Skip to main content

Galicia pide ao Goberno central que elimine a taxa de reposición na OPE de Sanidade para este 2020 e que baixe o IVE do turismo

Así mesmo, trasladou a importancia de elaborar un plan de reactivación para o sector da automoción e garantiu que, pola súa banda, Galicia seguirá traballando a través da Mesa da automoción, da que forman parte sete comunidades autónomas.

Por outra banda, e no tocante ás políticas fiscais, trasladou unha serie de medidas propostas polo comité de expertos económicos, entre as que destacou: recuperar a liberdade de amortización para investimentos; exención por reinvestimento de beneficios extraordinarios; supresión da limitación á compensación de bases impoñibles negativas; e a redución da tributación indirecta que grava presentacións en servizos como a hostalaría.

Unha vez recuperada a partir deste luns a mobilidade entre as catro provincias galegas, o titular da Xunta expuxo a necesidade de abrir máis pasos fronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal, e entre Galicia e Asturias, que tamén entra na fase 3.

Así, ademais dos pasos xa abertos con carácter ordinario -Tui e Valença, Chaves e Verín- e do paso de Calvos de Randín, que está abrindo de maneira puntual, Feijóo solicitou a apertura para mercadorías e para persoas, “como mínimo”, dos pasos de: Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monção, Arbo-Melgaço e a ponte internacional Ponte Barxas-São Gregorio. E, no caso de Asturias, avanzou unha reunión esta tarde co presidente da comunidade veciña, para avaliar a situación da ponte de Ribadeo e poder concretar, nos vindeiros días, a circulación nela.

“E tamén pedimos que esta semana se reabra ao tráfico internacional, como mínimo, un aeroporto da comunidade”, engadiu no eido da mobilidade.

Que Galicia poida executar de forma autónoma o que lle corresponda dos 16.000 M€

Nesta nova fase, o responsable da Xunta pediu ao Executivo central que faga as aclaracións sobre as competencias exactas dos presidentes autonómicos. “Entramos no estado de alarma con certa improvisación e confusión e é bo saír con certezas e con seguridade”, afirmou, expresando o desexo de que o Goberno central aclare estas cuestións para “comezar a andar o camiño para completar a reapertura de Galicia en todos os ámbitos”.

Sobre esta liña, e do mesmo xeito que a Comunidade galega xa ten aprobado un plan de rebrote, o responsable do Executivo galego avogou de novo por traballar nun plan de rebrote nacional que concrete as medidas en toda España, cun criterio homoxéneo e coordinado.

Por último, Feijóo fixo fincapé, entre outros aspectos, na “imperiosa necesidade” de contar cun protocolo único para reabrir o curso escolar en setembro; e que cada comunidade poda executar de forma autónoma e na medida das súas prioridades o que lle corresponda do reparto dos 16.000 millóns de euros, nos eidos sanitario, educativo e de servizos sociais.
R.