Skip to main content

Galicia, Canarias e Andalucía serán os destinos predilectos este verán para os turistas españois

Entre as súas achegas, "o estudo constata que as persoas que responderon a enquisa non teñen intención, en liñas xerais, de renunciar ao turismo como parte da súa axenda de ocio, aínda que amosan o seu propósito de apostar, na medida do posible, polos destinos próximos e no conxunto do territorio do Estado, para contribuír á recuperación económica do sector", explica o profesor Rodrigues Soares. Entre os destinos máis citados, destacan Canarias, Andalucía e Galicia, zonas que durante a pandemia tiveron unha incidencia menor en canto a casos de Covid-19. "Cando se lles pregunta polos principais atractivos turísticos, as persoas apostan polo sol, a praia, a cultura e máis a natureza como principais motivos para elixir destino", continúa.

Planificación, saúde e seguridade

Outra das achegas chave que se obteñen do estudo é a maior preocupación das e dos turistas por asegurar o investido na viaxe ante posibles imprevistos derivados da situación sanitaria. Entre os factores esenciais a ter en conta, as persoas declaran que procurarán obter unha información minuciosa do lugar de destino (63% das respostas) e a contratación dun seguro de viaxe (60%).

Neste senso, o estudo tamén amosa as novas preocupacións das persoas sobre a seguridade no espazo elixido, a súa inquedanza ante posibles doenzas endémicas do lugar e o interese sobre a calidade do sistema sanitario da rexión á que se vaia viaxar. Con todo, a pesar da vinculación da orixe do coronavirus SARS-CoV-2 cos mercados de alimentación da provincia de Hubei, as persoas manifestan que non cambiarán os seus hábitos á hora de probar a gastronomía local do destino. Alén diso, as respostas manifestan que manterán o interese por relacionarse coa poboación local do lugar ao que viaxen.

Que muda e que permanece?

Á hora de analizar as posibles mudanzas de plans e destinos, así como as motivacións das experiencias turísticas, o informe apunta que a maior parte das persoas que planificaran unha viaxe dentro de España (60%) manterá a súa intención, mentres que o 25% das persoas con viaxes internacionais previstos considera cambiar de destino. Neste senso, os resultados do informe reforzan a idea de que o turismo máis próximo vai saír reforzado. "Ademais do Estado español, Portugal e Italia tamén son vistos como destinos á alza nas viaxes post Covid-19", explica Rodrigues Soares. A posibilidade de mudar de plans é maior en países máis distantes, como Brasil, Estados Unidos ou México.

Entre as liñas de acción marcadas a partir destes resultados, o informe opta por fomentar nichos de turismo interno concretos que antes se procuraban no exterior por descoñecemento; o deseño, por parte das axencias de viaxes, de produtos turísticos enfocados ao novo perfil das persoas viaxeiras; a promoción de espazos abertos e produtos enfocados na natureza como mostra de seguridade, en contraposición ao risco maior de contaxio en espazos pechados, e a aposta por ofrecer de forma clara e con garantías, coa maior información posible, un produto de calidade.
R.