Skip to main content

Presentado o 10º aniversario do programa de danza e artes do corpo 'Corpo(a)terra', que se desenvolverá en Ourense e Allariz

O festival de danza Corpo(a)terra adiantou hoxe o programa da súa décima edición, que se desenvolverá en Ourense e en Allariz do 26 ao 30 de agosto e para a que conta cun dobre apoio por parte da Xunta de Galicia. Dunha banda, a través da achega de preto de 11.500 euros mediante a convocatoria anual de axudas da Consellería de Cultura e Turismo a festivais profesionais de artes escénicas, e doutra, coa estrea galega no marco do Xacobeo 2021 da produción Pedra nas luces, espectáculo de música e baile aéreo, protagonizado por 32 drons de luz.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, detallou esta dobre contribución durante a presentación do festival, que tivo lugar este mediodía no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense coa participación das representantes da compañía TrasPediante, organizadora do evento, e das principais entidades colaboradoras.

Sutil felicitou o equipo organizativo por este aniversario, así como polo seu esforzo para adaptar a edición deste ano á actual situación sanitaria, garantindo a seguridade de público, artistas e técnicos sen que se vexa afectada a calidade da programación, cunha destacada presenza das propostas galegas.

Neste sentido, lembrou que a Xunta está a desenvolver o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico cunha serie de medidas encamiñadas a apoiar as empresas e profesionais fronte aos efectos da covid-19. Entre elas, a modificación das bases das devanditas subvencións a festivais escénicos, a través das que se distribuíron 190.000 euros entre dez eventos de toda Galicia. O aumento das porcentaxes de contratación de compañías galegas, así como do orzamento máximo que os adxudicatarios poden financiar a través desta convocatoria, son algún dos principais cambios introducidos en 2020.

“Este compromiso coa nosa cultura, e en particular coa nosa danza, reflíctese tamén noutras medidas do plan, como a flexibilización das axudas destinadas á creación e á distribución de espectáculos escénicos, así como a ampliación do circuíto Cultura no Camiño para chegar a preto de 150 concellos”, explicou o responsable da Agadic, quen tamén adiantou que esta semana se publicará no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de apoio ao sector a través da que, no marco do Xacobeo 2021, se impulsarán proxectos de carácter plurianual como residencias, ciclos ou novas programacións.

En canto á carteleira deste décimo festival de danza e artes do corpo, subliñou varias propostas novidosas, como a estrea do espectáculo Pedras nas luces, que se desenvolverá na noite do día 28 en Allariz e na do día 29 en Ourense. Trátase dunha coprodución de Umiles e a Central Folque inspirada nos canteiros de Cotobade, na que os drons bailarán ao son da música, que poderá ser escoitada polos espectadores desde os seus dispositivos móbiles vía streaming a través da web do festival.

A programación tamén inclúe montaxes de compañías galegas como Kirenia Danza, Alejandra Balboa, Funboa ou Nuria Sotelo, ademais das obras seleccionadas polo circuíto Acieloabierto, performances DJ e colaboracións internacionais, como o Programa de Movemento Virtual Xeolocalizado, que lle permitirá ao público gozar desde os seus smartphones de tres pezas de danza audiovisual nas tres prazas ourensás nas que estarán xeolocalizadas.
R.