Skip to main content

O ciclo 'Cultura no Camiño' programa 284 actuacións en 76 concellos das 10 rutas xacobeas

Todas elas están situadas nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Municipios asociados

Por provincias, 107 das actuacións teñen lugar en 29 concellos coruñeses (A Pobra do Caramiñal, Ames, Arzúa, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Cambre, Carral, Cee, Culleredo, Dumbría, Fene, Fisterra, Miño, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Sobrado, Teo e Vilasantar); en Lugo, 20 concellos ofrecerán 74 citas (A Fonsagrada, Baleira, Barreiros, Begonte, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Guntín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Trabada e Vilalba); 11 concellos de Ourense achéganlle ao seu público 44 funcións (A Mezquita, Allariz, Baños de Molgas, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia); e en Pontevedra, 16 municipios programan 59 representacións (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Meaño, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pontecesures, Portas, Redondela, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Vilaboa e Vilanova de Arousa).

Ademais, o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega con nomes como Mago Teto, Cayetano Llefó, Martín Camiña, A Banda de Balbina, Aldaolado, De Vacas, Habitación Vudú, Leilía, Rodrigo Romaní, Roi Casal, Silvia Penide, The Lákazans, Xacobe Martínez Antelo, Xoan Curiel, Magín Blanco, Pistacatro, Culturactiva, Redrum Teatro, Baobab, Elefante Elegante, Os Monicreques de Kukas ou Títeres Cachirulo, citando tan só algúns dos grupos e artistas incluídos nesta ampla carteleira. Moitas das súas actuacións, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, organízanse en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu labor de dinamización cultural.

Catorce funcións e concertos na fin de semana

Este mes de agosto está a ser o de maior actividade dentro do ciclo, con 123 propostas para todos os públicos. Catorce delas terán lugar esta fin de semana, con seis actuacións hoxe venres nas rúas de Boiro (Crunch!, de Muu, ás 12,00 h.), na praza do Concello de Trabada (Pasarrúas máxico, de O Mago Paco, ás 18,00 h.) e na de Riós (Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro, ás 20,00 h.), no Centro Cultural Municipal de Rodeiro (Eu quero ser galega, de De Ste Xeito Producións, ás 20,00 h.), na praza do Corgo do Grove (E se os soños se cumpren!, de O Garaxe Hermenéutico, ás 21,30 h.) e na praza da Vila de Sarria (Odaiko, ás 21,30 h.).

Mañá, sábado 17, será a quenda do Mago Teto, na praza de España da Fonsagrada (17,00 h.), Xoan Curiel, na praza do Camiño de Portomarín (20,00 h.), Culturactiva con Saaabor!, na praza Maior de Xinzo de Limia (20,00 h.), María Faltri Picadiscos, no campo de Vilanova de Allariz (20,30 h.) e Leilía, celebrando o seu 30º aniversario no refuxio de pescadores de Covas, en Negreira (22,00 h.).

Para o domingo 18, Cultura no Camiño ten preparados outros tres concertos: Laroá, no campo de Vilanova de Allariz (19,00 h.), Black, no campo da Igrexa de Cambre (20,30 h.) e A Gramola Gominola, na praza do Concello de Trabada (21,00 h.).
R.