Skip to main content

O ciclo 'Xacobeo importa' presenta o seu cartel completo con concertos ata outubro en cinco cidades

O Palacio da Ópera da Coruña acolleu esta mañá a presentación da nova edición do ciclo de concertos Xacobeo Importa, nun acto no que se fixo público o cartel completo de concertos programados ata fin de ano no marco desta iniciativa, inserida na programación do Xacobeo 21-22 e nos Concertos do Xacobeo. Con motivo da celebración do Ano Santo, e do mesmo xeito que se fixo na edición de 2010, o ciclo Galicia Importa transfórmase no Ciclo Xacobeo Importa, para presentar hoxe a súa edición máis importante até a data, con 12 concertos con artistas de renome internacional, algúns deles con datas exclusivas en Galicia.

Na presentación, na que participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a responsable de Turismo fixo fincapé na importancia da aposta por unha oferta musical diversa, de calidade e, sobre todo, descentralizada en todo o territorio e orientada a todo tipo de públicos, principios nos que se basea toda a programación da celebración deste Ano Santo.

Neste sentido, Nava Castro puxo en valor o éxito acadado por este ciclo de concertos ao longo das dez edicións en que leva en funcionamento, un éxito que “permitiu situar a Galicia no escenario da música independente, facendo posible que bandas e artistas recoñecidos internacionalmente recalaran no noso territorio, moitas veces como única parada en España nas súas xiras mundiais”, explicou. Ademais, lembrou que lembrou que a banda Simple Minds, por exemplo, volve a Galicia 20 anos despois do seu último concerto na comunidade, e faino da man deste ciclo.

Cinco localidades e dez concertos

Variedade de estilos musicais, de escenarios e de localidades, pero sempre baixo os principios da orixinalidade e da calidade das propostas, a 11ª edición de Xacobeo Importa inclúe unha ducia de concertos que se comezaron en febreiro e que se celebrarán ata o mes de outubro na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, cidades que acollerán os concertos previstos en escenarios como o propio Palacio da Ópera, a Sala Capitol, o Auditorio Mar de Vigo ou o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde rematará en outubro o ciclo.

O programa desta edición incluíu os concertos de Eagles Of Death Metal e Joan As Police Woman, xa celebrados, e contará cos concertos dos ingleses White Lies e de The James Hunter Six en maio. En xuño actuará a lenda viva do jazz Pat Metheny e o concerto de LP, o 25 na Coruña, ademais da raíña da música brasileira Marisa Monte, que actuará o 26 de xuño en Vigo. A programación complétase cos concertos da danesa Agnes Obel o 7 de xullo en Vigo e da estrela mundial do soul Leon Bridges o 10 de xullo, tamén en Vigo, para rematar en outubro co concerto en Pontevedra de Madeleine Peyroux.

PROGRAMACIÓN CONCERTOS “XACOBEO IMPORTA” 2022

White Lies (15 Maio - Sala Capitol, Santiago D.C)

James Hunter (28 Maio - Teatro Principal, Ourense)

Pat Metheny (17 Xuño - Auditorio Mar de Vigo)

LP (25 Xuño - Palacio de la Ópera, A Coruña)

Marisa Monte (26 Xuño - Teatro Afundación, Vigo)

Agnes Obel (7 Xullo - Auditorio Afundación, Vigo)

Leon Bridges (10 Xullo - Auditorio Mar de Vigo)

Simple Minds (27 Xullo - Coliseum de A Coruña)

Jacob Collier (27 Xullo - Sala Capitol, Santiago D.C)

Madeleine Peyroux (15 Outubro - Pazo da Cultura, Pontevedra)
R.