Skip to main content

Constituida la Comisión de Cooperación entre el Ayuntamiento de Santiago y la Xunta de Galicia para la gestión del xacobeo 2010

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Presidencia de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, anunciou que en xullo se disporá dos documentos de traballo necesarios para garantir a seguridade do vindeiro Xacobeo. O traballo “con suficiente antelación” será a clave do éxito para a celebración do vindeiro Ano Santo, declarou o conselleiro na rolda de prensa posterior á reunión de constitución da Comisión de Cooperación para a xestión e desenvolvemento do Ano Santo 2010 -acordada polo Consello da Capitalidade-, na que tamén participou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Así, segundo Méndez Romeu, “antes das vacacións de verán” o obxectivo da comisión é ter localizados polo menos catro aspectos fundamentais: definir as áreas de actuación, identificar con precisión as accións que deben de ser adoptadas en cada ámbito, establecer as persoas que deben participar nesas decisións e avaliar os custos previsibles para podelos incorporar no proxecto de orzamentos do ano 2010.

O titular de Presidencia, que acudiu ao acto en representación da Xunta de Galicia, dispuxo que a previsión de traballos garantirá “estar en condicións en dar resposta desde o primeiro momento” ás necesidades prantexadas por un evento de tal magnitude, o que permitirá “avanzar con rapidez” nas distintas áreas da Xunta de Galicia antes explicadas. Neste sentido, Méndez Romeu salientou “a experiencia acumulada nas anteriores edicións” -tanto na administración local como na da Xunta de Galicia- co obxectivo de “mellorar a resposta do pasado e, ao mesmo tempo, corrixir aquelas áreas onde a experiencia nos indica que debemos mellorar”. Por todo isto o conselleiro amosouse “optimista” e confiou en que a vindeira edición do xacobeo 2010 será un éxito.

Nota de prensa remitida por el Ayuntamiento de Santiago:

Constituíuse en Raxoi a Comisión de cooperación para a xestión e desenvolvemento do Ano Santo 2010, baixo a presidencia do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu. Esta Comisión encargarase de coordinar todo o relativo ao mantemento da seguridade e á atención aos milleiros de visitantes que terá a cidade.

A cita de 2010 obrigará a un "esforzo extraordinario" e a buscar a maneira de "optimizar os recursos", apuntou o alcalde compostelán. "O Ano Santo é un gran reto que requirirá por en tensión todos os recursos humanos e materiais dos que dispoñemos", recalcou. Todo isto co obxectivo de que os visitantes atopen unha cidade "segura, limpa e cómoda".

Tras a reunión de constitución da Comisión, Sánchez Bugallo referiuse á necesidade da mesma pola "complexidade" dos dispositivos a por en marcha "para garantir a atención sanitaria e a seguridade en todos os aspectos". Puxo como exemplo destes dispositivos o de habilitar un lugar para a consigna de mochilas ou a información permanente ao visitante.

Anunciou o rexedor municipal que se pedirán reforzos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e recordou que nestes dispositivos hai que contar coas mesmas e tamén coa Igrexa. Non obstante, incidiu en que "o peso principal levarano o Concello e a Xunta".

Sobre o contido desta primeira xuntanza, Sánchez Bugallo indicou que se trataba de "avaliar as necesidades e propoñer actuacións". Neste sentido, Méndez Romeu explicou que o traballo a partir de agora consistirá en definir as áreas de actuación, identificar con precisión as accións que deben de ser adoptadas en cada ámbito, establecer as persoas que deben participar nesas decisións e avaliar os custos previsibles.

A próxima xuntanza celebrarase no mes de marzo e para xullo disporase dun documento de traballo. Ademais, preténdese ter un orzamento para todas estes dispositivos nese mesmo mes, para que poida ser incorporado nos orzamentos municipal e autonómico de 2010.

O conselleiro de Presidencia amosou o seu "optimismo" cara a boa marcha do Ano Xacobeo, sobre todo tendo en conta a "extensa experiencia" previa. E para lograr ese éxito –dixo Méndez Romeu- é preciso "facer o traballo con suficiente antelación". De aí a constitución da Comisión con esta antelación. Finalmente, Sánchez Bugallo expresou a súa confianza en que a crise económica non afecte ao número de visitantes que poidan chegar a Compostela en 2009, debido á tipoloxía do mesmo.

Esta Comisión de cooperación para a xestión e desenvolvemento do Ano Santo 2010 nace dun acordo na última xuntanza do Consello da Capitalidade, celebrada o 30 de xullo de 2008. Intégrana por parte do Concello a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano; o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro; e o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias

Por parte da Xunta de Galicia están presentes a directora xeral de Protección Civil (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), María Esther González Saavedra; o director xeral de Orzamentos (Consellería de Economía e Facenda), Pedro Antonio Fernández Fernández; e a directora xeral de Comercio (Consellería de Innovación e Industria), Ana María Rúa Souto.

Fotografía: Carlos Rodríguez Arias.
R.