Skip to main content

Galicia convértese en rexión anfitrioa da reunión do Comité Europeo das Rexións e da Conferencia Europea sobre Turismo Sostible

En concreto, os líderes locais e rexionais debaterán sobre a cuestión das indicacións xeográficas dos produtos agrícolas; as estratexias de adaptación rexionais para lograr unha agricultura hipocarbónica e como reforzar a resiliencia do sistema alimentario da UE con alimentos alcanzables e ingresos agrícolas xustos.

Pola tarde, no marco desta reunión da Comisión NAT e da iniciativa europea ´´Trees for life/Árbores para a vida´´, realizarase un acto simbólico de plantación dunha árbore no bosque da Cidade da Cultura. Esta iniciativa promovida pola Comisión Europea e o Comité Europeo das Rexións ten como obxectivo que as rexións, cidades ou pobos planten unha árbore para cumprir co compromiso de plantar 3.000 millóns de árbores adicionais e contribuír así á nova Estratexia da UE en favor dos bosques para 2030.

Por outra banda, a conferencia do día 3 de xuño Un modelo distinto de turismo en Europa: o Camiño de Santiago – Peregrinación, turismo e paisaxes naturais terá como obxectivo analizar as novas oportunidades na xestión do turismo sostible para afrontar situacións de crises, así como identificar estratexias turísticas innovadoras nas rexións da Unión Europea para lograr unha oferta turística atractiva, competitiva e sostible.

A Xunta organiza esta conferencia conmemorando o Xacobeo 21-22 e destaca o Camiño de Santiago como exemplo para outras rexións e cidades europeas que buscan un modelo de turismo capaz de combinar o desenvolvemento económico e a competitividade, coa sustentabilidade dos recursos naturais e o patrimonio, funcionando como elemento de unión da cultura rexional e da cohesión social e xeográfica.

Tal e como sinala o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, 'a celebración deste evento en Galicia supón a evidencia do seu compromiso coas grandes prioridades europeas cara a unha economía máis competitiva, verde, dixital e sostible'.

O Comité Europeo das Rexións (CdR) e a Comisión de Recursos Naturais (NAT)

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A través deste órgano institucional, as rexións e cidades participan formalmente na elaboración da lexislación da UE, garantindo o respecto da posición e as necesidades dos entes rexionais e locais. Está formado por 329 membros dos 27 Estados Membros.

NAT é unha das seis comisións temáticas do CdR. En concreto, ocúpase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural, a silvicultura, a produción alimentaria, a política pesqueira común ou a política de asuntos marítimos, entre outras atribucións, dentro do Comité Europeo das Rexións (CdR).
R.