Skip to main content

A Xunta estende a gratuidade no transporte público aos menores de 21 anos de toda Galicia desde o vindeiro 21 de maio coa utilización da tarxeta 'Xente Nova'

Esta tarxeta pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias. Para empezar a empregala cómpre cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se aboarán as viaxes e posteriormente será reintegrado no dispositivo.

Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse a información relativa a este dispositivo e as vantaxes que leva asociadas, así como o listado de todas as sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello, cos correspondentes horarios e rutas.

Na actualidade, máis de 80.000 mozos menores de 21 anos xa viaxan de balde nos autobuses interurbanos da Xunta a través do emprego desta tarxeta.

A área da Coruña alberga o maior número de dispositivos expedidos, contabilizándose case 22.850; seguida da de Vigo, con case 17.225 tarxetas distribuídas; e Santiago, con preto de 12.150. Na área de Ferrol, máis de 9.600 rapaces dispoñen desta tarxeta; na de Pontevedra, máis de 5.200; e na de Ourense, máis de 2.700.

A tarxeta permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade dun caixeiro.

Iniciativa social

A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos.

Posteriormente, ampliouse a cobertura ata os menores de 21 anos e desde xuño do ano pasado, o Executivo autonómico activou este incentivo na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

Esta iniciativa do Goberno galego, enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia, ten como obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria, ao tempo que se fomenta o uso do transporte público e, polo tanto, unha mobilidade máis sustentable e limpa entre os máis novos.
R.