral telemática entre a Consellería de Sanidade e o Ministerio para tratar diversos asuntos relacionados coa crise sanitaria da covid-19, na que o conselleiro plantexou de novo medidas para flexibilizar as fases da desescalada. Na xuntanza, os responsables do Ministerio de Sanidad confirmaron ao departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña que o Goberno modificou a orde sobre o uso das praias ao suprimir a referencia aos seis metros a contar desde a beiramar en preamar, polo que o aforo calcularase considerando que a superficie da praia a ocupar por cada bañista sexa de aproximadamente catro metros cadrados.
  • A Xunta e representantes do sector acordaron incrementar o aforo dos establecementos hostaleiros ao 50% a partir da próxima semana. A decisión, que xa foi avanzada o pasado domingo polo presidente do Goberno galego, abordouse nun encontro entre representantes sectoriais e o conselleiro de Cultura e Turismo. A intención é que se aprobe na próxima xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) co obxectivo de que os bares, cafeterías ou restaurantes poidan aplicalo a partir do próximo luns. O acordo chega despois de que nas últimas instrucións publicadas no BOE para os territorios na fase 2 da desescalada, o Goberno central autorizase ás distintas Comunidades a ampliar o aforo máximo no interior dos establecementos.
  • Alberto Núñez Feijóo insistiu novamente na petición de que se permita a mobilidade entre as catro provincias galegas. Durante a undécima videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo considerou que a mobilidade provincial “debería estar autorizada desde xa, en todo caso, para visitar a familiares de segundo grao, para as visitas aos menores tutelados e para visitar aos maiores que estean nunha residencia dunha provincia distinta á que viven os seus fillos ou netos”. “E tamén entendemos que se debe permitir aos estudantes ir a recoller as súas pertenzas aos pisos ou residencias que están nunha provincia distinta á dos seus domicilios”.
  • A Xunta de Galicia porá a disposición dos concellos a plataforma Praias Seguras de Galicia para facilitarlles a xestión do acceso dos cidadáns aos areais este verán. Esta ferramenta permitirá aos cidadáns obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo similar ao empregado na praias das Catedrais. A plataforma integrará a información do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima. Nos vindeiros días a Xunta presentará a plataforma á FEGAMP para que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da sinatura dun convenio.