Skip to main content

As tres universidades galegas colaborarán coa Xunta e o sector turístico no deseño do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro

O documento definirá o novo modelo turístico galego co que facer fronte aos efectos do coronavirus e reactivar a actividade e o emprego no turismo galego, tendo en conta as necesidades dos turistas no novo escenario postcovid. Alfonso Rueda destacou no acto de hoxe, no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; así como os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que "o Plan dará continuidade ao Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 e seguirá a fomentar un modelo turístico sustentable e de calidade cunha oferta segmentada, ao mesmo tempo que, debido á actual crise sanitaria, incidirá na mensaxe de que Galicia é un destino seguro".

Mesas de traballo e entrevistas con axentes do sector

Rueda explicou que neste intre xa se están a levar a cabo mesas de traballo e entrevistas cos diferentes axentes do sector para realizar unha diagnose da situación actual da oferta e da demanda e das necesidades das empresas. Con este Plan, o vicepresidente primeiro da Xunta manifestou que espera recuperar a confianza dos viaxeiros nos próximos meses para contribuír á reactivación do turismo galego. Deste xeito, considera que o turismo tranquilo e non masificado que ofrece Galicia é un dos punto fortes da oferta turística galega e un aspecto moi demandado na actualidade polos visitantes neste escenario marcado pola pandemia. Así, explicou que Galicia “conta cun plus ao ser percibido nos últimos meses como un destino seguro que dá resposta ás demandas dos turistas que buscan maior contacto coa natureza e espazos abertos”.

Ademais, lembrou Rueda que esta “oportunidade” á que se enfronta o turismo galego nesta situación de necesidade de axudar ao sector enlaza con outra oportunidade que hai que aproveitar: o Xacobeo 2021. Neste sentido lembrou que a Xunta continúa a preparar o Ano Santo, considerado como motor da recuperación económica do sector, coa posta en marcha de medidas que permitan levar a cabo un Camiño Seguro e contar cun Xacobeo 2021 diferente pola covid-19 pero que será o mellor dos Xacobeos posibles e “o punto de partida dos tres Anos Santos da próxima década”.

Visita dos tres reitores ao Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero

Os tres reitores galegos tamén realizaron esta mañá xunto á conselleira de Emprego e Igualdade unha visita ás instalacións do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero (CRI) na Carballeira de San Lourenzo, en Santiago de Compostela. No acto, María Jesús Lorenzana enxalzou o traballo que a Xunta desenvolve en colaboración cos entes académicos a prol da erradicación da violencia contra as mulleres, e apelou a este mesmo consenso institucional, político e social para avanzar contra as desigualdades.

En maio de 2019 os tres reitores asinaron un acordo de colaboración coa Xunta para desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado a través das súas respectivas oficinas de igualdade. O primeiro ano contabilizáronse un total de 58 accións, tal e como lembrou a titular de Emprego e Igualdade que o pasado 28 de outubro, referendou esta colaboración coas universidades co obxecto de completar outras 17 medidas. Para a titular de Emprego e Igualdade, a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, “unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación en todas as accións”, xa que, engadiu, “o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes, tanto desde o sector público como desde o privado”.
R.