Skip to main content

Galicia sitúase como un dos destinos máis seguros para este verán

Estas medidas están integradas dentro do Plan de Reactivación do sector cultural e turístico, que destina 58 millóns de euros a favorecer a liquidez do tecido empresarial, de xeito que se incentive a actividade turística.

Trátase de configurar a nosa comunidade como un destino seguro, que ofreza confianza tanto aos viaxeiros que nos visiten como aos propios traballadores do sector turístico e á cidadanía en xeral. Así nace “Galicia Destino Seguro”, un programa da Xunta de Galicia con axudas por un importe de 6 millóns de euros para a adopción de medidas de seguridade hixiénico-sanitarias, e doutros 2 millóns para formación e dinamización do sector, e o deseño de novos produtos, formatos e experiencias.

Algunhas das liñas concretas de actuación son a dixitalización do turismo rural (coa creación dunha plataforma de comercialización que permita xestionar reservas online, e que promova as longas estancias mediante experiencias turísticas complementarias en toda Galicia, con especial incidencia nos xeodestinos da nosa comunidade), o turismo enogastronómico (en colaboración coas Asociacións dos Roteiros dos Viños de Galicia) e o turismo MICE ou turismo de negocios, promovendo a realización de congresos mixtos (presencial e online).

Turismo familiar

Outro dos elementos a potenciar é o turismo familiar,apostando por zonas estratéxicas como os Camiños de Santiago, a Ribeira Sacra, a Mariña lucense ou a Costa da Morte. Deseñaranse paquetes turísticos entre 400 e 2.000 euros, algúns deles vinculados ao Xacobeo 2021, e todo tipo de experiencias e escapadas de enogastronomía, termalismo, natureza e patrimonio. As familias poderán afrontar os custes destes produtos de xeito fraccionado (6-12 meses) e sen intereses.

Por outra banda, programas como “A historia a pé de rúa” ou “Volver respirar en Galicia” veñen a fomentar a actividade dos guías profesionais de turismo, mediante a súa formación e adaptación, e a dinamización de visitas presenciais e virtuais de escolares e outros colectivos.

Galicia inicia a tempada estival con afán de mellora e ofrecendo, ademais duns recursos turísticos e naturais de indubidable valor, unhas infraestruturas que pretenden garantir a satisfacción dos viaxeiros:

- Máis de 5.600 restaurantes.
- Máis de 31.000 café-bar e cafeterías.
- Preto de 150.000 camas en máis de 900 hoteis e 500 casa de turismo rural (máis da metade dos aloxamentos rurais de España que con contan coa Q de Calidade están en Galicia).
- Máis de 90 museos.
- 742 Bens de Interese Cultural.
- Máis de 3.100 castros, máis de 9.100 hórreos, preto de 5.000 cruceiros e máis de 1.100 pazos, todos eles catalogados.

Nos anos pasados, un 99,4% dos visitantes da nosa comunidade afirmaron que repetirían visita, e unha porcentaxe similar asegurou que recomendarían a outros visitar Galicia. Con todo o visto anteriormente, resulta claro que a nosa comunidade conta cos elementos necesarios para manter ou incluso mellorar este grao de satisfacción.

Camiño de Santiago

Resulta obvio que o Camiño de Santiago é un dos nosos principais valores, tamén desde o punto de vista turístico, e por iso os Camiños non poden ser alleos á preocupación por ofrecer á máxima seguridade aos visitantes.

Por iso nace o programa “Camiño Seguro”, que promove un protocolo integral de seguridade para adaptar a habitual peregrinación a Compostela aos parámetros actuais: plataforma de reservas online, limitacións de aforo nos albergues (50-75%), axudas para que os establecementos adopten as medidas hixiénico-sanitarias axeitadas, formación e asesoramento para os albergueiros, e guías de manuais de apoio.
R.