Skip to main content

O ciclo 'Danza 3' celebra o Xacobeo 21-22 con baile e música tradicionais en 15 localidades

O domingo 11 será a quenda de O Fiadeiro, de Vigo, que se desprazará ata Moaña para despregar o seu espectáculo de danza tradicional ás 20,00 h. no parque San Bartolomeu de Meira; e da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos, que se presentará ás 21,30 h. no parque Eguren de Marín.

Ata finais de setembro

A programación completa estenderase ata finais de setembro por diferentes espazos ao aire libre e auditorios para compoñer un calendario de encontros festivos co público en 15 municipios: Cambados, Carballo, Carnota, Carral, A Guarda, A Laracha, Negreira, O Carballiño, Poio, Ribadeo, Sober e Vedra, ademais dos devanditos concellos de Burela, Marín e Moaña. Serán 12 citas centradas na danza e outras tres na música, nas que estas formacións artísticas exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio e nas que buscarán implicar os viandantes.

Así, tras a súa actuación de mañá, Xacarandaina estará con Danza 3 en Carballo (16 de xullo), na localidade larachesa de Caión (18 de xullo), Ribadeo (24 de xullo) e Carral (24 de agosto). No caso de O Fiadeiro, os seus seguintes destinos serán A Guarda (17 de xullo), Poio (7 de agosto), Sober (18 de setembro) e Vedra (25 de setembro). Por último, Cantigas e Agarimos completa o calendario coas súas actuacións no Carballiño (8 de agosto), Cambados (15 de agosto), Negreira (21 de agosto) e Carnota (27 de agosto).

Difusión do folclore galego

Coa edición de 2021 de Danza 3, colabórase por noveno ano consecutivo co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan para lle dar visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.

Ademais deste programa, durante o verán de 2021 a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se suman á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecen a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as disciplinas artísticas e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.
R.