Noticias
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a ampliación do bono turístico #QuedamosEnGalicia ao conxunto da poboación galega, co obxectivo de mobilizar en torno a 6,8 millóns de euros, inxectar actividade e impulsar a reactivación do turismo. Así, a segunda convocatoria deste bono abrirase a todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego, e que non foran beneficiados na convocatoria de 2020. E a Xunta asumirá o 60% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 40%.
-
A Xunta consensuará cos representantes da hostalería galega os pasos que se van dar para a progresiva reapertura do sector no marco dunha desescalada gradual e segura, tal e como se acordou hoxe nun encontro entre os representantes da Administración autonómica e dos hosteleiros para coñecer as prioridades do sector nun proceso baseado na baixada de contaxios e que é froito dun esforzo colectivo. De feito, pese a que nos últimos días se incrementaron os controis sobre as restricións, as denuncias baixaron, proba do bo comportamento dos clientes e do interese dos profesionais por cumprir as normas do plan de hostalería segura.
-
O inverno climatolóxico galego, comprendido entre os meses de decembro de 2020 e febreiro deste ano, caracterizouse por rexistrar temperaturas dentro dos valores agardados e precipitacións un 76% superiores ao habitual se se comparan co período de referencia 1981-2010. Neste sentido, os datos de precipitación rexistrados nas estacións máis representativas da comunidade fan que a estación se considere moi húmida, tendo que remontarse ao ano 2001 para atopar un precedente máis chuvioso. Segundo o avance do informe climatolóxico do inverno elaborado por MeteoGalicia, os tres meses do período analizado caracterizáronse por rexistrar precipitacións bastante elevadas.
-
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe que a taxa de criminalidade da comunidade finalizou o ano 2020 consolidando o descenso de meses anteriores e acadando a mellor cifra dos últimos dez anos con 27,3 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, 2,3 puntos menos que no ano anterior. Estas cifras recóllense no balance de criminalidade do cuarto trimestre do ano. Javier Losada resaltou que Galicia continúa como cuarta Comunidade máis segura do Estado, cunha taxa que está dez puntos por baixo da media española.
-
Á vista dos datos epidemiolóxicos e unha vez analizados no comité clínico, o presidente do Goberno galego anunciou novos pasos en ámbitos como a hostalería, a mobilidade intermunicipal e as reunións de non conviventes, de cara á unha desescalada gradual, paulatina e baseada na evolución epidemiolóxica de cada territorio. Deste xeito, as medidas non serán homoxéneas en toda a Comunidade, 'senón que haberá varios niveis que se irán aplicando segundo a situación pandémica e hospitalaria de cada ámbito xeográfico', precisando que se dará moita máis importancia á incidencia acumulada a 7 días que a 14 días.
-
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo hoxe un encontro telemático con responsables de turismo das comunidades autónomas de Andalucía, Estremadura e Castela e León, polas que transcorre a Vía da Prata, co obxectivo de facer balance dos proxectos conxuntos que están a desenvolver e avaliar novas propostas de cara a celebración deste Xacobeo bianual. Neste sentido, Nava Castro destacou a relevancia de acadar maior implicación nacional na celebración do Ano Santo especialmente por parte dos territorios polos que transcorre o Camiño, como é o caso do Camiño Mozárabe–Vía da Prata.
-
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse con representantes de Turismo das comunidades de Castela e León, Madrid, Andalucía e Murcia para estudar unha estratexia conxunta coa que paliar as consecuencias e o impacto económico derivado da pandemia do coronavirus no sector turístico. No encontro tamén participaron os conselleiros de Turismo de Castela e León, Javier Ortega, departamento que promoveu a reunión, e a conselleira de Turismo da Rexión de Murcia, María Cristina Sánchez, así como os viceconselleiros desta área na Comunidade de Madrid, Carlos Daniel Martínez; e en Andalucía, Manuel Alejandro Cardenete.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta chegará, na semana actual, a pagar o 70% das solicitudes de axudas do Plan de rescate dedicado á hostalería, ás microempresas e aos autónomos. “E ao longo do mes de xaneiro está previsto que se abone o resto de peticións que cumpren os requisitos”, precisou sobre os 86,2 millóns de euros dedicados a este Plan. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo salientou que, neste período de tempo, recibíronse 40.147 solicitudes, tramitáronse o 100% e pagáronse xa o 68,3% do total, é dicir, 27.423 axudas, por un importe de 53,3 millóns de euros.
-
A Cidade da Cultura convida as familias durante o Nadal a gozar dunha ampla oferta cultural que inclúe tres concertos para toda a familia que poderán verse de balde ao vivo e tamén a través de streaming. A programación complétase coas seis exposicións e intervencións artísticas que agora mesmo poden visitarse no Museo Centro Gaiás, a Biblioteca de Galicia e as Torres Hejduk –contando con visitas comentadas gratuítas– e coa iluminación festiva de todo o complexo, coa Vía Láctea como eixo condutor.
-
A Xunta de Galicia vén de presentar o Plan de Rescate para os sectores máis afectados pola Covid-19, unha nova convocatoria de axudas para microempresas e autónomos con persoal a cargo, dentro dos que se incluirían tamén establecementos hostaleiros, e que conta cun orzamento de 97 millóns de euros. Ditas axudas poden ser solicitadas ata o 28 de decembro. As contías irán desde os 4.000 ata os 5.000 euros, destinados a aqueles sectores especialmente afectados pola situación derivada da pandemia: lecer nocturno, atraccións de feira, transporte, axencias de viaxes, cines, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións, etc.