Skip to main content

A Xunta presenta un Plan de Rescate para os sectores máis afectados pola Covid-19, cun orzamento de 97 millóns de euros

O obxectivo destas axudas é manter o emprego e a actividade económica dos sectores afectados, e apoiar a actividade de todos estes establecementos, estimándose que se chegará a uns 30.000 autónomos e 10.000 microempresas.
Os establecementos que se viron obrigados a pechar como mínimo 15 días debido ás restricións establecidas o pasado mes de outubro pódense beneficiar destas axudas, sexan autónomos con ou sen persoal contratado, microempresas ou pemes. Ademais dos negocios de comidas e bebidas, tamén se verán afectados hoteis, hostais, casas rurais y outros aloxamentos localizados en concellos afectados polos peches perimetrais.

Os hostaleiros recibirán 1.500 euros por mes de paralización da actividade, cantidade que pode ascender ata os 2.000 euros no caso dos empresarios con 10 ou más traballadores. Cando o período de parálise sexa menor dun mes e maior de 15 días, o importe a recibir será a parte proporcional correspondente.
Por outra banda, abríronse tamén liñas de axuda para melloras das terrazas e para servizo a domicilio, de 1.200 a 20.000 euros, e créditos de entre 3.000 e 500.000 euros en préstamos directos.

Participación do sector

Para deseñar este Plan de Rescate, a Xunta contou coa colaboración de diversos colectivos vinculados ao sector. Así, no caso destas axudas foron a Mesa de negociación da hostalería e o Clúster de Turismo os que presentaron as súas achegas para definir un Plan adaptado ás necesidades do sector.

Tramitación Sinxela

O procedemento para a solicitude destas axudas é moi sinxelo: Calquera interesado pode presentar a súa petición por vía electrónica, acompañada dunha declaración responsable. Isto permitirá que os primeiros beneficiarios podan recibir as cantidades correspondentes no mes de decembro.


Complementariedade

Estes importes son complementarios, o que significa que se poden acumular con outras axudas recibidas. Deste xeito, os establecementos hostaleiros poderían recibir entre 6.700 e 9.200 euros, o que supón os maiores apoios a este sector en toda España.

Formación para o sector

A “nova normalidade” producida pola pandemia trae novos requirimentos para o sector turístico, e por iso Turismo de Galicia vén de ampliar o programa de formación destinado ao sector, con numerosos cursos, webinars e obradoiros, que mellorarán as capacidades dos establecementos turísticos para poder dar a mellor resposta a esta nova situación.

As accións formativas divídense en catro apartados para mellorar as habilidades dos traballadores do sector en catro materias: idiomas, finanzas, reconversión e adaptación empresarial e transformación dixital. Todas as accións serán gratuítas para os participantes, e pretenden dotar aos empresarios de novas ferramentas que actualicen os seus modelos de negocio e os preparen para afrontar as circunstancias actuais, derivadas da chegada da Covid-19.
R.