Skip to main content

O Plan Reitor do Parque Natural Fragas do Eume supera o último trámite antes da súa aprobación definitiva

“Este plan reitor enmárcase na aposta da Xunta por regular e dotar o patrimonio natural galego dun marco normativo acorde ás súas necesidades”, dixo a conselleira, quen engadiu que “estas follas de ruta buscan compatibilizar os usos e a conservación destes espazos protexidos”.

De feito, a Xunta mantivo unha exhaustiva rolda de contactos con concellos, propietarios de terreos privados; produtores agrogandeiros e pescadores; representantes do tecido produtivo, da comunidade de montes e de clubs deportivos para coñecer de primeira man as inquedanzas de quen vive, traballa ou depende deste espazo natural.

Clarificación de usos e zonificación

En concreto, explicou que o PRUX está organizado ao redor de catro programas: un co fin de garantir a conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural das Fragas do Eume; un segundo programa orientado á investigación, seguimento e avaliación; outro de xestión do uso público; e o cuarto, centrado na mellora das infraestruturas, instalacións e equipamentos do parque natural. Ademais, tamén prevé un Plan de emerxencia para intervir de forma rápida e eficaz ante posibles eventualidades.

En canto á zonificación, proponse dividir a superficie do parque natural -case 10.000 hectáreas- en catro grandes áreas: zona I de reserva, que inclúe aqueles espazos que requiren dun alto grao de protección; zona II de uso limitado, constituída por áreas que requiren dunha maior protección por albergar valores naturais de excepcional rareza, interese ou fraxilidade; zona III de uso compatible, na que se inclúen ámbitos cun valor de conservación medio por integrar no territorio certo nivel de humanización, principalmente por actividades tradicionais agrícolas e plantacións forestais tamén tradicionais; e zona IV de uso xeral, cun importante nivel de urbanización e que inclúe os núcleos rurais e as vías asfaltadas.

Logo de salientar que máis do 40% da superficie do parque aparece incluído na zona de maior protección, a conselleira incidiu en que neste Plan os obxectivos de conservación primarán sobre calquera outra actividade; se fomentará unha utilización respectuosa e sensible dos compoñentes naturais do parque, e se marcarán as pautas a seguir para orientar o futuro desenvolvemento económico e medioambiental deste espazo durante os vindeiros anos.
R.