Galicia aspira a xestionar preto de 28 millóns de euros de fondos europeos extraordinarios para a reactivación do turismo
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/turismo-fisterra.jpg)
Actuacións de litoral
A mellora e humanización da senda litoral resulta clave para abordar o desenvolvemento sustentable de alternativas turísticas, favorecendo a deslocalización, xa que ofrece aos visitantes unha visión integral do territorio.
Con esta actuación, a Xunta quere fomentar o descubrimento do litoral galego menos visitado, conectándoo con outras rutas máis asentadas, poñendo en valor o patrimonio cultural, natural e etnográfico e potenciando iniciativas locais como motor para o mantemento do proxecto no tempo. Mellorar as infraestruturas turísticas, implantar unha sinalización intelixente en todo o percorrido e dotalo dunha infraestrutura de divulgación e comunicación son accións propostas ao abeiro desta iniciativa.
Ademais, impulsar Galicia como destino de turismo náutico a través da revalorización de portos e o incentivo e promoción de actividades náutico-deportivas centra é o obxectivo da terceira das actuacións de cohesión presentadas á convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.
Actuacións Plan Nacional Xacobeo
Converter Galicia nun destino de cicloturismo utilizando as rutas xacobeas e a Rede EuroVelo respectando o trazado do Camiño é o principal obxectivo desta actuación, que pretende crear novas rutas ciclistas rexionais paralelas ao Camiño, facilitar a atención e servizos aos cicloturistas, reducir o impacto da pegada de carbono, potenciar a práctica deportiva, fomentar a mobilidade en bicicleta da poboación local e deseñar propostas que cohesionen o territorio e favorezan sinerxías empresariais.
Outra das actuacións centrarase en desenvolver un proxecto integral para a revitalización da Ruta Xacobea polo Mar de Arousa e o Río Ulla como un Camiño de Santiago de referencia, cos mesmos servizos que os camiños terrestres, captar novos visitantes e peregrinos e consolidar Galicia como destino náutico son as prioridades desta actuación de cohesión, coas que a Xunta quere dar pulo aos activos turísticos vinculados a esta Ruta con accións de mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas portuarias, a mellora e recuperación medioambiental de sendas terrestres e marítimo-fluviais, a rehabilitación e musealización de edificios singulares ou a dixitalización de recursos e ofertando e ampliando servizos dirixidos á peregrinación.
O desenvolvemento do Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia para o período 2021-2027, apostando por Galicia como destino seguro, innovador e en familia e con actuacións de melloras nos albergues e ampliación da rede pública, creación de puntos de información, deseño de mobiliario, conservación dos Camiños ou a atención ao peregrino é a terceira das actuacións presentadas.
O Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22 desenvólvese no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiarase con fondos europeos Next Generation.
Plans extraordinarios con fondos europeos
Ademais do programa ordinario de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, nos próximos tres anos o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo convocará edicións extraordinarias financiadas con fondos de recuperación, a primeira das cales rematou hoxe.
As convocatorias extraordinarias 2022 e 2023 estarán centradas en enogastronomía e cascos históricos e vilas termais respectivamente. Para enogastronomía a dotación económica asignada a Galicia é de 31,7 millóns de euros; e para cascos históricos e vilas termais, de 21,1 millóns de euros.
R.