Skip to main content

A Xunta de Galicia e o Goberno de España acordan o aprazamento estratéxico do último paso para a presentación da Ribeira Sacra ao Comité do Patrimonio Mundial da Unesco

Ao remate do encontro, o responsable de Cultura da Xunta de Galicia explicou que esta decisión “é unha oportunidade para fortalecer e seguir mellorando aspectos que nos permitan acreditar con toda a forza os valores excepcionais da Ribeira Sacra” para impulsar, aínda con máis garantías, a súa inclusión na lista de Patrimonio Mundial. “Acadar o máximo recoñecemento da Unesco é -precisou- un proceso esixente, polo que os técnicos do Ministerio e da Consellería de Cultura continuarán traballando conxuntamente para estar na fase final no prazo de tempo máis breve posible”.

Criterios cada vez máis esixentes para España

“Non podemos estar máis orgullosos do traballo feito e dos grandes fitos que conseguimos nun tempo récord”, afirmou Román Rodríguez antes de engadir que cómpre ter en conta que o Comité da Unesco “está endurecendo as súas medidas e é cada vez máis estrito e rigoroso dando prioridade aos países con menos bens declarados”. Neste senso, lembrou que España é un dos tres países con máis bens recoñecidos pola Unesco, só por detrás de Italia e China. “Dos 48 bens cos que conta España, 13 foron declarados na última década, o que acredita a solvente traxectoria do equipo técnico que traballa tamén na candidatura da Ribeira Sacra”, sostivo.

Tanto o conselleiro de Cultura como o embaixador de España ante a Unesco coincidiron en que Galicia “avanza na boa dirección” e que o procedemento de avaliación se viu afectado pola situación sanitaria ao acumularse as candidaturas do ano pasado logo de que Unesco non reunise ao seu Comité do Patrimonio Mundial.

Prosseco, en Italia, xa o fixo en 2019

A este respecto, expuxeron que a decisión estratéxica de pospoñer o último paso da candidatura é un trámite “normal e habitual nas candidaturas que compiten por ser declaradas Patrimonio da Humanidade”. Concretamente, nos últimos anos optaron por esta mesma vía candidaturas españolas como o Priorat de Tarragona e a Menorca Talayótica, ou outras a nivel internacional como Prosseco en Italia, que conseguiu o máximo recoñecemento da Unesco en 2019 tras aprazar un ano a súa presentación.

Antes de rematar, Román Rodríguez agradeceu a implicación do Ministerio de Cultura e o labor dos técnicos autonómicos e estatais que traballan nesta candidatura e animounos a seguir traballando “para consolidar o gran potencial deste territorio que conta cun gran futuro e que é hoxe máis coñecido que nunca”. “O noso horizonte continúa sendo o mesmo: que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial. Estou seguro de que estamos preto de conseguilo e por iso desde a Xunta non só manteremos os investimentos previstos, senón que os incrementaremos para continuar poñendo en valor e garantindo a protección do conxunto deste territorio”, declarou.

Continuidade dos investimentos da Xunta

Así, o Goberno galego continuará avanzando de xeito paralelo á candidatura no Plan Ribeira Sacra, vixente ata 2023. Trátase dunha ambiciosa folla de ruta dotada con 34 millóns de euros que inclúe 35 accións de diversos departamentos da Xunta de Galicia vencellados coa ordenación do territorio, a conservación do patrimonio e dos valores naturais, o desenvolvemento sustentable, a educación ou a xestión do turismo.
R.