Skip to main content

Artistas nacionais e internacionais actuarán en maio no festival Fa Ce La Fest de Lugo

Artistas nacionais e internacionais actuarán en Lugo os días 11, 12 e 13 de maio no marco do sétimo festival Fa Ce La Fest, que conta coa colaboración da Xunta a través de Turismo de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais. Os concertos serán na sala Clavicémbalo e na explanada exterior do auditorio Gustavo Freire -aínda queda algunha outra ubicación por determinar -.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e os organizadores do certame, Celestino Muinelo e Suso Rielo, presentaron na sede da Xunta a iniciativa, da que salientaron que aposta por ofrecer unha programación de calidade e diferenciada con artistas consagrados e formacións emerxentes, e que inclúe no cartel a grupos galegos e locais.

Destaca a presenza da bilbaínaLa Bien Querida e os cantantes estadounidenses Micah P. Hinson e Ron Gallo. No apartado nacional figuran tamén Depresión Sonora (Madrid) e El Último Vecino (Barcelona); xunto con propostas de música internacional tan variadas como as dos Neatbeats (Xapón); The Shadracks (Reino Unido); Na Noise (Nova Zelanda); e Fee Reega (alemana afincada en Asturias).

Completan o cartel bandas galegas comoDalsi, Lunamotos, Musel, Ángel Novcad, Pastor Eléctrico, Copa Turbo e os Músculo. Nese sentido, os organizadores incidiron na aposta por por poñer en valor a música que se fai en Galicia e especialmente en Lugo.

Arias subliñou que a Xunta apoia os festivais con accións de colaboración e patrocinio, “porque constitúen un elemento dinamizador do sector cultural e turístico, xa que atraen a milleiros de persoas e teñen un importante retorno económico”.

Tamén felicitou aos impulsores do Fa Ce La Fest por organizar en Lugo esta iniciativa que “destaca polo seu interese como plataforma de difusión das bandas galegas, polo seu nivel artístico e por contribuír a achegar a Lugo unha oferta musical e cultural de calidade”.
R.