Skip to main content

Galicia e Portugal traballan conxuntamente na configuración dun destino turístico intelixente

O edificio Fontán da Cidade da Cultura acolle entre hoxe e mañá os foros do proxecto “Eurorrexión destino turístico intelixente” (EDIT) liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

No proxecto EDIT participan, ademais, a Axencia Turismo de Galicia, Turismo do Porto e Norte de Portugal, a Universidade do Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a asociación CCG/ZGDV Centro de Computación Gráfica.

Os foros foron inaugurados esta mañá polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño e contarán coa participación, entre outros, de Tania Iglesias, xefa do proxecto da rede de Destinos Turísticos Intelixentes da Secretaría de Estado de Turismo; Pili Chapela, directora de Retegal, ou Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia.

A segunda sesión será inaugurada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e contará, entre outras, coas intervencións de Alberto Palomo, xefe da Oficina do Dato do Goberno de España; Antonio Rodríguez del Corral, presidente del Clúster TIC de Galicia; así como representantes de organizacións e administracións turísticas de Oporto, Andalucía ou Valencia.

Entre os obxectivos do proxecto EDIT está o de normalizar os datos procedentes de sensores de Galicia e o Norte de Portugal que permitan controlar, analizar perfiles e xestionar os fluxos turísticos. Tamén permitirá a xestión sostible do turismo, xa que permitirá coñecer os momentos nos que un determinado recurso poida estar saturado ou en risco de estalo.

Dúas actuacións en marcha en Galicia

No marco do proxecto EDIT, a Xunta de Galicia ten en marcha a construción e posta en marcha do sistema de información intelixente de turismo de Galicia, por un importe de cerca de 650.000 euros. O sistema permitirá á Axencia Turismo de Galicia dispoñer de información analítica avanzada, mediante o uso da tecnoloxía BigData, sobre gasto turístico, reservas turísticas, ocupación, mobilidade ou sentimento e opinión de turistas e cidadáns.

Recentemente foi adxudicada tamén, dentro deste mesmo proxecto, a subministración, instalación e posta en marcha dun sistema para o control de aforamentos, fluxos e videovixilancia na Catedral de Santiago de Compostela.
R.