Skip to main content

Galicia lidera o crecemento turístico en España no primeiro semestre

Galicia liderou durante o primeiro semestre do ano o crecemento turístico en España, un período no que superou por vez primeira a barreira dos dous millóns de viaxeiros. Así se recolle no balance correspondente aos seis primeiros meses, que foi presentado esta mañá polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, no Náutico de Sanxenxo, nun encontro cos medios no que estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e polo alcalde desta localidade pontevedresa, Telmo Martín.

O titular de Cultura e Turismo salientou que os datos constatan que o turismo galego “medra en cantidade, pero sobre todo en calidade”. Así, segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), a nosa foi a Comunidade na que máis medrou a demanda turística, cun alza do 7,7% fronte ao 1,2% do resto de España, reflectindo que Galicia “é un destino turístico atractivo para os viaxeiros tamén en tempada media e baixa”.

Os datos sinalan un incremento que se estende a todo tipo de viaxeiros, ao rexistrarse unha suba de preto do 5% no turismo interno (o que realizan os propios galegos dentro da súa Comunidade) e dun 6% no turismo nacional. Román Rodríguez destacou especialmente a subida de preto do 15% dos viaxeiros estranxeiros, que supoñen xa o 27% do total, e que atribuíu ao esforzo da Xunta por posicionar Galicia nos mercados internacionais a través de numerosas accións e ao empuxe do Camiño de Santiago.

Sector “máis competitivo e profesionalizado”

“Non só chegan máis visitantes que nunca e mellor repartidos, senón que cada vez máis os viaxeiros quedan máis tempo na nosa Comunidade, fan máis gasto e permiten crear postos de traballo de calidade durante todo o ano”, sinalou o conselleiro. Neste sentido, felicitou aos profesionais do sector porque o seu traballo está a permitir que a evolución de Galicia en todas as variables sexa superior ao conxunto do Estado.

As cifran constatan, igualmente, un crecemento nos datos relacionados cos parámetros de calidade ligados ao turismo. Así, Román Rodríguez explicou que a rendibilidade hoteleira mellorou a un ritmo moi superior á media española, crecendo por enriba do 9% fronte ao 3,6% rexistrado a nivel nacional, “o que reflexa que contamos cun sector turístico cada vez máis competitivo e profesionalizado”.

Este feito tivo unha “importante repercusión” no emprego vencellado ao turismo. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo remarcou que segundo a Enquisa de Poboación Activa, o sector turístico galego emprega un 9% máis profesionais que hai un ano, un feito que reflicte que cada vez “se crea máis emprego de calidade durante todo o ano”, ao tempo que permite “xerar riqueza e fixar poboación nos distintos territorios”. Do mesmo xeito, remarcou a alza do 2,3% nas afiliacións á Seguridade Social no sector turístico e que encadean seis anos consecutivos de progresión.

En canto ás tipoloxías de aloxamento, sobresaen os hoteis, que son a modalidade preferida polos turistas que visitan Galicia, pois concentran o 73,5% da demanda. En xeral, todas as tipoloxías de aloxamento rexistraron máis viaxeiros, tamén ás pensións, os apartamentos turísticos, os cámpings e os establecementos de turismo rural. En concreto, estes últimos xeraron 9.000 novos turistas, cunha suba próxima ao 12%.

Datos por provincias e cidades

Por provincias, en termos absolutos, A Coruña foi a que máis demanda recibiu, un 43%, seguida de Pontevedra cun 34%, mentres que Lugo e Ourense sumaron un 15 e un 8%, respectivamente. Non obstante, Lugo foi a que rexistrou un maior crecemento ao experimentar unha suba de preto do 10%.

Román Rodríguez atribuíu este feito ao esforzo do Goberno galego por poñer en valor os valores turísticos que caracterizan aos diferentes xeodestinos apoiando o turismo rural e as experiencia ligadas á nosa enogastronomía ou á nosa paisaxe e patrimonio cultural, “capaces de atraer viaxeiros durante todo o ano”.

No referente aos sete principais destinos urbanos, Santiago sitúase como a cidade que máis viaxeiros recibe, superando os 300.000, seguida da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol. A capital galega foi tamén a que rexistrou un mellor comportamento durante o primeiro semestre, ao experimentar un alza de preto do 9%, seguida de Ourense, cun incremento do 11%, e da Coruña, cunha suba de case o 4%.

No plano internacional, destacaron especialmente os viaxeiros procedentes de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Italia e Reino Unido e o incremento dos Países Baixos, mentres que, no referente ao turismo nacional, as comunidades que máis turistas achegaron nese período foron Madrid, Castela e León, Andalucía e Asturias.

Mellor oferta e infraestruturas

O titular de Cultura e Turismo incidiu na necesidade de seguir traballando co obxectivo de continuar nunha liña ascendente “sempre da man da calidade e de xeito sustentable”. Precisamente, lembrou que a Xunta está promovendo iniciativas e experiencias turísticas ligadas a potenciar as singularidades turísticas de cada zona ou valores como o enoturismo, os festivais de música ou a oferta termal. Así mesmo, está a afondar na mellora permanente das instalacións e dos servizos ofrecidos, con liñas de axudas tanto aos concellos do rural como aos establecementos privados, neste caso coa posta en marcha do Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos.

Nesta mesma liña, lembrou que o Goberno galego está impulsando accións como a estratexia Galicia Sabe, para potenciar a Comunidade como destino enogastronómico de referencia ou iniciativas como os Trens Turísticos ou FEST Galicia, entre outras.
R.