Skip to main content

O outono comeza ás 21.21 horas deste mércores 22 de setembro

Entre os fenómenos astronómicos máis salientables deste outono destaca a choiva de estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano e que terá o seu máximo o 14 de decembro. “Nesta ocasión, coa Lúa pasada a fase crecente, vai ser máis complicado poder observar os máis de cen meteoros/hora previstos para os intervalos de máxima actividade”, sinala o profesor Docobo. Outras choivas de estrelas, como as Oriónidas de outubro ou as Leónidas de novembro presentarán menor intensidade.

“Xúpiter e Saturno, que agora pódense ver perfectamente a simple vista cara ao sueste a primeiras horas da noite, vanse poder observar durante todas as noites desta nova estación”, continúa Docobo. A Lúa estará “aparentemente preto” de ditos planetas durante uns días en cada un dos vindeiros meses, nomeadamente nos intervalos de tempo comprendidos do 12 ao 16 de outubro, do 9 ao 12 de novembro, e do 7 ao 10 de decembro. “Cómpre asemade destacar a conxunción Lúa-Venus preto da estrela Antares no solpor do 9 de outubro”, matiza o investigador da USC. Xusto antes do amencer do 10 de novembro, polo leste, sairán xuntos os planetas Mercurio e Marte, e nas derradeiras semanas do outono “asistiremos a unha curiosa aliñación de Xúpiter, Saturno e Venus, logo do solpor”.

A eclipse total de Sol do 4 de decembro só poderá verse en Sudáfrica, na Antártida, e no Atlántico sur. Porén, dende Galicia, será posible observar os primeiros momentos da eclipse parcial de Lúa do 19 de novembro, coa Lúa poñéndose cara o oeste. En torno aos días 8 de outubro, 5 de novembro e 4 de decembro, agárdanse mareas vivas ao coincidir a mínima distancia Terra-Lúa (perixeo lunar) co novilunio.

Verán nebuloso en Compostela

En canto á meteoroloxía, o verán en Compostela foi máis ben seco pero con bastante nebulosidade, sobre todo en xullo. As temperaturas tamén foron modestas con só seis días por riba dos trinta graos. A máxima tivo lugar o 17 de xullo con 35º, seguidos dos 33º4 do dia anterior. En agosto foron os dias 13, 24 e 27, con 30º5, 30º7 e 31º3, respectivamente, mentres que o 5 de setembro alcanzáronse 30º2. A máxima máis baixa correspondeulle ao 5 de xullo con só 17º5.

En canto ás temperaturas mínimas, a máis baixa foron os 9º9 do 18 de setembro e a máis elevada, a rexistrada o 5 de setembro, 19º5. Xullo foi tamén un mes de pouca insolación, algo máis de 209 horas, 63 menos que agosto. A chuvia estivo presente en 36 xornadas, se ben en once delas foi inapreciable (menos de 0,1 l/m2), destacando os 81,2 l/m2 das tres primeiras semanas de setembro, logo os 29,8 l/m2 de xullo, os 18,6 l/m2 de agosto, e os 5,2 de finais de xuño.
R.