Skip to main content

Declaradas Ben de Interese Cultural as nove estatuas do Mestre Mateo procedentes da Catedral de Santiago

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de ben de interese cultural das nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu taller procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela. A declaración de cada unha das obras inscribirase de xeito individual no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarase ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.

A tramitación deste expediente non recibiu alegacións no período de información pública e contou cos informes favorables en relación ao carácter sobranceiro das pezas da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, segundo estes os devanditos elementos escultóricos acreditan o valor suficiente para ser declarados bens de interese cultural, contando polo tanto co máximo nivel de protección e tutela previsto na lexislación vixente.

Como a súa orixe é diversa, a declaración realízase de xeito individual e non como colección, de xeito que, de aquí en diante, cada unha delas goza da consideración de elemento sobranceiro do patrimonio cultural galego polo seu significado, a súa procedencia, as súas particularidades e a xenialidade acreditada do seu autor. Así mesmo, cómpre lembrar que a declaración de BIC é un recoñecemento de valor cultural que non afecta á titularidade do ben e que supón para os seus propietarios o deber de habilitar un mínimo de catro días de visita ao mes.

Pezas recoñecidas e en bo estado

Trátase dunha serie de nove pezas e figuras románicas ben coñecidas e que gozan de notoriedade pública tras a exposición monográfica dedicada ao Mestre Mateo no Museo del Prado. Unha mostra promovida polo propio centro madrileño, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Fundación Catedral de Santiago, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia.

As esculturas teñen unha cronoloxía comprendida entre o ano 1188 e o 1211. Dúas delas representan ao Rei David e ao Rei Salomón, mentres que outras asócianse con Abraham ou Xeremías, con Isaac ou Ezequiel, con Enoc, con Elías, cun Rei bíblico, Fernando II de León ou Santiago Miles Christi, e co Profeta Malaquías. Unha última peza queda descrita de xeito xenérico como cabeza de estatua e columna. Os bens artísticos incluídos están tanto en mans particulares como custodiados en institucións públicas do taller do Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra. En concreto, dúas delas, as que representan aos profetas identificados con Abraham ou Xeremías, e Isaac ou Ezequiel, están na actualidade en mans da familia Franco.

O estado de conservación é desigual en relación ao diferente destino que tiveron despois de variar a súa posición orixinal, pero na actualidade, como resultado dos procesos de restauración realizados de forma previa á súa exposición pública no marco da antedita mostra, amosan un bo estado de mantemento xeral.

O contexto das pezas

Na Idade Media os artistas traballaban agrupados nos gremios e formaban parte dun taller formado polo mestre que dirixía o obradoiro e coordinaba aos seus axudantes. Por tanto, con respecto a autoría das pezas estamos a falar do Mestre Mateo como director dun gran equipo que foi capaz de desenvolver o seu proxecto para a Catedral nun prazo de algo máis de corenta anos (1168-1211).

En concreto, Mateo foi o artífice na Catedral compostelá do principal conxunto escultórico medieval dos Camiños de Santiago, que ten como colofón o Pórtico da Gloria e aglutina coñecementos técnicos, artísticos, teolóxicos, musicais e simbólicos do seu tempo, para crear un espazo harmónico de gran refinamento espacial e plástico que non coñece parangón até o Renacemento italiano.

Neste sentido, antes da modificación da fachada occidental no 1521 e a súa substitución definitiva a mediados do século XVIII pola actual do Obradoiro, o pórtico tería cara ao exterior un nártex moi pouco coñecido ata o de agora, cuxo programa escultórico completaba a súa mensaxe e do que conservamos unha pequena serie de esculturas, que outrora terían unha colocación similar á das estatuas-columna da parte interior do Pórtico.

A serie de esculturas, que outrora formaban da figuración monumental que Mateo propón para a entrada occidental da catedral de Santiago, aínda que estean fóra do seu contexto orixinal, permiten a identificación do proxecto arquitectónico da basílica compostelá. Trátase dunhas obras que implicaron un profundo cambio no templo durante o seu proceso construtivo, outorgándolle personalidade ao conxunto da obra e completando a mensaxe do Pórtico da Gloria.
R.