Os galegos e galegas que se vacinen poderán obter un certificado dixital de vacinación
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/coronavirus-vacina.jpg)
Segundo informou García Comesaña, a Comisión Europea presentou, o 17 de marzo, un proxecto lexislativo para a emisión dun Certificado Verde Dixital cos mesmos criterios para todos os países da UE. O seu principal obxectivo é impulsar a mobilidade entre os países da UE durante a vixencia da pandemia. Trátase dun conxunto de certificados que emitirán os estados membros de ter recibido a vacinación; ter dado negativo en covid; e terse recuperado recente da infección. Deben poderse emitir en formato dixital e en papel, incluír un código QR para garantir a súa autenticidade, estar impresos no idioma ou idiomas do estado emisor e en inglés, e distribuírse de xeito gratuíto.
Tal e como explicou o conselleiro, os prazos da posta en marcha do Certificado Verde Dixital sitúan ao mes de xuño como data na que se poderán emitir en España. Será un traballo conxunto entre o Ministerio de Sanidade e todas as comunidades autónomas.
Accesible dende PassCovid, É-Saúde e SergasMóbil
García Comesaña subliñou que, ata que non sexa posible emitir estes certificados europeos, a Xunta de Galicia porá a disposición da cidadanía. de forma progresiva durante o mes de abril, cada un destes certificados, empezando polo de vacinación e continuando despois polo de probas negativas e recuperación da infección. Terán un contido similar ao proposto pola Unión Europea, e, cando exista a posibilidade técnica de substituílos polo Certificado Verde Dixital, farase de xeito inmediato. Así, estaremos preparando, -dixo o conselleiro-, todas as plataformas e circuítos para dar o salto dunha forma máis doada e eficaz.
O certificado distribuirase polas mesmas canles que despois se utilizarán para distribuír o Certificado Dixital Verde. En formato dixital, serán accesibles dende PassCovid, É-Saúde e SergasMóbil. Para a súa entrega en formato impreso, poderase acceder a eles dende a historia clínica electrónica e habilitarase un acceso nos sistemas de información para que, tamén, poidan imprimilo as áreas administrativas.
Nivel restricións concellos
Na reunión do comité clínico de hoxe acordouse que a Xunta de Galicia manterá o nivel máximo de restricións no concello de Beade, logo de escoitar as recomendacións dos expertos que avalían a situación da covid en Galicia.
Así mesmo, o comité acordou que, no nivel alto de restricións, se sitúen os concellos de Abegondo, Baiona, Cortegada, O Irixo, Ortigueira, Padrenda, Pazos de Borbén, A Pobra do Brollón, Rábade, Sanxenxo e O Saviñao.
Quedarán no nivel medio de restricións, Vilardevós, Celanova, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Cangas, Moaña, Gondomar, Meis, Bergondo, Boimorto, Carral, A Coruña, A Laracha, Arteixo, Betanzos e Camariñas.
No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro venres, 2 de abril.
Vacinación e estabilidade
Na rolda de prensa posterior ao comité, o conselleiro insistiu, tamén, na importancia de seguir avanzando no proceso de vacinación, e a tal efecto reclamou máis vacinas. Tamén subliñou que a Xunta de Galicia vacinará todos os días desta Semana Santa.
Igualmente destacou que o cribado nos aeroportos galegos, que xa estaba a realizar no da Coruña, comeza hoxe no de Vigo e de Santiago. Esta medida complementa ao Rexistro galego de viaxeiros que, dende o seu inicio, xa ten máis de 683.000 inscricións.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, sinalou que Galicia está na actualidade nunha situación de estabilidade no que atinxe aos datos epidemiolóxicos, cunha incidencia a 7 días de 31 casos (media de España de 80) e a 14 días de 70 (media de España de 149).
A taxa de positividade sitúase no 2,73%. Tamén destacou que o número de concellos sen declarar ningún caso covid nos últimos 14 días foi de 140, e de 180 concellos nos últimos sete días sen ningún caso declarado.
Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores Arias, sinalou que a porcentaxe de ocupación nas unidades de críticos sitúase no 5,24%, cunha baixada do 37,5%, e a ocupación nas camas de hospitalización é do 2,39%, cunha baixada do 10,5%, o cal permite un optimismo contido, -sinalou-.
O membro do comité clínico, o doutor Vázquez Lima, remarcou a situación de estabilidade, e agradeceu o comportamento daqueles cidadáns que cumpren coas normas. Tamén pediu que se fomenten as actividades ao aire libre e fuxir dos espazos pechados.
r