Skip to main content

As persoas que cheguen a Galicia desde unha zona con alta incidencia epidemiolóxica terán que proporcionar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias

As persoas que visiten Galicia terán un espazo de tempo de 24 horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros. A Consellería de Sanidade publica hoxe por primeira vez, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a listaxe dos territorios cuxa incidencia epidemiolóxica requira desta obriga, podendo ser tanto países extranxeiros coma outras comunidades autónomas. Neste sentido, a listaxe actulizarase quincenalmente, segundo sexa a evolución epidemilóxica de cadanseu territorio.

Dúas modalidades para facilitar a información de contacto

Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que está dispoñible na web coronavirus.sergas.gal/viaxeiros/ ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A todos os viaxeiros faciltaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias. Así, por exemplo, no caso de persoas que veñan de territorios cun risco máis alto, independentemente de que teñan sintomatoloxía ou non, podería promoverse a realización dunha proba diagnóstica.

Cómpre destacar que a atención que se considere necesaria polos profesionais do Servizo Galego de Saúde, non terán custo para as persoas que a precisen, incluíndo a realización de probas diagnósticas ou, no seu caso, dos tratamentos indicados.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao incio do proceso de venda dos billetes. Así mesmo deberán facelo ás empresas, que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.
R.